A Deputación acelera a reforma do vial Negreira a Pontenafonso

0

Negreira, 30 de xaneiro do 2019 – A Deputación da Coruña inicia os trámites de expropiación das obras de ampliación do segundo tramo da estrada DP 5602 Negreira Pontenafonso.

Imaxe aérea da estrada no remate na Ponte NafonsoO presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse co alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, co que abordou o estado de diferentes obras de mellora de estradas que financia a institución provincial no municipio. Jorge Tuñas explicou que, tras varios meses de negociacións coa veciñanza para intentar conseguir a cesión dos terreos necesarios para acometer a segunda fase das obras de ampliación da estrada Negreira Pontenafonso, non se conseguiu que a totalidade dos veciños cederan os terreos, o que simplificaría os trámites administrativos e axilizaría a execución das obras.  Por iso será necesario levar a cabo un expediente de expropiación, que a Deputación “activará de inmediato” para acometer esta obra, que pretende anchear a plataforma da calzada nun tramo de aproximadamente tres quilómetros que vai do pk 6,360 á ponte de Barbazán.

Imaxe da reunión entre Valentín González e Jorge TuñasA Deputación xa acometeu, entre 2008 e 2010, obras de ensanche e mellora nos seis primeiros quilómetros desta estrada, pertencentes ao termo municipal de Negreira, por un importe de 1,23 millones de euros. Estes traballos incluíron o ensanchamento da plataforma, a construción de beirarrúas nos primeiros 500 metros e de variantes que melloraron notablemente o antigo trazado, eliminando os puntos máis sinuosos e facéndoo máis seguro. O obxectivo desta segunda fase é facer o vial máis seguro para os numerosos vehículos que circulan cada día e adaptar o ancho da plataforma ao xa executado nos primeiros seis quilómetros.

Nova senda entre a rúa Malecón e Abeanca

González Formoso anuncioulle ao alcalde o inminente inicio das obras  de construción dunha senda peonil na DP 1302 entre a rúa Malecón de Negreira e o núcleo de Abeanca.

As obras, que xa foron adxudicadas por 54.445 € darán comezo nas primeiras semanas de febreiro e consistirán na construción dun itinerario peonil de formigón de case medio quilómetro de lonxitude que mellorará a seguridade dos viandantes. 

Para elo levarase a cabo previamente a demolición dos pavementos e pasos salvacunetas existentes, así como o desbroce da superficie, retirando a maleza e árbores existentes na zona.

O primeiro tramo da senda contará con novas beirarrúas pola marxe esquerda, con ancho variable en función do espazo dispoñible. O segundo tramo, que discorrerá pola marxe dereita (no esquerdo xa hai beirarrúas) diporá dun ancho total de 1,20 metros, discorrerá a unha cota lixeiramente inferior á da estrada e contará con sistema de recollida de pluviais. Finalmente no terceiro tramo, na zona máis urbana, a beirarrúa discorerrá pola marxe esquerda. Todas as obras están adaptadas para garantizar a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas.

As sendas peonís no Camiño, en fase de expropiación

A Deputación da Coruña ten ademáis en fase de expropiación as obras de construción de 5 quilómetros de beirarrúas na DP5603, de Negreira a Marco do Condado, pola que discorre a prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía

A Deputación destina 1.012.495 euros a este proxecto, dos cales 893.378 corresponden ao orzamento das obras e outros 119.116 euros á expropiación dos predios necesarios para executar os traballos.

Este investimento realízase dentro do Plan de Sendas Peonís, que pretende mellorar a seguridade viaria dos peóns en todas as vías de titularidade provincial. Así mesmo, a Deputación realiza este tipo de actuacións especialmente naqueles tramos polos que discorren as sendas xacobeas, co obxectivo de mellorar as dotacións para os peregrinos e evitar que teñan que transitar pola calzada ou as beiravías, co consecuente perigo.

As obras na DP 5603 de Negreira a Marco do Cornado realizaranse en catro tramos situados entre os puntos quilométricos 1+430 e 2+170, 7+300 e 7+820, 8+750 e 10+770 e do 11+110 ao 12+900.

As novas sendas terán dous metros de ancho e realizaranse en zahorra artificial estabilizada con cemento, o que proporciona un firme especial, brando e cómodo para camiñar longas distancias.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial