займ срочно

Este sábado plantaranse máis de 1.000 árbores no monte veciñal de Froxán, en Lousame

0

Lousame, 19 de xaneiro do 2018 – A Comunidade veciñal do Monte de Froxán coa colaboración de Verdegaia e a Sociedade Coluna Sanfins plantará este sábado máis de 1.000 árbores autóctonos que substituirán eucaliptos.

Trátase da primeira “roga” ambiental do ano, nome co que se denomina a unha xornada de traballo en común. En este caso serán 160 persoas as que se reunirán no monte de Froxán para plantar 1.300 carballos, bidueiros, cereixeiras, freixos e cerquiños conseguidos por medio dun crowdfunding solidario. En tan só 20 días conseguíronse 8.000 euros doados por 300 persoas que servirán para amadriñar unha hectárea de bosque.

“Placaxe ao eucalipto”

A xornada de traballo terá dúas partes. Na da mañá medio cento de persoas voluntarias, incluíndo o equipo feminino do Rugby Vigo en pleno, realizarán a plantación de frondosas autóctonas na primeira das zonas delimitadas para a substitución de eucalipto. Trátase dunha zona de vaguada que xa se vira afectada pola vaga de incendios que asolaron a comarca en 2006, e novamente por outro lume intencionado en maio de 2016, e na que nace o río San Fins, que se xunta ao Traba a apenas 1 km da ría de Muros e Noia. A zona servirá como “cortalumes verde” nunha zona sensíbel de cabeceira de cunca, importante para a regulación dos recursos hídricos e o bo estado das augas.

Programa “Montescola”

Na xornada da tarde serán protagonistas as nenas e nenos da Escola Semente Compostela que, acompañadas das súas familias e do resto de voluntarias, continuarán os traballos de plantación na segunda das parcelas delimitadas así como na contorna da Aula da Natureza da Comunidade de Froxán, na que xa se plantaron varios centos de árbores en substitución de acacias e eucaliptos. Encádranse así os traballos na proposta pedagóxica “Montescola”, que busca aproximar ás máis novas ao monte e á importancia social da súa conservación.

O obxectivo final do proxecto é restaurar o bosque nativo nun total de 10 hectáreas. Calquera persoa poderá “amadriñar” unha árbore, cunca, ferrado ou fanega, a través da plataforma de micromecenado Kukumiku, ademais de participar nas “rogas” de voluntariado ambiental que se irán convocando na mesma web do crowdfunding e nas redes sociais. De feito, ante o éxito da campaña, xa está prevista a segunda xornada de traballo para o día 4 de febreiro.

este modo, os traballos iranse realizando ao longo deste ano e o seguinte conforme se alcancen os sucesivos chanzos de financiamento, actualizándose ademais nun mapa do portal de ciencia colaborativa biodiversidade.eu no que non só se poderá seguir a evolución do bosque se non que cada “madriña” poderá visualizar a posición aproximada da súa árbore. Ao pé da cada árbore ou espazo amadriñado, os colectivos promotores colocarán ademais unha pedra rotulada co nome da persoa participante no proxecto.

Un monte singular

O monte de Froxán, xunto co de Santiago de Covelo, foron os primeiros de todo o Estado a seren declarados Áreas Conservadas por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais (ICCA), unha figura respaldada polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente que pretende destacar o empeño e resultados en materia de conservación realizado por estes colectivos. De feito, o de Froxán é o primeiro territorio deste tipo a ser incorporado á Base de datos mundial de Áreas Protexidas despois de pasar por un proceso nacional de revisión por pares. A inclusión no rexistro ICCA (www.iccaregistry.org) implica ademais a realización de revisións periódicas co fin de garantizar que a xestión do monte ten como resultado a conservación dos valores naturais e ecosistémicos.

Horarios, actividades e localizacións:

10:30 > Saída desde Froxán ata o Ramo Curvo (1km a pé), para plantación forestal

Google Maps: http://ir.gl/9cd58

10:50 a 14:00 > Traballos de plantación na zona do Ramo Curvo

Google Maps: http://ir.gl/ad56ff

14:20 a 15:00 > Comida de volta en Froxán (primeira coordenada)

15:00 > Saída desde Froxán ata a Aula da Natureza (500 m), para plantación e rozas

15:10 a 17:00 Traballos de plantación con nen@s e familias na Aula da Natureza

Google maps: http://ir.gl/18fc24

17:00 > Alboroque ás participantes de volta en Froxán

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies