Compostela, 25 de febreiro do 2021 – A hostalería volveu este mércores a protestar nas rúas de Compostela e mantense fora das negociacións coa Xunta.
O goberno autonómico continúa tendo como referente ao Cluster do Turismo. Desde o sector consideran que se trata dun ente creado para negocios como hoteis, empresas de actividades ou casas de turismo rural pero non para a hostalería.
Manifesto
Asociacións de toda Galicia se manifestaron en distintas cidades no día de onte. En Compostela reuníronse moitas da bisbarra que camiñaron xuntas ata a Praza da Quintana. Os representantes da hostalería leron un manifesto que foi común para toda a comunidade autónoma.
No documento lémbrase unha vez máis que se trata dun sector que “afecta a todo o tecido empresarial dos pobos: os propietarios dos negocios, os empregados, os provedores (alimentación, bebidas, panadarías, froitarías, carnizarías, peixarías, lavandarías, servizos técnicos…), o sector primario (gandeiros, mariscadores, agricultores, viticultores…), pequenos propietarios dos baixos e todos os demais comercios, todos ligados nunha economía interdependente, circular”.
Destacan tamén que o sector da hostalería “a diferenza doutros, viuse paralizado pola decisión da Xunta de Galicia, decisión sanitaria que nós aceptamos se é polo ben común, pero que non vén acompañada de decisións económicas como si se está a facer noutros países”.
O manifesto da hostalería concreta as demandas en dúas cuestións. Por unha banda rexeitan “a criminalización do sector, sinalado como foco de infección e de descontrol” xa que cumpriron sempre coas medidas impostas. E por outro lado considéranse empresas intervidas polo goberno ao impedirse que realicen a súa actividade, por esta razón reclaman un plan de rescate sectorial.
Fondos europeos
O manifesto da hostalería engade que España recibirá da Unión Europea 140.000 millóns de euros e esixen “claridade na súa distribución, que non se faga por clientelismo, amiguismo ou que vaia a parar a grandes empresas con capacidade de presión. Hai que rescatar ás persoas, á economía real, a de centos de miles de pequenas empresas, de autónomos e dos seus traballadores”.
Datos
O documento lembra ademais que a hostalaría representa o 7% do PIB de España; que emprega a 1,7 millóns de persoas (o 9% do total nacional) e hai 315.000 locais abertos cunha facturación de 125.000 millóns de euros.