As ‘Lecturas poéticas en Fonseca’ homenaxean ó poeta Fran Cortegoso en Fonseca

0

Compostela, 10 de maio do 2017 –  Para conmemorar o Mes das Letras Galegas, a Facultade de Filoloxía da USC organiza a II edición das Lecturas poéticas en Fonseca que nesta ocasión renderán homenaxe ao poeta falecido hai menos dun ano Fran Cortegoso, que foi estudante de Filoloxía Galega.

Con este evento dáselle así mesmo continuidade ás lecturas organizadas o curso pasado como froito dunha colaboración entre a facultade e CampUSCulturae.

As ‘Lecturas poéticas en Fonseca’, que terán lugar hoxe mércores 10 ás 19.00 horas na Biblioteca América nun acto público ata completar aforo, naceron coa vontade de consolidar a comunidade de escritores e lectores vinculados á universidade. Nesta edición contará coa presenza de voces recoñecidas da literatura galega contemporánea, que lerán poemas propios e do poeta homenaxeado.

Así, participarán Teresa Moure e Carlos Quiroga, profesores da Facultade de Filoloxía, aos que se sumarán as voces emerxentes de Laura Camino e Gisella Costas, ambas galardoadas no Certame Mazarelos, ou José Carlos Cómitre, membro do persoal de administración e servizos do centro e destacado representante da vizosa tradición da poesía andaluza.

Recitarán asemade dous poetas moi vinculados a Fran Cortegoso: a poeta Olalla Cociña, que obtivo o prestixioso premio de poesía Afundación na súa última edición, e Antón Lopo, novelista e editor do derradeiro libro de Fran Cortegoso. Ao final do acto, a cantante Alba María Rodríguez dialogará musicalmente cos versos do poeta.

O recital emitirase en directo por USC TV que, de ser necesario, fará unha proxección audiovisual no claustro de Fonseca.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies