займ срочно

Os organizadores e o director do I Encontro de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada consideran que a súa proxección «superou as mellores expectativas» e agardan que polo tanto teña continuidade

Compostela, 14 de novembro do 2016 – «Xa estamos pensando na edición do vindeiro ano. De feito, neste Encontro xa se deron pasos e se estableceron contactos nesa dirección. Agardamos ter de novo o apoio das institucións para poder darlle continuidade a unha cita que no seu primeiro ano superou as nosas mellores perspectivas». Son palabras de Miguelanxo Prado, director do primeiro Encontro de Cadernos de Viaxe «Compostela Ilustrada» que dende o venres se veu desenvolvendo en Santiago e no que particiaron máis de 200 debuxantes.

Miguelanxo Prado subliña o poder de convocatoria amosado polo Encontro. «Nunha primeira edición a priori sempre se xeran dúbidas ao respecto pero teño que dicir que neste caso a receptividade non poido ser mellor. A maiores dos oito ilustradores de renome convidados tivemos participantes chegados de Barcelona, Sevilla, Madrid, Zaragoza e, por suposto, de toda Galicia, o que xa é boa mostra do interese que despertou esta cita».

Publicación dos cadernos

Outro dos aspectos que destaca o director do Encontro é a proxección exterior de Santiago que este evento supuxo. «A maioría dos ilustradores participantes son moi activos en redes e pertencen a colectivos de debuxantes. Os cadernos de viaxe de Santiago que aquí se fixeron non desaparecerán pasados estes catro días senón que na súa meirande parte serán volcados en soportes dixitais o que lle dará una dimensión e una proxección incalculable».

Ademais destes soportes dixitais, os organizadores do Encontro non descartan que as ilustracións destes cadernos sexan tamén recollidas nunha publicación en papel, para o que xa se están facendo xestións.

Para Miguelanxo Prado ter a oportunidade de ver estes cadernos de viaxe de tan destacados ilustradores «permítenos coñecer una dimensión descoñecida» da cidade pero tamén dos propios artistas. «É como se tivésemos acceso  ao Ipad no que Sting grava os seus proxectos de cancións», comenta.

Xerador de negocios

Dende a organización do Encontro «Compostela Ilustrada» destácase o feito de que ademáis da proxección turística e cultural da cidade que supuxo esta cita, tamén se xeraron negocios.

Nestes días puxéronse xa en marcha diversos proxectos de colaboración artística, como a edición dun libro, a programación dunha exposición dun relevante autor brasileiro e a colaboración cun colectivo portugués de ilustradores para a realización de actividades en común, o que dota ao Encontro dun valor engadido.

Un encontro aberto a cidade

Explica Miguelanxo Prado que no espírito do Encontro non estaba realizar un evento só para cadernistas. «Interesábanos tamén abrilo á cidade, que a xente fose atopando á xente debuxando en distintos lugares de Santiago e se familiarizase con esta disciplina». Ese obxectivo cubriuse con creces á vista do interese despertado pola presenza dos ilustradores en lugares tan emblemáticos como o claustro de Fonseca, os patios do Hostal dos Reis Católicos, a Facultade de Xeografía e Historia, a Cidade da Cultura, o Mercado de Abastos ou a Biblioteca Americana. «Non era a nosa principal intención pero o Encontro rematou por converterse nun foco de atracción case turística», comenta o seu director.

Os responsables do Encontro tamén subliñan a extraordinaria resposta que tiveron outras actividades como as aulas didácticas para debuxar con nenos en espazos singulares de Santiago, as presentación de libros e as clases maxistrais. «Dotar de contidos ao Encontro era fundamental para nós e a tenor da resposta acadada demostrouse que non só tiña interese e sentido para os que formabamos parte do evento senón para o público xeral, o que nos reafirma a hora de indagar en novas propostas».

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies