50 anos de Feira do Cocido en imaxes

0

Lalín, 26 de xaneiro do 2018 – O Concello de Lalín estreou no vestíbulo do Castro Tecnolóxico a exposición fotográfica sobre os 50 anos da Feira do Cocido, outra das iniciativas postas en marcha para conmemorar unha data tan sinalada como é o medio século de vida da festa.

A mostra leva o título de “Feira do Cocido de Lalín: 50 anos de gastronomía”. Está composta por preto de 70  fotografías e outros formatos gráficos e divídese en tres caixóns que recollen outros tantos bloques temáticos con información gráfica sobre a Feira do Cocido.

O primeiro versa sobre a evolución e narra a relación de Lalín e a súa Feira co progreso na vila arredor da evolución e crecemento do Cocido nestas cincuenta edicións. O segundo céntrase propiamente na Feira do Cocido, cunha reseña sobre a súa historia e a súa importancia, contando como o prato do cocido é o principal embaixador de Lalín e un dos alicerces fundamentais sobre os que se sustenta a gastronomía lalinense. Por último, o terceiro bloque trata o Cocido en relación coa cultura e narra, a través de imaxes, o estreito e permanente vínculo que ao longo do tempo mantivo a Feira co mundo cultural a todos os niveis. As imaxes están seleccionadas na súa gran maioría do fondo gráfico do arquivo do Concello, así como outros elementos gráficos de hemerotecas de xornais onde se adicaron moitos titulares referenciais da Feira dende o inicio.

Trátase dunha exposición atractiva, apoiada por elementos gráficos de imaxes e documentos de época que evocan o significado dos cincuenta anos da Feira do Cocido de Lalín dende a súa primeira edición en 1969, destacando o seu enorme valor turístico e gastronómico. As persoas que a contemplen, poderán viaxar no tempo observando imaxes antigas de rúas e espazos urbanos da vila de Lalín, así como da propia Feira e da gastronomía local. Tamén teñen un protagonismo especial os pregoeiros do festexo. Nunha das imaxes máis curiosas da mostra, precisamente, pode verso a Laxeiro ofrecendo o seu pregón no ano 76 no antigo Cine Campos. A singularidade radica en que José Otero Abeledo tivo que deitarse para poder ser observado adecuadamente, porque debido ás condicións de iluminación da sala non podía ser apreciado correctamente polo público en posición herguida.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, explicou que a mostra está orientada para complementarse cos contidos do vídeo documental sobre a historia da Feira do Cocido e servirá para a apoiar, igualmente, a promoción do evento gastronómico. O edil apuntou que o deseño da exposición está pensado para o seu uso tanto a nivel itinerante como fixo, co obxectivo de aproveitar este contido para unha mostra permanente unha vez remate a edición deste ano e promocionar, desta maneira, a Feira e o cocido todo o ano. A exposición poderá contemplarse durante os próximos días no vestíbulo do concello e o día grande da Feira será sacada á rúa.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies