Compostela, 18 de febreiro do 2021 – A Hostalería concentrouse este mércores diante da residencia oficial do presidente da Xunta en Monte Pío, para protestar pola situación do sector.
A convocatoria partiu da Asociación Hostalaría Compostela e a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela. Os manifestantes queimaron tres monecos que representaban ao presidente do Goberno, ao da Xunta e ao alcalde da cidade.
Desde as asociacións se explica que “seguindo a tradición do mércores de cinza, co que se despide o Entroido, representamos unha queima do meco para chamar a atención sobre a situación límite que atravesa o sector e exixir a posta en marcha dun plan de rescate real”.
As mobilizacións continuarán nas vindeiras semanas e culminarán nunha manifestación nacional que se celebrará o 13 de marzo (coincidindo co aniversario do inicio do confinamento) en Santiago convocada pola Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega.
Plan de rescate
A Hostalaría Compostela reclama que o Goberno galego poña en marcha o plan de desescalada que xa presentou en novembro e que incluía, entre outras medidas, un rexistro de reservas nos restaurantes, co obxecto de acceder facilmente aos contactos en caso de producirse
a presenza dalgún contaxio; sempre co compromiso por parte da Administración dun reforzo do equipo de rastrexadores.
No que se refire ás axudas aprobadas pola Xunta, Hostalaría Compostela celebra que fora recollida a súa proposta de poder acceder a elas aínda que se teñan débedas coa Administración, pero insiste en que a contía total é insuficiente e en que ter que xustificar unha caída na
facturación superior ao 45% respecto ao ano 2019 supón deixar fóra a moitas empresas.
Os hostaleiros lamentan que a Xunta de Galicia decidira o pasado luns manter o peche do sector. A entidade denuncia que o Goberno galego segue a culpabilizar á hostalaría do incremento de casos na pandemia, cando non está xustificado que a súa actividade estea maiormente ligada aos contaxios que outros sectores.
Atraso nas axudas do Concello
Por outra banda, a Asociación compostelá quere amosar o seu malestar pola tardanza no cobro das axudas aprobadas polo Concello de Santiago para o sector, que meses despois de ser presentadas seguen sen ser recibidas por aqueles negocios aos que lles foron concedidas.
Hostalaría Compostela espera que este atraso poida resolverse o antes posible porque, se ben non solucionan a gravidade da situación, si que poden supoñer un alivio de liquidez para moitos negocios da cidade.
A Asociación engade que, ante a gravidade da situación, estas axudas terían que prolongarse máis aló deste ano “o Concello debería manter este compromiso financieiro co sector”.