A cantina de persoal do aeroporto en perigo de desaparecer

0

Compostela, 23 de abril do 2019 – Nunha rolda de prensa os representantes dos comités de empresa, das distintas empresas que traballan no aeroporto, reclamaron que se manteña o servizo de cantina de persoal que atende a máis de mil traballadores.

Os traballadores de empresas que van desde a propia Aena até Iberia ou Ryanair, Seguridade, Limpeza ou Cafeterías, denuncian as consecuencias económicas que para eles tería a desaparición da cantina de persoal.  Segundo explicou Pablo de Prado, do comité de AENA, até o de agora a concesión da cantina de persoal ía ligada á concesión dos restaurantes de viaxeiros/as. Porén agora preténdese sacar o concurso da cantina por separado, co risco de que a concesión quede deserta, como ocorreu en aeroportos como o de Tenerife Sur ou Sevilla, entre outros. De desaparecer o servizo o persoal pasaría a pagar por un menú os 16€, de media, que cobran nas cafeterías de viaxeiros ou a pagar por un café 2,20€, incrementándose así en máis do dobre o custo que actualmente teñen os produtos que consumen na cantina actual.

Precariedade laboral

Para as traballadoras e traballadores do aeroporto que, segundo denunciaron, son vítimas dunha xa alarmante precariedade laboral, con salarios que na súa maioría nin chegan aos 1.000 euros, sería especialmente gravoso. Máis tendo en conta que non poden saír do aeroporto para ir tomar un café, comer un bocadillo ou un menú en horario laboral, porque sería considerado abandono do posto de traballo.

Subliñaron que en moitos casos agardar ao remate da quenda de traballo para xantar ou tomar un café non é unha opción porque o persoal está obrigado, por convenio, a manterse no seu posto cando se producen atrasos nos voos. Isto sumaríase, para unha parte importante do persoal, ao pago do aparcamento, polo que xa moitos teñen que abonar máis de 30€ ao mes, porque non teñen outro lugar onde deixar os seus vehículos.

Denuncian ademáis que na plica só quedan garantidos os prezos para o persoal de AENA, o que cualificaron como “clasista” e “discriminatorio” e aseguraron que non van permitir que sigan “espremendo ao persoal”.  Reclaman que se convoque o concurso da cantina, que leva 64 anos funcionando, vinculado ao do servizo de restauración e que se garanta, en todo caso, que o persoal non vai ter que pagar a prezo de viaxeiro/a e fixeron un chamamento a todas as traballadoras e traballadores a sumarse á concentración convocada no propio aeroporto mañá mércores, día 24 de abril, ás 11:30 horas.

Reunión co alcalde de Santiago

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro Rafael Peña, reuníronse, tamén onte, cunha representación do persoal do aeroporto. O Comité Intercentros trasladoulle ao alcalde os graves prexuízos e agravios para os traballadores que tería a desaparición da cantina de persoal. Tamén amosaron a súa preocupación pola perda de catro postos de traballo correspondentes ás persoas que prestan o servizo na actualidade.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial