A cidade, o Camiño e nós, unha exposición sobre a relación da cidade coa ruta e os que a fan

0

Compostela, 4 de maio do 2019 – Xa se pode visitar, no paseo da Ferradura, a exposición A cidade, o Camiño e nós, organizada pola Rede Galabra da Universidade de Santiago e o Concello compostelán.

O alcalde, Martiño Noriega; o reitor da USC, Antonio López, e o director da Rede Galabra, Elías Torres, abriron a mostra “que amosa a evolución que sufriu a cidade nos últimos anos, no xeito en como nos ven os visitantes e no xeito no que a cidadanía de Compostela percibe o turismo e o camiño”.

A exposición é a primeira de catro mostras que teñen como obxectivo divulgar os resultados da investigación liderada pola USC, sobre as imaxes, as ideas, os discursos e as prácticas culturais construídas en relación a Compostela e aos Camiños de Santiago. A exposición forma parte dun convenio de colaboración asinado entre o Concello e a Universidade co obxectivo de coñecer as prácticas culturais da propia veciñanza, pero tamén dos milleiros de persoas que nos visitan, unha información moi valiosa para o planeamento da cidade en termos culturais e sociais.

Unha exposición central, tres mostras sectoriais

A exposición recolle unha síntese dos resultados da investigación que a Rede Galabra está a realizar dende o ano 2008, implicando a persoas de nove universidades diferentes para analizar as imaxes e as prácticas referenciadas en Santiago. A investigación centrouse nas persoas procedentes de Portugal e Brasil, por seren os primeiros países europeo e non europeo en número de visitantes.

A exposición mostra a transformación de Santiago dende o inicio dos anos 90, motivada por distintos factores entre eles a actividade turística vinculada ao Camiño de Santiago, que supuxo cambios nos hábitos de vida, nos usos do espazo público, pero tamén na actividade cultural e social. Faino a través dun total de 28 paneis, nos que se atenderá á nova narrativa sobre Santiago, mostrase como a propia cidade se ve a si mesma, como nos ven as persoas que nos visitan, e como vemos nós a quen nos visita.

Haberá ademais tres exposicións sectoriais, centradas noutros tantos núcleos temáticos: perspectiva de visitantes, perspectiva de habitantes e actividade comercial. Estas exposicións poderanse visitar nos centros cívicos de Compostela, “e noutros espazos referenciais”. Ao abeiro da colaboración que manteñen o Concello e a Rede Galabra da USC está previsto que se poñan en marcha outras actividades de divulgación e participación. Así, haberá mesas redondas nas que estarán representantes veciñais, colectivos de comerciantes e partidos políticos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial