A Deputación reúnese cos concellos da Comarca de Ordes para avanzar no Plan de Acción de Servizos Sociais

0

Ordes, 25 de outubro do 2018 – A deputada de Igualdade e Benestar Social, Ánxela Franco, participou na xuntanza de traballo con persoal técnico dos concellos da comarca de Ordes de cara á elaboración do Plan de Acción de Servizos Sociais da Deputación da Coruña. O Servizo de Axuda no Fogar foi un dos temas centrais da xornada.

No Concello de Oroso desenvolveuse a xuntanza con persoal técnico para avaliar a situación dos Servizos Sociais. Na xuntanza participaron persoal dos concellos de Oroso, Ordes, Frades, Mesía, Trazo e Cerceda e, ademais asistiu tamén o equipo técnico da Asociación Andaina Pro Saúde.  Entre outros temas, na reunión, o persoal técnico fixo fincapé na importancia do Servizo de Atención ao Fogar (SAF) básico á hora de detectar necesidades nos domicilios.

Destacaron tamén o importantísimo papel que teñen os equipos de auxiliares do SAF á hora de seren axentes do cambio cos usuarios e familias coas que prestan servizo e melloraren as súas condicións de vida. Neste sentido, o persoal técnico tamén transmitiu a importancia dos problemas de habitabilidade rexistrados nalgunhas vivendas rurais da comarca e do fenómeno das infravivendas.

Ademais, como está a ser habitual nestas xuntanzas, outro dos grandes temas comentados foi como a limitación do servizo de transporte público incide no illamento e na soidade, sobre todo, das persoas maiores, favorecendo o despoboamento das zonas máis rurais da comarca.

Na xuntanza, a deputada de Servizos Sociais, Ánxela Franco explicou tamén o compromiso da Deputación co bo desenvolvemento do Servizo de Atención ao Fogar que experimentou un importante incremento desde o ano pasado ao presente. Neste sentido, a achega ao concello de Oroso pasou de 39.078,97€ a 52.490,32€ cun aumento de 13.411,35 €, o de Frades experimentou un incremento de 16.443,37 € ao pasar de 17.643,83 a 34.087,20 €; o de Mesía pasou de recibir 51.502,50 a 99.414,04, é dicir, 47.911,54 € máis, o de Trazo de 43.601,75 a 66.517,00 €, é dicir, 22,915,75 e o de Cerceda supera do dobre da asignación anterior pasando de 45.488,21 a 103,786,00 €, é dicir, 58.297,79 € máis.

A deputada Ánxela Franco, insistiu na necesidade de mellorar o estado das áreas de servizos sociais ao se tratar das que “máis próximas están ás persoas que máis o necesitan, ás veces con situacións de verdadeira emerxencia. Estamos a comprobar que os servizos son insuficientes e é preciso apoialos desde as institucións porque reverte na mellora da vida das persoas que máis o precisan”, e destacou o compromiso da Deputación da Coruña co benestar social e convidou a outras institucións a incrementar a súa dedicación a este ámbito no que, segundo dixo, “non se pode falar de recortes senón todo o contrario, é preciso incrementalos para procurar a mellora da vida das persoas”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial