Entrou con forza o Outono vista a nova carteleira da semana. Para hoxe, as propostas son unha fuxida cara adiante no filme de acción MILE 22, o atormentado calvinismo do Schrader máis cáustico e a sorprendente ollada vital de Chloé Zhao na súa THE RIDER.

Hai unha lei non escrita no mundo do cinema que di que no tempo do estío mellor non ofertar filmes de enxunlla emocional, coma se aos espectadores na estación do verán foran incapaces de asimilar propostas que van máis alá dos blockbuster ou das comedias románticas dun rosa naíf a máis non poder. E o certo é que aínda que na primeira grella de filmes do outono hai de todo, Mandingo, alma con querenza pola culpa e a dor, achégase coma polilla novel ao lume que máis queima.

Pero ante a avalancha de sentimentos crús que toca por escribir, mellor ir con xeito e empezar por a máis doada de ver. Estou a falar da nova proposta de acción de Peter Berg, director dotado dunha certa pericia para filmar escenas trepidantes coma se dun Michael Bay de peto tratárase, pero que soe presentar produtos planos coma os sufridos no pasado coma por exemplo na panfletaria LONE SURVIVOR (2013). Pero ten o seu público que merecen o máximo respecto, e para eles vai a crítica de MILE 22 (2018).

Mark Wahlberg, que con esta é a cuarta colaboración que fai con Berg, é James Silva. Militar estadounidense moldeado para operacións encubertas de máximo risco, cunha carente ausencia pola empatía cos seus colaboradores e que ten un nivel de exixencia e de presión laboral só comparable ao dentista persoal de Kim Jong-un.

O seu equipo e máis el, despois de presentalos nunha entrada típica de resolución dun conflito con casa chea de hostís, teñen que escoltar un espía dende a súa embaixada na Colombia do presidente Santos, ata un punto de aterraxe para ó avión que vai sacalos do país. No total, 22 millas de distancia, nas que coa axuda da alta tecnoloxía do seu centro de mando (John Malkovich, gañando cartos para a senectude), sortearán tódalas trampas que os inimigos vanlles poñer polo camiño.

Xa vai todo inventado nas películas de “ir dende punto A ao punto B e que sexa o que Tutatis queira” e mellores exemplos no cinema hai coma a lograda THE GAUNTLET (1977), a máis próxima 16 BLOCKS (2006) ou mesmo se me apuran o tremendo conto que Peckinpah márcase coa testa de Alfredo García. A longametraxe ten nas secuencias de loita e nos tiroteos o mellor que podemos aproveitar e recoñezo que o desenlace, sen quedar coa boca aberta pola orixinalidade, si que sube a nota media neste tipo de filmes. Pero o prezo a pagar é o de dar por boa unha triloxía xa confirmada na senda das sagas dos Ethan Hunt, Jack Reacher ou Jason Bourne, pero sen os talentos nos escritos nin os orzamentos das citadas. É un quero, pero moito non podo.

Gustará aos seguidores dos filmes con explosións, sopapos coreográficos supervitaminizados e que non miran ao reloxo durante os primeiros trinta minutos para tentar buscarlle o fío argumental inexistente -e que semella importarlles ben pouco ós responsables da produción-. Trátase de ofertar secuencias editadas a machete cubano, son a todo volume (nunha destas imos saír da sala de proxección máis xordos que a avoa da fabada) e logo xa veremos coma resolvemos a trama, que é o de menos. Pois vale. Avisados quedades.

Pero tamén hai outro tipo de cine que sublima as emocións máis puras. Aquel que esperta en nós lembranzas pretéritas ou desexos e ambicións de logros maiores. Tódolos xéneros cinematográficos teñen obras mestras e ladrillos de imposible dixestión. Ten que haber unha historia e ten que saberse traducir en imaxes. Non por que asine un filme Godard é necesariamente unha obra de arte. De feito, defendo a necesidade de que exista no cinema cineastas coma o suízo (aínda que o seu legado paréceme tremendamente sobrevalorado).

Se comento isto é por que Paul Schrader é un dos cineastas máis singulares da Historia do Cinema dos últimos corenta anos, personaxe en conflito eterno cos seus medos e demos internos. Para falar da obra de Schrader faría falla un ensaio que non ten cabida nesta crónica así que imos centrarnos no seu FIRST REFORMED (2017) que o propio director recoñece coma o máis diferente que fixo dende fai moito tempo e que pon coma referentes, o cinema de Bergman, Bresson ou Tarkovsky e que vexo coma un achado explicativo.

Ethan Hawke (moi medida e comedida a súa interpretación) é o párroco Toller, antigo militar que arrastra unha mágoa na mellor liña da dor e calvario que víramos na faciana de Casey Affleck na boa MANCHESTER BY THE SEA (2016). Inmerso nos preparativos da celebración do 250 aniversario da súa congregación (a igrexa onde rodaron é monumento histórico nos EE.UU. e pódese visitar en Douglaston, Queens, NYC) acude a chamada dunha feligresa que lle pide consello e axuda para o seu esposo, rapaz cunha visión pesimista -ata o extremo- do futuro da vida no planeta.

De feito, Schrader non oculta a súa tremenda preocupación polo que estase a converter o xardín do Edén da man do Home. Tanto o inestable marido coma o crego, son trasuntos da mente do escritor de TAXI DRIVER (1976), filme a todas luces omnipresente na deriva na fe do protagonista (excedida na imposta, coido). O propio director, recoñeceu a súa sorpresa cando na sala de montaxe observaba as numerosas similitudes co filme que dirixira Scorsese. Non quero seguir por este sendeiro por que estou na fronteira do spoiler e os lectores desta columna teñen unha intelixencia superior a miña (tampouco é moi difícil, non vaiades pensar que estouvos dourar a pílula).

Coas sentenzas epistolares de Thomas Merton, Schrader descompón progresivamente a deriva tola do home que busca na “armadura de Deus” a súa resposta ante os silencios dos seus, ante eses xiros de costas na súa faciana, rexistrada nuns primeirisímos tiros na cámara (Amanda Seyfried, luce demoledora na súa expiación). E todo bañado pola luz de Alexander Dynan, de mortuorio xélido, de grisáceo domingo nubrado; coa B.S.O. crúa case inexistente de Brian Williams, de música de piano no matadoiro.

Filme que gustoume, rodado en só 20 días cun orzamento de escasos 3´5 millóns de dólares (aproveitados ata o máximo), pero que ten a cota a pagar pola nosa parte dunha compunxida ánima que lévanos a removernos inquedos na bancada ante o epílogo imposible e inimaxinable. ¡Ai, este Paul Scharder, nada tranquilo, sempre inquedo!. ¡Vaia maneira de apertar nosas ánimas, ás nosas idades!. ¡A súa idade!. ¡Non é país para vellos!.

E como cumio cinematográfico maior deixo unha das mellores longametraxes que levo vistas no presente ano coma peche da crítica deste derradeiro luns (a partires de agora as reflexións de Mandingo mudan para os venres, coma moitos lectores pediron, coincidindo co troco na carteleira de estreas). Estou a falar de THE RIDER (2017); a segunda longa da cineasta Chloé Zhao, incrible conxunción astral cunha vez gozado do filme levoume a indagar sobre a súa traxectoria profesional e a orixe na idea de filmar esta historia de xinetes no Dakota do Sur.

Como sempre recomendo, a mellor opción de gozar dunha película é achegarse ó cinema coa menor información posible. Tempo haberá logo para facer traballo de investigación. É o que pasoume tras saír case levitando da sala. ¿Coma é posible cunha rapaza chinesa, educada no Reino Unido e que fixo estudos de dirección cinematográfica na NYU, penétrese de tan formidable maneira no pechado, viril, machista e exclusivo mundo dos xinetes de rodeo?. Pois co excepcional talento que atesora. Nin máis nin menos.

Cando rodaba a súa ópera prima SONGS MY BROTHERS TAUGHT ME (2015), Zhao precisaba dun adestrador de cabalos para ensinar aos actores a montar nos cuadrúpedos. Entre o tempo de lecer na rodaxe, a directora trabou amizade co domador e este acabou por contarlle a súa vida. Quedou tan impresionada, que levou as súas vivencias no seu segundo proxecto co propio xinete coma actor principal. De feito, o pai e a irmán no filme, son tamén os seus na vida real. E xa para completar o círculo de realismo verité, a inmensa maioría dos actores, interprétanse a si mesmos. E  as interpretacións funcionan á perfección.

Que Zhao leva moito cine estadounidense visto é palpable dende o primeiro minuto da metraxe. Os ceos que Malick filmara para o seu BADLANDS (1973), as panorámicas crepusculares do mellor Eastwood, a comuñón de home-cabalo vista na THE ELECTRIC HORSEMAN (1979), as vidas duras dos tratantes de equinos na THE MISFITS (1961) de Huston, todas elas e máis, van presentes no traballo de Zhao que consigue tratar de tu ao JUNIOR BONNER (1972) de Peckinpah, cumio do subxénero ecuestre ata a data.

A mano de Zhao e a historia que conta conmove ata o tuétano, nun filme que viña precedido con moitos e merecidos loureiros de éxito. A chinesa, sen caer na facilidade da bágoa fácil, preséntanos a uns personaxes que son o que son, cos seus tempos pausados, na fermosa Dakota (moi ben a foto de Joshua James Richards, que non cae na trampa de recrearse no preciosismo máis estético, senón que limítase a deixar falar ao horizonte, as nubes, os campos…).

Tedes que ir vela a fume de carozo, non perdades a oportunidade de gozala na grande pantalla. Dende a apoteósica THE FLORIDA PROJECT (2017), non vira unha “indie” con tanta calidade. Seguiremos a traxectoria de Zhao con moito interese e poñémola ó carón dos Sean Baker, Taylor Sheridan, Jordan Peele, Denis Villeneuve ou Damien Chazelle por citar a nova fornada de sucesores dos cineastas que na década dos Setenta puxeron patas arriba o Grande Hollywood.

… xinetes que viven toda a súa vida en oito segundos.

¡Magnífica!.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial