A Plataforma contra o vertedoiro de Miramontes reúnese co concello de Santiago

0

Compostela, 21 de marzo do 2019 – Despois da denuncia da Fiscalía contra a planta de Miramontes a plataforma veciñal reuniuse co alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, para valorar a medida.

A Plataforma de Miramontes e o concello valoraron de xeito positivo a actuación da Fiscalía contra a canteira de Grixoa. Noriega mostrou a satisfacción do concello e puxo en valor o traballo veciñal xa que dixo que esta denuncia “se deriva dun traballo combativo e rigoroso da Plataforma de Miramontes que temos que agradecer. O Concello xa se tiña personado na denuncia presentada pola Plataforma, porque estamos convencidos de que está habendo incumprimentos da normativa ambiental que poden ter consecuencias graves, tamén para as persoas, e cremos que isto hai que contextualizalo no colapso que sofren as instalacións de tratamento do lixo de Sogama”.

O voceiro da Plataforma asegurou que o colectivo “séntese reconfortado porque a decisión de Fiscalía mostra que o intenso traballo que vimos realizando serviu de algo. Seguiremos mantendo xuntanzas coas administracións implicadas, porque sabemos que o procedemento xudicial pode demorarse no tempo e precisamos que se adopten medidas para garantir a saúde das persoas e do medio ambiente, a Xunta debe actuar xa”.

Sen resposta da Xunta

O rexedor explicou tamén que “a Administración local acompañará á Plataforma no procedemento xudicial”, e seguirá traballando no ámbito das súas competencias para responder ás demandas da veciñanza da Grixoa. Nese sentido, lamentou que “o Concello non puido pechar os expedientes que ten abertos en relación á canteira, porque a Xunta de Galicia non respondeu aos catro requirimentos de información que se teñen realizado desde o mes de novembro en relación a Miramontes”.

O Concello ten iniciado o procedemento de ineficacia da comunicación previa de inicio de actividade na planta de tecnosolos, baseado en que a actividade é desenvolvida por unha empresa diferente á que tiña tramitada a comunicación previa de inicio de actividade. Tamén se iniciara o procedemento para revogar a licenza de obras e de actividade da canteira.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial