Hoxe revisamos dúas estreas estadounidenses moi diferentes entre sí, 12 Strong e a historia de Roman J. Israel. A, polo de agora, última produción de Jerry Bruckeimer, mega artificieiro ampuloso, que con setenta y cinco anos aínda ten folgos para liderar unha das súas típicas trapalladas e a historia dun Quixote desactualizado na cidade de Los Ángeles de hoxe en día.

Na cidade de Nova York , no sito onde erguíanse as Torres Xemelgas, hai unha estatua ecuestre dun soldado yankee a lombos dun cabalo, armado cun M-16. Cando vin ese despropósito artístico o único que pasou pola miña testa foi o pensamento de “que exaxeración de mal gusto. Qué inapropiada loa ó militarismo!.” O certo é que se houbese dedicado un minuto a achegarme a placa e ler a lenda entendería o por qué dese emprazamento.

Resulta que a historia do xinete ten moito que ver co filme 12 STRONG (2018) de Nicolai Fuglsig. Tras os atentados do 11 de setembro de 2001 o exército de Donald Rumsfeld plantexa unha operación urxente no feudo dos talibáns; Afganistán. Manda un pelotón de 12 membros das Forzas Especiais para asestar unha puñada mortal no corazón da loxística da organización terrorista. O plantexamento é difícil a máis non poder. Chegar, vencer e volver todos. Unha operación que podería levar tres anos resolvela, pero que teñen que facela en 21 días e maiormente transportados por cabalos.

Ao ser unha incursión encuberta, non tivo a publicidade nin as loas posteriores  dos medios de comunicación, ata que o escritor Doug Stanton contou os feitos no libro HORSE SOLDIERS editado no 2005 e que Ted Tally (que chegou o seu cúmio no 1991 co guión THE SILENCE OF THE LAMBS) e Peter Craig -autor da tíbia THE TOWN (2010)-, asinan o texto para a grande pantalla.

Dentro do xénero bélico hai varias ramificacións. Os filmes que denuncian as atrocidades da guerra, os que panfletan os exércitos, as imperialistas, as de vácuo contido pero moi espectaculares, etc… 12 STRONG é cine que xoga a contar unha épica historia de bravos que non teñen medo a morrer polo seu país. Os membros das Forzas Especiais son seres dotados dunha resistencia hercúlea, só comparables os Tercios de Flandes, incansables o abatemento e indoloros á intemperie.

É un filme que tenta homenaxear a proeza dos guerreiros, con moitos recursos de intendencia empregados (cando os filmes son pro, o Exército estadounidense surte de todo o que faga falla), cun investimento marca da casa Bruckheimer, será por cartos! e coa presenza dunha rutilante estrela  coma é o esposo da Pataky,o señor Hemsworth, que aquí muda o martelo por unha metralladora.

Pero dicíamos que tenta, pero finalmente non o consegue. Non vou caer no burdo comentario que soese escoitar de “para que unha película bélica sexa boa ten que ser antibelicista”. Non. Non é certo. Van moitos exemplos de magníficas producións que ensalzan as contendas sen buscarlle moitas máis inquedanzas, dende a magnífica GUNGA DIN (1939) de George Stevens, pasando pola extraordinaria OBJECTIVE BURMA! (1945) de Raoul Walsh ata chegar a formidable BLACK HAWK DOWN (2001) de Ridley Scott. Pura acción a ritmo de colt que dispararía o mesmo Sam Fuller.

12 STRONG non chega ao exercicio de mera propaganda coma pode ser o caso do LONE SURVIVOR (2013) de Peter Berg (outra historia real de contrinsurxencia no país afgano que sae moi mal), nin cae no patriotismo exacerbado do GREEN BERETS (1968) de John Wayne, onde o vello Duke, aniquila un millón de comunistas dun só disparo. E por suposto ten unhas calidades moi superiores a esa carcasa baleira e nefasta que é ACT OF VALOR (2012) de Scott Waugh. Non xoga na liga de subproductos padecidos nas sagas de Stallone ou Chuck Norris, pero o filme non consegue manter a tensión narrativa e a loita final, está filmada con moita mediocridade. A “carga da brigada lixeira” provoca sonroxo e gargalladas nos Rohirrim de Rohan. Nen sequera a B.S.O. que compón Lorne Balfe (maravilloso o seu traballo para unha das mellores películas do ano,THE FLORIDA PROJECT) consegue restablecer os latexos arrítmicos.

Coma soe ser habitual, según nos lares onde proxecten ó filme pode ter máis ou menos éxito. Nos EE.UU. este tipo de historias teñen un fandom moi fiel e certamente xogar coas sensibilidades tralos feitos do 11-S garante unha boa resposta no “Box-Office”, pero aquí temos que ir mais aló do compunximento patrio e analizar ás técnicas e o conto que nos ofrecen. Ben no primeiro, aínda que desaproveitado polo inexperto ollo do cineasta danés e moi frouxo no segundo.

Coma elemento motivador para alistar a moreas de mozos para o Exército, pode valer. Sempre foi así e non vai trocar a cousa, O Estado Maior sempre busca un éxito comparable o vivido, por exemplo, no 1986 co filme TOP GUN. Miles e miles de rapaces incorporáronse nos diferentes exércitos para emular as venturas de Cruise. Xa sabedes, montar nunha potente moto, pilotar un F-14 e ligarse a atractiva mestra. American Way of Life!, ouh yeaah!. Eso alí, claro!. Aquí andarían co botellón…

E xa que estamos a falar da maquinaria publicitaria da industria militar, Peter Craig, ten comprometido poñer en negro sobre branco a volta de Maverick na TOP GUN: MAVERICK para 2019. Moitos rapaces dos ointenta estarán agora co ritmo cardíaco a fume de carozo. Mandingo non, aínda que irá a vela e xa vos contará.

12 STRONG; se non a vedes tampouco perdedes nada.

O filme que pecha a crítica de hoxe é a revisión do mito artúrico do cabaleiro que protexe a ponte do dragón, o cruzado sen espada capriano o heroe anónimo incorruptible cunha ética e compromiso vital que aplaudiría o mesmo Bertrand Russell. Falamos do abogado Roman J. Israel, soberbiamente interpretado por ese coloso das táboas escénicas que é Denzel Washington, actor cunha presenza que por si soa é capaz de enchela pantalla.

Dan Gilroy, (autor da notable, inqueda e turbia NIGHTCRAWLER -2014-) escribe e dirixe este benintencionada produción que quere elevar o espírito do altruismo e da filantropía o máximo expoñente. Para iso conta co esforzo da produtora ESCAPE ARTISTS, empeño persoal de Washington e de Todd Black, produtor de moitos dos proxectos do gañador de dous Oscar.

Coma trátase de narrar unha historia de redencións e de volver ós valores máis nobres nos que os proxenitores deben inculcar os seus fillos, qué mellor que adornar todo isto coa B.S.O. tópica de turno!. E quén máis idóneo que o edulcorado James Newton Howard!, un John Williams de peto, que tanto pode facer composicións para a lembranza coma no GLENGARRY GLEN ROSS (1992) coma pifiala coa súa ñoñería. Non é un dos meus favoritos, a verdade, e para este filme déixame un pouco “nin arre, nin xo”.

Filmada case na súa totalidade na cidade californiana de Los Ángeles, a pericia de Gilroy por integrar localizacións reais coma case un actor máis e digna de ovación. Xa o conseguira na anteriormente citada NIGHTCRAWLER (triscadelo sutil a xungla de asfalto nocturna do TAXI DRIVER (1977) de Scorsese) e que está belamente iluminada por Robert Elswit, un dos mellores directores de fotografía que seguen no activo. Calidades técnicas case de orfebre artesán tanto no deseño na produción, coma nas artísticas. Moi coidadas.

E o máis importante, a historia, qué tal?.

Boa idea. Bo guión. Merco o final inclusive, pero non coma está plantexado o desenrolo do filme. Recoñezo que comeza con moito brío e interese, pero conforme vai avanzando a metraxe o filme muda de velocidade, perde estabilidade narrativa e vai no derradeiro tercio cunha inercia que bota a perder as impresións de película maior que tíñamos na mente durante grande parte do visionado. Sensación de ter unha oportunidade perdida. Mágoa por que este tipo de cinema, non é doado de producir no Grande Hollywood e o considero esencial para espertar a masa adormecida de somas catódicos, enxaulada nunha elipse de conxunto neuronal inócuo.

Por intres, o filme lembroume un chisco a ese GRAND CANYON (1992) de Lawrence Kasdan ou salvando as distancias argumentáis, a obra mestra que rodou tamén no 92, o grande Robert Altam co seu THE PLAYER. Pero é un quero, pero non podo. Ensalzo accións individuais (ben coma sempre Denzel, inclusive o estomagante Colin Farrell esforzase na réplica e gustoume a caracterización de Carme Ejogo, do mellor do filme), pero o empaque final é coma ese bote de plástico que vai chegando a beira da praia, desinflándose cada vez máis.

Se o que pretendía Gilroy era que sairamos da sala de proxeccións co peito cheo de positivismo e bo corpo, non o conseguiu. Para iso mellor a sobredose vital de “We, the People” que Spielberg nos agasalla coa súa excepcional THE POST (2017).

Non quero rematar hoxe, sen falar do primeiro ciclo de Cinema Luso-Galego: Mulleres, Patrimonio, Sociedade. Iniciativa posta en marcha pola Universidade de Minho, o Consello da Cultura Galega, o Centro de Estudos Galegos de Braga e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Oportunidade para descubrir outro cinema alonxado das canles de distribución habituais e que podedes gozar na vila de Braga ata o 17 de maio.

A vindeiro luns, haberá unha sorpresa para o fandom máis nerd. A ver se vos gosta. Xa me contaredes.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies