A Deputación da Coruña cede unha furgoneta adaptada á Asociación Avante de Val do Dubra

0

Val do Dubra, 30 de outubro do 2018 – A deputada de Benestar Social e Igualdade, Ánxela Franco, fixo entrega á Asociación de Persoas con Discapacidade Avante de Val do Dubra dunha furgoneta dentro da convocatoria para equipar con vehículos adaptados a entidades que traballan no ámbito dos servizos sociais.

A deputada Ánxela Franco e o secretario da asociación de Persoas con Discapacidade, Avante, Manuel Santos asinaron o convenio  e selaron a cesión dunha furgoneta que facilitará o traslado de persoas usuarias do centro que ten a súa sede en Val do Dubra. Neste caso trátase dunha furgoneta de nove prazas con plataforma eléctrica para cadeira de rodas e chanzo eléctrico para porta lateral dereita que a entidade utilizará de maneira preferente na ruta de Val do Dubra a Santa Comba.

“O destino do vehículo será aliviar as rutas que realizamos diariamente que eran moi extensas e liberar tamén un dos que xa había para dar servizo á vivenda tutelada que temos”, explica o secretario da entidade Manuel Santos. De todas maneiras, o principal beneficio para Avante é conseguir incorporar ao seu parque móbil “unha furgoneta completamente adaptada nunha ruta na que tiñamos unha persoa usuaria con moitos problemas de mobilidade co cal prodúcese unha significativa mellora do servizo”, segundo destaca Santos.

Avante dá servizos a persoas dos concellos de Santa Comba, A Baña, Cerceda, Ordes, Val do Dubra, Trazo, Tordoia e mesmo Santiago de Compostela co cal o traslado de usuarias é de especial relevancia para o funcionamento do centro. “No rural a poboación está moi dispersa e é preciso afondar no tema do transporte porque o que está claro é que non se poden poñer centros en todos os concellos co cal fai aínda máis importante contar cun transporte adaptado que é clave para o traballo que facemos”, sinala o secretario de Avante, entidade que atende diariamente a 30 persoas e 6 na vivenda que xestionan.

A deputada de Benestar Social e Igualdade, Ánxela Franco, destaca que está a “comprobar a necesidade que tiñan as entidades de ampliar e renovar o seu parque móbil, en especial, no que a vehículos adaptados se refire”. Fixo fincapé tamén en que “a Deputación está a traballar man a man coas entidades do ámbito dos servizos sociais porque están a desenvolver un papel imprescindíbel, en especial no ámbito rural e con esta iniciativa responde a unha das principais demandas que é a mellora do transporte para as persoas usuarias dos centros”.

Ánxela Franco lembra que nas xuntanzas con persoal técnico dos concellos que se están a desenvolver ao longo de todo o territorio da Coruña para a elaboración do Plan de Acción de Servizos Sociais a queixa polas dificultades do transporte público é unha tónica xeral nas persoas que traballan nesta área. “As dificultades son enormes e increméntanse cando o que se precisa é transporte adaptado a persoas con dificultades de mobilidade”, sinala, ao tempo que agarda que “outras institucións teñan o mesmo compromiso que está a demostrar a Deputación da Coruña coas persoas que máis o precisan”.

A área de Servizos Sociais da Deputación da Coruña subministra co presente programa once vehículos para as seguintes entidades sen ánimo de lucro, ademais Avante, Asociación de Discapacitados da Comarca de Muros, Asociación de persoas con discapacidade Avante; Asociación de persoas con discapacidade e apoio á integración das comarcas de Arzúa e Terra de Melide (Amarai), Asociación Discapacitados Terra de Muros, Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol, Asociación Pais Def. Físicos e Psíquicos Comarcas Xallas-Cee, Asociación Pro Saúde Mental A Creba, Asociación Porta Nova, Asociación Nosa Señora de Chamorro, Asoc. Íntegro P/ Diversidade Funcional comarca Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra e Asoc. de Pais de Persoas con Parálise Cerebral.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial