A asociación da Rapa das Bestas en contra do parque eólico

0

A Estrada, 5 de novembro do 2018 – O manifesto da cuarta MUSA, muiñada, magosto e samaín, en Sabucedo mostrou a oposición da Asociación da Rapa das Bestas a instalación dun parque eólico no Pico Toruiñan.

A asociación explica o perigo que supón para a zona e destacan o alto risco de incendio que supoñen as turbinas e os lóstregos que os aeroxeradores poden atraer. O proxecto presentado non contempla medidas como peches perimetrais, pasos canadianos, sinais advertindo da presenza de animais ou protección de mananciais; tampouco se teñen en conta os dereitos de pastoreo que protexen aos cabalos. A continuación o manifesto íntegro lido pola Asociación:

Manifesto: IV MUSA de Sabucedo

(Lectura a cargo do veciño e aloitador Míchel Touriño)

Sabucedo, 3 de novembro de 2018.- O 30 de Agosto de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución (con data de 26 de xullo de 2018), da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previas e de construción ao parque eólico Pico Touriñán, situado nos concellos da Estrada, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro e promovido pola sociedade Enel Green Power España, S.L

Dende a Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo presentáronse recursos e alegacións nos que, en síntese, se manifesta que o proxecto do parque eólico non ten en conta a necesidade de protección do patrimonio vexetal, animal, etnolóxico e arqueolóxico existente na zona afectada. En concreto, ponse de manifesto o impacto que xerarían as instalacións do parque eólico sobre a Festa de Interese Turístico Internacional coñecida como A Rapa das Bestas. Nin tan sequera considera o “alto risco de incendios” que supoñen os parques, tanto no relativo aos lumes xerados polas propias turbinas, como por aparato eléctrico ou lóstregos atraídos polos aeroxeradores.

Así pois, cremos imprescindible que as administracións protexan os montes que rodean Sabucedo, onde conviven patrimonios naturais, culturais e etnográficos. En Montouto habitan as greas de eguas e cabalos que conforman a cabana de San Lourenzo de Sabucedo, cerne básico da tradición singular da Rapa das Bestas, Festa de Interese Turístico Internacional.

Se nestes montes se autorizan actuacións indiscriminadas que acurten as áreas de pastoreo, que destrúan mananciais, zonas de cría, bebedoiros e camiños de paso estase a atentar contra a propia tradición. De feito, os équidos que habitan esta zona dende tempos inmemoriais son cualificados polo prestixioso especialista Felipe Bárcena como de “interese natural único”… unha prezada singularidade dos montes galegos que se atopa en perigo de non tomarse as medidas axeitadas e, por suposto, máis grave será se o seu territorio vese invadido coa instalación de parques eólicos que mudarán radicalmente o seu hábitat. Ademais, cómpre sinalar que o patrimonio natural e cultural de Sabucedo conta cun evidente potencial turístico, derivado tamén do seu patrimonio material.

Todos estes elementos materiais e inmateriais veríanse seriamente afectados pola presenza dun parque eólico, contravindo esta instalación o establecido no plan director elaborado para Sabucedo pola Deputación de Pontevedra, xa que un dos obxectivos do mesmo é a mellora da actividade turística do pobo e o seu papel na dinamización do entorno.

Pois ben, curiosamente neste documento, no seu apartado 7, cítanse como debilidades da nosa zona a falta de protección do patrimonio dende a perspectiva ecolóxica e sinálase como fortaleza un patrimonio natural con potencial para crear produtos turísticos diferenciados. Así pois, resulta evidente que, coa construción do parque eólico, incrementaríanse as debilidades e mermarían as fortalezas.

A instalación destes aeroxeradores, dende o punto de vista paisaxístico, supón unha saturación total da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, xa que outros parques eólicos, na actualidade, están a exercer unha forte presión paisaxística, alterando os valores propios da contorna. Temos ao noso carón o Parque do Couto de San Sebastián, Masgalán-Campo de Coco, parques eólicos da Serra do Candán e da Serra do Seixo, entre outros, ademais dos parques en fase de proxecto, como o de As Penizas, a dous quilómetros escasos de Sabucedo, e que no futuro incidirá nun prexuízo maior a nivel paisaxístico.

Por todos é coñecido o elevado potencial de turismo rural da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, ofertando os seus valores medioambientais e paisaxísticos como os aspectos que cobran máis forza na promoción turística da zona. Considérase polo tanto que a alteración paisaxística que provocará a implantación dun novo parque eólico suporá un elemento negativo e tremendamente limitante para o desenvolvemento desta actividade.

Finalmente, o citado plan director establece unha estratexia artellada entre unha xestión sostible do monte, promovendo a definición dun marco de protección básico coa declaración da contorna de Sabucedo como Paisaxe Protexida, posto que nos encontramos ante un patrimonio natural excepcional que precisa dun instrumento que ampare os seus valores. Resulta obvio que a instalación do parque eólico sería totalmente incompatible coa declaración da zona como Paisaxe Protexida e suporía unha eiva enorme para as expectativas de desenvolvemento da zona en xeral e para a consecución dos obxectivos do plan director en particular.

A implantación do citado parque eólico vai a supoñer un impacto negativo para a poboación de animais que viven nestes montes. As obras provocarán unha serie de consecuencias nefastas para os citados équidos e demais fauna. Así, na fase de construción ocuparanse zonas das áreas de campeo das mandas, o que influirá no uso do espazo e provocará desprazamentos. Esta problemática vén recollida nun informe realizado pola enxeñeira de montes, doutora Laura Lagos Abarzuza, no que se establecen medidas que debería recoller o proxecto de instalación do parque eólico tales como:

 Peches perimetrais naquelas zonas onde se prevé que os animais incrementen os seus movementos cara as mesmas.

 Pasos canadianos nas pistas de acceso.

 Sinalización específica de cabalos na vía e máximos de velocidade acordes coa presenza destes équidos nas pistas.

 Respectar mananciais e fontes, de xeito que non se poidan ver afectadas.

 Seguimento das greas para avaliar os movementos provocados polos équidos, así como aquelas zonas onde é preciso reforzar peches.

Finalmente, hai que sinalar que o proxecto non realiza ningunha consideración xurídica relativa aos dereitos de pastoreo, derivados do feito de que gran parte dos équidos que viven nos montes afectados polo parque eólico pertencen á Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo que os conserva, coida e custodia.

Somos valedores da tradición, da cultura e da contorna na que vivimos.

“Aloitaremos” como “Quixotes” por vivir no medio rural, rodeados de montes cheos de vida, onde os Fillos do Vento sexan cabalos e non aeroxeradores.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial