A Baña presentou o documental As rapazas de Xan

0

A Baña, 18 de maio do 2020 – O concello da Baña estreou o documental As rapazas de Xan que percorrea a parroquia de Cabanas.

O escritor Manuel Iglesias Turnes publicaba no 2012 As rapazas de Xan. O libro serviu de inspiración para este documental que amosa os lugares onde vivían as personaxes da publicación.

A Baña presentou o documental As rapazas de XanCon este vídeo, o Concello conmemora o Día das Letras Galegas dun xeito diferente, ao non poder organizar unha andaina prevista co alumnado do CPI San Vicente e coa veciñanza para inaugurar esta ruta de sendeirismo.

“Con este vídeo amosamos algunhas das paraxes que hai en Cabanas e animamos os amantes da natureza a que, en canto poidan, veñan camiñar por esta ruta e descubrir algúns dos segredos do libro”, afirma a concelleira de Cultura da Baña, Mónica González.

 

No vídeo o propio autor da novela amosa algúns dos lugares nos que transcorre a trama de As rapazas de Xan, que narra unha historia de amor entre Manuel e Carmela que se sitúa durante os tempos da posguerra en Cabanelas (Cabanas) entre malla e malla. Manuel Iglesias Turnes amosa tamén algunhas das casas deonde vivían as personaxes (as casa do Carreiro, de Roque, de Xan de María, de Bras, de Xirome), e tamén algúns dos lugares que se visitan durante a ruta e que son significativos na propia novela.

Dende Palleiros, comezo da ruta, hai unha visual xeral tanto de Cabanas (Cabanelas na novela) como da agra onde transcorre a novela. Sobredochán, o agro da Xesteira, o Muíño do Medio, a carballeira do igrexario, a reitoral e o campo da festa de Cabanas son outros dos lugares que se poden ver no vídeo, producido por Alicentis SL con guión de Carme Pereiro, técnica de normalización lingüística do Agrupamento A Baña-Negreira.

A Baña presentou o documental As rapazas de XanManuel Iglesias Turnes describe na novela o complexo tecido de relacións que compoñen a vida na aldea de Cabanelas nos difíciles tempos da posguerra, marcada pola ausencia de futuro e coa emigración como unha das saídas máis favorables.

Ademais de conmemorar o Día das Letras Galegas ao destacar as obras dos autores locais (Manuel Iglesias Turnes é natural de Cabanas), con este vídeo o Concello da Baña quere poñer en valor o rural como lugar para vivir, e resaltar a calidade de vida e excelentes paisaxes que se poden gozar nunha aldea como Cabanas. “En tempos como os que estamos a vivir axúdannos a valorar a importancia do que temos máis preto”, sinala Mónica González, quen anima a todos os amantes da natureza a facer esta ruta literaria por Cabanas en canto a situación o permita.

A Baña presentou o documental As rapazas de XanO Concello da Baña ten xeolocalizada esta ruta circular, que pasa por Cabanas e Guimaráns, de 8,76 km de lonxitude e con apenas desniveis (a altitude oscila entre os 138 e os 490 metros). Os tracks para facer o percorrido pódense descargar na páxina web do Concello da Baña.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial