займ срочно

25N Os traballad@res dos CIM contra a Violencia de xénero

0

O pasado 20 de novembro a Xunta de Galicia anunciou a posta en marcha dun paquete de novas medidas contra a violencia de xénero centradas na atención ás vítimas, na concienciación e na ampliación do coñecemento sobre as formas e incidencias da violencia. Ante este anuncio, ASOCIM1 (Asociación de profesionais dos CIM) quere recordar que os oitenta e un Centros de Información á Muller de Galicia xogan un papel fundamental na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero.

Desde os CIM articúlanse procesos de asesoramento xurídico, de atención psicolóxica, de orientación profesional e sociolaboral; e tamén realízanse actividades de sensibilización e prevención da violencia de xénero. Por

todo isto, ASOCIM non só solicita que se fomente o crecemento desta rede senón que tamén pide que se dote a tódolos CIM das ferramentas humanas, materiais e orzamentarias necesarias para levar a cabo o seu traballo e o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Esixe, por tanto, unha aposta firme e decidida polos CIM como espazos de prevención e educación en igualdade, de recuperación e acompañamento, de loita e resistencia.

Esta asociación considera primordial unir esforzos, crear redes e realizar accións que garantan unha vida libre de violencia para as mulleres. É necesario facer máis porque a realidade coa que se atopan diariamente as técnicas e técnicos dos CIM precisa de moito máis que boas palabras para atallar situacións que poden acabar da peor das maneiras. Os CIM son piares na a loita contra a violencia de xénero a nivel local, as profesionais (avogadas, psicólogas, etc) que traballan nestes centros posúen os coñecementos necesarios para axudar ás mulleres e aos menores, mais o seu traballo, as súas valoracións e achegas son, en moitos casos, infrautilizadas ou, directamente, desbotadas. Un recurso tan valioso e tan en contacto coa realidade das vítimas debería estar mellor valorado e ser tomado en conta.

Esta é outra das reivindicacións de ASOCIM co galo do 25-N, unha maior consideración e respecto polo traballo que se desenvolve nos CIM.

1Desde a súa constitución en 2015, ASOCIM traballa na promoción do recoñecemento social das/os profesionais dos CIM. Así mesmo loita contra a discriminación e busca promocionar activamente a igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres como garantía dos dereitos humanos e liberdades fundamentais.

As polémicas sentenzas xudiciais de casos moi mediáticos que se coñeceron ao longo deste ano evidenciaron as carencias do Poder Xudicial ante a violencia de xénero. Esta é unha realidade que moitos membros desta asociación tiveron que confrontar polo que ASOCIM valora como moi necesaria unha formación específica para sensibilizar ao conxunto da xudicatura. As accións formativas non deben deterse aí, deben seguir realizándose e alcanzar a todo o persoal das áreas que entran en contacto coas vítimas como os corpos de seguridade, o ámbito sanitario, a administración, etc.

ASOCIM solicita igualmente unha mellora inmediata das axudas económicas destinadas ás mulleres vítimas e daquelas dirixidas a promover a inserción laboral das mesmas, paso fundamental para a consecución dunha vida digna e independente tanto para elas como para as súas fillas e fillos.

Esta asociación entende que a erradicación da violencia contra as mulleres debe ser algo prioritario na axenda política, social e económica; e considera que a atención integral ás mulleres debería estar blindada por seren un servizo de prevención e de apoio socialmente indispensable.

Por todo isto, ASOCIM seguirá a traballar na consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes, e para que entre dun xeito prioritario e transversal, na axenda política.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies