44ª Edición da Festa do Queixo de Arzúa

0

Arzúa, 8 de marzo do 2019 – O pasado día 28 de febreiro era presentada en Compostela, no mercado La Galiciana, a 44ª edición da Festa do Queixo de Arzúa que se celebra desde hoxe ata o 10 de marzo variando as datas tradicionais para non coincidir con Entroido.

A Festa do Queixo 2019 terá coma sempre múltiples actividades, unha das máis sorprendentes a elaboración dun queixo xigante co mapa de Galicia no que estarán representadas as construcións más senlleiras das catro provincias galegas, como a Catedral de Santiago, a muralla de Lugo, a Ponte de Ourense ou as mexilloeiras de Pontevedra, así como o Camiño de Santiago. O xoves 7 inaugurarase escultura homenaxe ao queixo creada por Cándido Pazos, un home ademais de artista, embaixador do camiño por toda Europa.

O alcalde, José Luís García, destacou a figura do pregoeiro que “nesta 44ª edición será Benigno Campos, o cociñeiro de Larpeiros, que ademais de coñecido polo seu programa, escribiu libros súper vendas tanto en galego como en castelán. E despois pecharemos con MJ Pérez, a nosa cantautora de Arzúa, que está tendo un gran éxito co seu tema Malaxente”. O rexedor mostrouse especialmente ledo pola entrega dos galardóns dos concursos de carteis, tapas, e o da 4ª edición do Arzuán do ano pola xuventude dos participantes “xente coma Iria Cisneros e Iván García (proxecto Climántica, para sensibilizarnos do cambio climático, premiado a nivel europeo), Diego Iglesias, porteiro selección galega de fútbol sala, María José Pérez (ou MJ Pérez) cantautora premiada tamén pola Deputación da Coruña, e que acaba de estrear o videoclip Malaxente, ou Andrea Vigo, a máis nova de todas, convocada pola selección galega sub 12 de fútbol 8”. García quixo tamén destacar a intención de facer cada vez máis participes a xente nova. A través da 3º edición de Pequequeixo, pero tamén a través da participación directa da mocidade na organización do evento, a través da formación dun  grupo de voluntarios que colaboran co Concello.

Finalmente o alcalde fixo fincapé en que “Arzúa inviste moitos recursos no evento, máis que ningún outro concello en promocionar o queixo. O concello non conta con moitas axudas, e se ben recuperouse a da Deputación, esta é a única que se recibe.”

No acto interviron tamén  Xosé Luís Carrera, presidente do CRDOP Arzúa-Ulloa que fixo un repaso ao ano 2018, no que se estabilizou a produción en torno aos tres millóns e medio de kilos de queixo, e fixo fincapé no compromiso coa Festa, que se materializa na doazón de 400 quilos de queixo gratuítos para petiscos, concertos e agasallos. Inma Carbia, profesora da EFA Piñeiral, comentou que se ben a escola leva anos colaborando, nestes últimos anos incrementaron moito a súa presenza coa celebración da masterclass “petiscos que namoran”, que teñen coma obxectivo propor alternativas creativas co produto. Alberto Alfonso, director do Festival do Queixo presentou a programación íntegra do Festival do Queixo 2019, que se celebrará baixo una gran carpa, destacando que este ano serán 2 días de concertos de balde, coa presenza o sábado 10 de artistas de prestixio estatal como Los Secretos, que cumpren 40 anos de carreira, xunto con Herdeiros da Crus e o DJ Rafa Morcego. Tamén o domingo 10 con artistas galegos de recoñecemento internacional Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e SÉS. Destacou o bo dun programa de calidade e gratuíto, e a altísima participación no 11º concurso Queixo Maquetón, con máis de 70 bandas presentadas e Inerttes de Vigo como gañador, así como a sesión vermú, unha aposta segura por 4º ano consecutivo, con Broken Peach. Xunto a Alberto Afonso estivo o guitarrista de Heredeiros da Crus Tucho novo, que fixo un breve speak nun simpático inglés, no que amosábase moi contento de tocar en Arzúa, e sobre a súa actuación sentiu non poder adiantar nada por ser “un secreto” en alusión os seus compañeiros de cartel, (Los Secretos).

Para rematar  Miguel Vallo, concelleiro de Cultura Concello de Arzúa presentou as novidades referentes ao amplo programa da 44ª edición: as novas queixerías inscritas, cun total de 70 expositores, cheo total do recinto, esgotando un ano máis os postos dispoñibles. Varias queixerías novas de todas partes do Estado, e novas queixerías de Lugo, Zamora e León, e coma sempre varias con premios World Cheese Awards. 6 postos de queixerías PLT, (produtores lácteos tradicionais) todas elas co seu correspondente rexistro sanitario, segundo obriga a normativa legal. Ademais de unha gran variedade de locais de alimentación especializada, de Galicia e de fora, crema de mirabeis, pimentón de la Vera ou moitos máis produtos gourmet. A presenza dos concellos veciños como Boimorto e Melide, este a través da asociación Melide Terra Doce.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial