850 anos da Carta Pobra de Noia

0

Noia, 10 de abril do 2018 – O concello de Noia cumpre estas datas 850 anos desde a redacción da Carta Pobra de Noia que dou natureza de vila a un pequeno pobo de pescadores e que a converteu no porto de Santiago.

No acto celebrado no Coliseo Noela de Noia, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, afirmou  que “Noia é o Portus Apostoli do Camiño de Santiago; a porta de entrada de viaxeiros atraídos pola chamada espiritual da nosa terra” e mesmo citou as cartas dos cruzados Osborne e Arnolfo, que no ano 1147 falan da chegada de ata duascentas naves con viaxeiros con destino a Compostela. En esta idea coincidiu o alcalde de Noia, Santiago Freire, quen salientou que “estamos orgullosos de cumprir 850 anos” e que “de cara ao futuro o desafío é ese recoñecemento do Camiño, do Portus Apostoli que fará posible que unha porcentaxe dos peregrinos que visitan Santiago recalen tamén nesta vila e nos concellos da ría de Muros-Noia. Incluso que os que viaxan a Fisterra poidan volver a Santiago por unha ruta cultural a través de Noia”.

O historiador Xerardo Agrafoxo, indicou que “a Carta Pobra é un punto importante na historia de Noia porque nos sitúa no mapa, crea un burgo, dálle vida ao Portus Apostoli e dalle vida a un punto do Camiño Inglés. O Portus Apostoli é un pequeno peirao na Barquiña onde se recibían as mercadorías que ían a Santiago e onde chegaban os peregrinos que viñan ao Camiño Inglés”. Agrafoxo explicou tamén que  a Carta Pobra outorgada por Fernando II o 9 de abril de 1168 “significa que o Rei lle cede moito poder ao arcebispado de Santiago”. Neste sentido, indicou que esta carta di que o Rei lle outorga a Noia tres poderes. “Di ao Arcebispado de Santiago que pode edificar un porto e un burgo”, explicou Agrafoxo, “que os veciños de Noia serán vasalos dese Arcebispado e di que eses vasalos serán gobernados segundo o Foro de Compostela”.

Escultura

O acto concluíu coa inauguración dunha escultura conmemorativa do 850 aniversario da fundación de Noia, elaborada polo artista local Alberto Rodríguez Louro, emprazada na praza da Porta da Vila, que inclúe tanto a cuncha dos peregrinos como reproducións dalgunhas das pezas máis importantes do patrimonio histórico da vila.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial