A mina de Touro agocha morcegos protexidos

0

Touro, 8 de xullo do 2019 – A mina de Touro nunca deixa de sorprender e agora descóbrese que no seu interior agocha unha colonia de morcegos protexidos pola lexislación medio ambiental.

Fai máis dun ano, membros de Drosera, asociación para o estudo e conservación do medio natural que desenvolve desde 2007 o programa “Morcegos de Galicia”, realizaron unha visita á contorna do proxecto de ampliación da mina de Touro, a fin de comprobar a presenza de morcegos na antiga mina. No posterior informe elaborado ao efecto advertiron, dentro dunha galería de mina abandonada no terreo do novo proxecto, a presenza de exemplares de Rhinolophus ferrumequinum (morcego de ferradura grande) e evidencias de que existe un gran número de individuos nesa galería ao longo do ano, pola gran cantidade de guano (acumulación masiva de excrementos de morcegos) presente no fondo da cavidade.

Trabajo propio, CC BY-SA 3.0, Enlace wp-image-45494 size-full” title=”De Marie Jullion – Trabajo propio, CC BY-SA 3.0, Enlace” src=”http://lindeiros.gal/wp-content/uploads/2019/07/mina-touro-morcegos-mina-slide-8-xullo-2019_r.jpg” alt=”De Marie Jullion – Trabajo propio, CC BY-SA 3.0, Enlace” width=”702″ height=”336″> De Marie Jullion – Trabajo propio, CC BY-SA 3.0, Enlace

Esta colonia de morcegos podería ser un argumento, outro máis, para paralizar o proxecto mineiro. A pesar de que esta especie está catalogada como vulnerable no Catálogo Español de Especies Ameazadas (RD 139/2011) ou como Especie de fauna estritamente protexida no Anexo II do Convenio de Berna, entre outros, o Estudo de Impacto Ambiental do proxecto de mina de cobre a ceo aberto de Cobre San Rafael non reflicte a súa existencia e, por tanto, non o contempla como afectado. De feito, o documento “Descrición do medio afectado” recolle que non foron identificadas especies con algún réxime de protección no interior dos terreos do proxecto mineiro.

Como recolle o informe da Asociación Drosera, o feito de ser unha especie catalogada esixe un estudo do uso da cavidade pola especie ao longo do ano a fin de determinar o tamaño do grupo, a época en que están presentes na mina e que tipo de refuxio acolle a galería (se é hibernación, cría, transicional ou de apareamento).

Son diversos os informes técnicos que recollen unha afección da explotación de cobre ao medio natural, así por exemplo, a Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias pon de manifesto a grave afección que a explotación mineira pode orixinar nas explotacións gandeiras, cualificando a contorna da mina como “zona especialmente gandeira”. Así mesmo, desde a Dirección Xeral de Ordenación Forestal apuntan que o proxecto determinaría un evidente prexuízo para as explotacións forestais existentes na zona, o cal non foi debidamente ponderado no Estudo de Impacto Ambiental que presenta a empresa promotora. De feito, no devandito informe recóllese que “o desenvolvemento dunha explotación mineira en chan rústico de especial protección forestal non pode ser considerado como compatible cos usos forestais en aplicación á lexislación sectorial na materia”.

No mesmo sentido exprésase o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural ao mencionar a proximidade do proxecto ao espazo protexido Rede NATURA 2000 Sistema Fluvial Ulla – Deza, enumerando os hábitats de interese comunitario presentes na zona e as especies protexidas existentes na mesma, destacando como deficiencias a ausencia de avaliación da repercusión da explotación realizada sobre o medio ambiente para poder acreditar a inocuidade da proposta.

Dentro da demarcación do Proxecto Touro atópanse 4 hábitats de interese comunitario para os que Cobre San Rafael non contempla ningún tipo de protección, polo que parece darse por feito a súa destrución, a pesar das advertencias do informe da Dirección Xeral do Patrimonio Natural con respecto á afección ás especies do hábitat 4030 (brezales secos europeos) nos termos establecidos na Lei de Patrimonio Natural e Biodiversidade, xa que son “tipos de hábitats naturais de interese comunitario para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación.”

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial