IX Semana da Historia de Noia

0

Noia, 22 de marzo do 2019 –  A IX Semana da Historia de Noia, que terá lugar na Casa da Cultura e na Igrexa de Santa María A Nova do 30 de marzo ao 6 de abril, estará dedicada este ano ao legado de Berenguel de Landoira.

A semana da Historia de Noia mostrará a historia do que fora arcebispo de Santiago no século XIV e que estivo refuxiado na vila entre outubro de 1319 e xaneiro de 1320. O  programa foi presentado polo alcalde, Santiago Freire; o concelleiro de Cultura, José Pérez; e o presidente de Barbantia, Manuel Cartea.

Freire agradeceu o traballo realizado tanto dende a Concellería de Cultura coma dende Barbantia na organización da IX Semana da Historia de Noia, con mención especial a Xerardo Agrafoxo e Suso Xogaina, directores e coordinadores das xornadas. “Sabemos que Noia esperta un gran interese histórico e todo o que sexa poñer en valor ese atractivo é positivo para a nosa vila”, explicou o alcalde Noiés.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura desglosou o programa deste ano, que inclúe un total de nove ponencias en sete sesións, que terán lugar na Casa da Cultura e na Igrexa de Santa María A Nova. “Ademais de agradecer o traballo de organización realizado por Barbantia, cun amplo e interesante programa, gustaríame destacar que se trata dun curso homologado pola Consellería de Educación”, apuntou José Pérez.

Finalmente, Manuel Cartea explicou que a IX Semana da Historia de Noia “estará dedicada ao legado dun personaxe cuxa vida merecería unha película. Arcebispo, cura con alma de guerreiro que empuñou máis a espada que a palabra. É incrible ver as viaxes que fixo no século XIV. Estivo preso, tiña alma de Templario…”. Así mesmo, agradeceu a colaboración do Concello de Noia na organización das xornadas pois “Noia é a nosa casa, non só pola súa actividade cultural e polas boas relacións co Concello, senón porque moitos dos socios de Barbantia son investigadores desta cidade milenaria”.

Programa

A IX Semana da Historia de Noia abrirá as súas portas o sábado 30 de marzo, ás 19:00 horas, na Igrexa de Santa María A Nova coa conferencia “As viaxes de Berenguer de Landorre”, a cargo do historiador Xerardo Agrafoxo. O acto contará coa actuación da soprano noiesa Esperanza Mara.

As tres sesións seguintes terán lugar na Casa da Cultura de Noia, en horario de 20:30 horas. Así, o luns 1 de abril, a arqueóloga e historiadora Ana Isabel Filgueiras Rei falará sobre “Memoria e expresión artística do edificio Casino (1924-1928)”. O martes 2 de abril, a xeógrafa Maite Sobradelo disertará sobre “A industria das papeleiras en Lousame”; mentres que Iolanda Mato e Lucía Cao, da sociedade histórica e cultural “Coluna de Sanfins”, impartirán a charla “Do monte ao mar de Noia”. O mércores 3 de abril, a arqueóloga Manuela Pérez Mato dará unha charla titulada “Muller tiñas que ser. As mulleres de Noia na Idade Media e Moderna”.

O xoves 4 de abril as xornada trasladarase á Igrexa de Santa María A Nova onde, ás 20:30 horas, terán lugar dúas charlas: “A chave do reino”, do arqueólogo Xepe Torres; e “As claves de Santa María a Nova”, de Concha Allut, licenciada en Historia da Arte. O venres 5 de abril, a Casa da Cultura acollerá a charla “A muralla de D. Berenguel: memoria urbana da vila de Noia”, a cargo do xeógrafo Pedro García Vidal.

A IX Semana da Historia de Noia pechará as súas portas o sábado 6 de abril, ás 19:00 horas, cunha charla de X. M. Sánchez Sánchez, do Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela, quen impartirá a charla “Papado, cidade e arcebispo. Berenguel de Landoira, Xoán XXII e a revolta da cidade de Santiago”. As xornadas pecharanse cunha performance de Serafín Marcos, titulada “Un frade do Languedoc no Portus Apostoli”.

A IX Semana da Historia de Noia está organizada polo Concello de Noia e pola asociación cultural Barbantia, en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial