займ срочно

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés reelixe por unanimidade á xunta directiva

0

Bisbarra, 11 de marzo do 2021 – A asemblea da Asociación de Concellos do Camiño Inglés reelixiu por unanimidade á actual xunta directiva presidida por Manuel Mirás.

O alcalde de Oroso, e a súa Xunta directiva, estará á fronte da Asociación do Camiño Inglés por outros dous anos máis. Unha elección que tivo lugar durante unha asemblea xeral extraordinaria celebrada no Pazo de Mariñán, a primeira que ten lugar de xeito presencial desde que se declarou a pandemia da Covid-19.

Manuel Mirás agradeceu a confianza da asemblea, a colaboración ofrecida pola Deputación e a Xunta de Galicia, así como o traballo realizado pola xunta directiva da asociación como por todas as que traballan nos municipios asociados.

Mirás explicou que  “2020 foi un ano atípico para todos. Puxemos en marcha moitos proxectos e moi importantes, pero non puidemos saborealos debido á pandemia. Pero hai un traballo feito para cando todo isto pase. Esperemos que no verán teñamos esa inmunidade de rabaño para que poidamos ver os resultados deste traballo”.

A xunta directiva da Asociación de Concellos do Camiño Inglés queda do seguinte xeito: Presidente: Manuel Mirás Franqueira, Concello de Oroso; Vicepresidenta: Ana María Soneira Liñares, Concello de Ordes; Secretario: Pablo Beade Pérez, Concello de Betanzos; Tesoureira: Pilar Sánchez Ulloa, Concello de Mesía; Vogal: José Antonio Santiso Miramontes, Concello de Abegondo; Vogal: Bernardo Fernández Piñeiro, Concello de Pontedeume; Vogal: Gumersindo Guinarte Cabada, Concello de Santiago.

Asemblea ordinaria

Previamente á elección da xunta directiva tivo lugar unha primeira asemblea xeral da Asociación de Concellos do Camiño Inglés na que se aprobaron por unanimidade as contas de 2020 e os orzamentos para 2021, ambos pola mesma cantidade: 164.000 euros. Así mesmo, a xerente da Asociación, Cristina García Souto, puxo en valor as actividades realizadas ao longo de 2020 tales como o estudo das potencialidades do Camiño Inglés realizado pola Universidade da Coruña; a creación dunha rede de establecementos de hostalería e aloxamento que ofrezan un servizo de calidade diferenciada ao peregrino; a celebración de cursos formativos en inglés e nos protocolos fronte á Covid-19; así como actividades de promocións como a Andaina no Camiño ou o vídeo “A chamada do Camiño Inglés”, co triatleta Javier Gómez Noya.

García Souto adiantou o programa de actividades previstas para 2021, que dependerán en gran medida da evolución da pandemia sanitaria. “Seguiremos a traballar na rede dos establecementos hostaleiros e aloxamentos do Camiño, pois queremos que sexa un proxecto tractor para o resto de empresas, e agardamos poder celebrar o noso evento máis importante: Primavera no Camiño, en Ferrol”, adianta a xerente da asociación. A maiores, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés ten previsto asistir ás feiras relacionadas co turismo que se convoquen, realizar algunha acción formativa dirixida a escolares e continuar contactando con touroperadores e entidades de Inglaterra e Irlanda da man da Deputación da Coruña.

Promoción en Inglaterra e Irlanda

Unha cuestión na que afondou Antonio Leira Piñeiro, delegado de Economía da Deputación da Coruña, entidade que participa nas asembleas con voz pero sen dereito a voto. Leira Piñeiro garantiu o apoio a entidade provincial e felicitou aos membros da Asociación “porque foi un ano moi complexo e creo que a nota é de sobresaínte”. Así mesmo, explicou que “estamos en contacto permanente con Inglaterra, onde xa temos sinalizados tres tramos en coordinación coa Dirección Xeral de Turismo”.

Antonio Leira indicou que “tivemos un primeiro contacto con oficinas de turismo en Londres para tratar de traer á nosa provincia a representantes do mundo xornalístico, asociativo e da política. Pero tamén se nos abriu a posibilidade de incluír Irlanda, e xa mantivemos contactos coa oficina de turismo de Dublin, se ben aínda non puidemos ir aló. E tamén se nos abre a opción de Italia, onde temos previsto reunirnos con representantes da oficina de turismo de Roma”. Uns avances que Leira Piñeiro non restrinxiu unicamente ao campo do turismo e do Camiño Inglés, “xa que estamos vendo moitas posibilidade en cuestión de ensino”.

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés está constituída por dezaseis concellos polos que transcorre esta ruta xacobea: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela. O Camiño Inglés conta cunha tradición de máis de oitocentos anos, xa que era a ruta utilizada polos peregrinos do norte e oeste de Europa, que preferían arriscarse a unha travesía de 3 ou 4 semanas en barco a un traxecto de 1 ou 2 anos a pe ata os portos de A Coruña ou Ferrol, dende onde camiñaban ata Santiago de Compostela. Actualmente, o Camiño Inglés é unha ruta en auxe que cada vez toman máis peregrinos e que vai aumentando os seus servizos e aloxamentos dedicados ao peregrino.  

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies