Ames aproba a obra de ampliación do pavillón do Milladoiro

0

O alcalde e os concelleiros e concelleiras da corporación municipal de Ames sumáronse á campaña “Ames en Negro” lucindo na sesión plenaria as camisetas e mandís desta iniciativa en contra da violencia de xénero

Ames, 26 de novembro do 2016.- Este xoves, 24 de novembro, celebrouse o pleno ordinario deste mes. Todos os puntos recollidos na orde do día, así como dúas mocións presentadas por vía de urxencia foron aprobadas por unanimidade. O alcalde e os concelleiros e concelleiras da corporación municipal sumáronse á campaña “Ames en Negro” lucindo na sesión plenaria as camisetas e mandís desta iniciativa en contra da violencia de xénero.

ames-pleno-novembro-normal-26-novembro-2016_rA corporación municipal aprobou por unanimidade o proxecto técnico da obra de ampliación do pavillón municipal de deportes do Milladoiro. Segundo explicou o alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, “este proxecto recolle a ampliación en 180 metros cadrados do pavillón do Milladoiro co obxectivo de executar unha nova sala-ximnasio, que ten un custe de 81.831,02 euros”. Para elo solicitoulle á Deputación da Coruña unha subvención nominativa para que financie o 80% das actuacións contidas no proxecto técnico da obra de ampliación de dito pavillón. O Concello asumirá o custe restante, que é do 20%, e que son algo máis de 16.000 euros.

Tal e como explicou Miñones “inicialmente íase empregar esta subvención nominativa para cambiar o pavimento do pavillón polideportivo de Bertamiráns, pero esta actuación sufragarase con cargo ao plan complementario do plan provincial de aforro e investimento (PAI)”. Así mesmo, o rexedor municipal adiantou que se está elaborando un plan de investimentos en infraestruturas deportivas para ter unha previsión das necesidades que existen nesta materia. Dito plan chamarase PLADEPO e segundo dixo o concelleiro de Deportes estará rematado a finais deste ano.

Precisamente iso foi o que lle reclamaron ao goberno dende os grupos da oposición. Pediron que se teña unha previsión das obras e melloras que son necesarias nas instalacións deportivas municipais. Por último, Miñones tamén manifestou que se ten a previsión de construír unha nova sala de ximnasio no pavillón de Bertamiráns que tería un custo aproximado de 100.000 euros.

Modificación da ordenanza dos servizos complementarios

De seguido, aprobouse, tamén por unanimidade, a modificación de dúas ordenanzas fiscais municipais (a de xestión, recadación e inspección dos tributos e doutros ingresos de dereito público e da taxa pola prestación de servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral). O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, cualificou de “necesario o cambio destas ordenanzas xa que existe unha clara discriminación coas rendas máis baixas dos pais e nais que teñen fillos/as que son usuarios/as dos servizos  complementarios municipais”.

As familias que teñen unha renda inferior ao 25% do IPREM aplícaselle unha bonificación do 100%, pero cando se detecta que a documentación presentada para solicitar dita bonificación é incorrecta ou existe unha omisión de datos, dá lugar a denegación da bonificación e a aplicación da tarifa non bonificada máis alta, que se corresponde coa aplicable a que teña unha renda superior ao 200% do IPREM. Coa modificación destas ordenanzas derógase a aplicación da tarifa non bonificada máis alta nos casos citados por entender que só procede a denegación da bonificación.

Sistema de recadación da Deputación

Outro dos asuntos aprobados por unanimidade foi un requirimento de anulación de dúas resolucións da Deputación Provincial da Coruña e a solicitude de inicio de actuacións para que esta administración, en virtude da delegación de competencias que ten conferida, proceda a realizar as actuacións que lle corresponden recollidas no acordo de delegación do 25 de outubro de 2012.

O Concello de Ames mediante acordo plenario do 25 de outubro de 2012 ten delegado na Deputación da Coruña, entre outras, as competencias para a recadación en período executivo de tributos, prezos públicos e calquera outro ingreso de dereito público de carácter non periódico ou de periodicidade inferior a un ano.

A pesar desta circunstancia o ente provincial non está exercendo dita competencia e polo tanto non está cobrando a executiva destes tributos o que está xerando un prexuízo para o Concello de Ames, pois deixa de recadar uns dereitos que lle corresponden sendo responsabilidade da Deputación facelo, xa que ten delegada a competencia.

Asemade, segundo dixo a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, “o primeiro paso é solicitarlle a Deputación que comece a xestionar esa executiva ditando e notificando as providencias de prema, e de non ser así, estanse o estudar outras vías para solucionar o problema, mesmo aprobar unha revogación parcial das competencias que se debería acordar polo Pleno do Concello de Ames para que a Tesourería municipal sexa o órgano competente, e nese caso poder ditar esas providencias. Ao mesmo tempo, de ser necesario, interporase un recurso contencioso-administrativo contra a Deputación Provincial por non asumir as funcións recollidas no acordo de delegación e reclamaranse os importes que procedan”.

Ciclo integral da auga

Por último, aprobouse por unanimidade a clasificación de ofertas feita pola Mesa de contratación no proceso de licitación do Ciclo integral da auga. Este luns, 21 de novembro, reuniuse a Mesa de Contratación do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames para pechar o proceso de licitación deste importante servizo municipal. Trala xuntanza, e tal e como consta na acta de dita reunión, por unanimidade dos membros que integran dita Mesa acordouse propoñer a adxudicación da xestión deste servizo municipal á empresa Espina y Delfín SL, ao ser a que mellor puntuación obtivo en dito proceso.

A continuación, púxose en coñecemento do Pleno da renuncia como concelleiro de Xaime Subiela. Os voceiros e voceiras dos grupos municipais agradeceron o traballo de Xaime durante o ano e medio que formou parte da corporación municipal e desexáronlle sorte nos seus novos cometidos profesionais. A intervención máis emocionante foi a da voceira de Ames Novo, Pilar Candocia, que destacou que “Xaime é a columna vertebral de Ames Novo”. A quenda de intervencións pechouna o propio Xaime Subiela. Deste xeito, explicou que “renuncio a miña acta de concelleiro porque considero que non podo cumprir co meu cometido ao estar traballando en Madrid, pero quedo moi tranquilo pola persoa que entra no me lugar que é Quique Costas”.

Mocións presentadas por vía de urxencia

No pleno de onte presentáronse dúas mocións por vía de urxencia. A primeira presentada polo grupo municipal de Pacto x Ames, sobre a instalación da EDAR de O Souto de Santiago de Compostela e a súa repercusión en Ames. Esta moción foi aprobada por unanimidade e nela ínstase ao Concello de Santiago e Xunta de Galicia para manter unha reunión de urxencia na que estea tamén o concello de Ames para falar do futuro da EDAR do Souto.

Ademais, ínstase aos concellos polos que descorre o río Sar para constituír unha comisión de seguimento co fin de premer e levar a cabo as accións de forma conxunta; e ao goberno tripartito a confeccionar uns orzamentos nos que figure unha partida para cuestións medio ambientais destinadas a realizar actuacións de recuperación do río Sar e mitigar os problemas de posibles veciños afectados na zona de Costoia e Quinstiláns.

A segunda moción, presentada por vía de urxencia, tamén foi aprobada por unanimidade. Neste caso esta moción foi unha declaración institucional do Concello de Ames con motivo da conmemoración este venres, 25 de novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres. Finalmente, o Pleno rematou ás 23:30 horas despois de abordar o punto de rogos e preguntas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial