Conmemoran os 30 anos do primeiro concerto da desaparecida Xove Orquestra de Galicia

0

Compostela, 14 de xullo do 2017 – Cunha serie de actos e un concerto se conmemora mañá sábado a primeira actuación da desaparecida Xove Orquestra de Galicia.

O 23 de xullo do ano 1987 tivera lugar, na igrexa de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela, o primeiro concerto da Xove Orquestra de Galicia. A formación, creada ao amparo da Xunta de Galicia, estaba impulsada e dirixida por Joám Trillo e acollería durante varios anos sucesivas quendas de instrumentistas, primeiro de corda e logo tamén de vento.

A Xove Orquestra de Galicia foi un proxecto musical novidoso en Galicia que combinaba a formación musical coa práctica orquestral semi-profesional, cun sistema de bolsas de estudos e en contacto permanente cun equipo de profesores. Nun momento no que os centros galegos de ensino musical aínda non comezaran a fase de expansión e modernización que logo vivirían e aínda non existían as orquestras profesionais que hoxe se coñecen, a Xove Orquestra de Galicia veu significar unha ponte necesaria que contribuíu notablemente na formación e ulterior evolución dos músicos, así como na difusión da música culta por todos os rincóns da Comunidade.

Son moi diversos os camiños que seguiron os que no seu día disfrutaron dunha daquelas bolsas de estudos mentres se mantivo en funcionamento, entre 1987 e 1995, nun amplo abano que inclúe a orquestra profesional, a interpretación solística e de cámara, a investigación musicolóxica e o ensino en todos os niveis educativos, incluidos a educación primaria, a educación secundaria, os conservatorios (elementais, medios e superiores), a universidade…, sen esquecer a especialización en outros estilos musicais ou o cambio de actividade e o desarrollo de outras carreiras.

Esta celebración xurde como unha iniciativa particular organizada polos propios músicos co obxecto de rememorar e poñer en valor aquela etapa realizando un encontro lúdico e musical no que se poidan reunir moitos de aqueles que nalgún momento integraran a orquestra.

Actividades

A reunión de antigos compoñentes da Xove Orquestra de Galicia comezará coa presentación as doce do mediodía dunha pequena Mostra documental e que se poderá visitar durante o resto do día.

Ás 16’30 realizarán no Paraninfo da Universidade un Ensaio conmemorativo, no que se prevé rememorar de modo informal o mesmo repertorio do concerto inaugural da orquestra, composto por obras de F.Benda, W.A.Mozart, F.Mendelssohn e A.Gaos.

Xa ás 20’00 horas abrirase nese mesmo Paraninfo unha Charla retrospectiva pública na que se fará un recordo de como foi o proceso de creación e a evolución daquela institución, coa intervención de varios dos seus ex-integrantes, coordenados polo profesor Xosé Crisanto Gándara Eiroa, e de quen fora o seu director, Joam Trillo, finalizando cunha breve lembranza da violinista e escritora Luisa Villalta, finada en 2004, que fora un dos seus membros fundadores.

https://www.facebook.com/events/1942590146026383/?ti=cl

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies