A canción do Elefante, de Redrum Teatro, en Compostela

0

Compostela, 13 de setembro do 2017 – Desde hoxe ata o sábado 16 de setembro, ás 20.30 h., a compañía Redrum Teatro estrea en Compostela a súa nova produción teatral A canción do Elefante.

A canción do elefante é un thriller de corte psicolóxico, inspirado na obra orixinal The Elephant song, do canadense Nicholas Billon. O director e realizador Álex Sampayo dirixe unha peza desacougante e precisa, cunha traballada construción das personaxes ás que poñen corpo e voz Ernesto Chao, Guillermo Carbajo e Patricia Vázquez.

A estrea foi presentada na Casa do Concello, nun acto que conduciu a concelleira de Economía, Facenda e Administración, María Rozas e no que participaron tamén Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Álex Sampayo, director da peza teatral, e Guillermo Carbajo e Ernesto Chao, dous dos seus protagonistas.

Sampayo describiu a obra como unha “matrioska teatral” , un xogo no que cada pista leva a outra até conseguir un espectáculo magnético que atrapa ao público na butaca. O director salientou tamén o intenso duelo psicolóxico que a obra tende entre as personaxes interpretadas por Carbajo, un doente recluído nun complexo psiquiátrico, e Chao no papel do seu psiquiatra, o Doutor Villaverde.

A Canción do Elefante é a oitava produción de Redrum Teatro, unha compañía compostelá que, dende a súa fundación en 2009, levou aos escenarios a obras de suspense como A Pensión, protagonizada por Rosa Álvarez, os espectáculos familiares Moito Conto, Roedores e A Nena Que Quería Navegar e comedias como Curriculum Vitae, Amor Flexible e Noiteboa.

As entradas para as catro funcións desta semana no Teatro Principal xa están a venda no despacho de billetes e na web de Abanca. O prezo de cada unha delas é de dez euros.

Sinopse: Un eminente psiquiatra desaparece da súa consulta. A última persoa que o ve é Miguel, un doente obsesionado cos elefantes. Malia a reticencia da enfermeira xefe do hospital, o doutor Villaverde asume o coidado do enfermo, disposto a obter del respostas sobre o colega desaparecido”.

 

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies