A prensa entre 1915-1936 nun estudo da USC

0

Compostela, 28 de xullo do 2017 –  Mentres a prensa emitida no territorio galego olla cara Madrid no camiño cara a modernización e o progreso, a de difusión estatal torna a súa mirada cara as elites burguesas e aristocráticas de París e Londres; e a prensa galega da emigración proxecta a apertura cara unha Galicia con conciencia de si propia.

Estas ideas resumen en trazos xerais algunhas das mensaxe que Uxía Bolaño Amigo identificou na análise de diversas cabeceiras da prensa galega e madrileña no período comprendido entre 1915 e 1936 á procura de como estes medios representaban nas súas páxinas a infancia, a primeira adolescencia e a súa educación.

A partir do estudo desenvolvido conclúe a doutora Uxía Bolaño que as revistas analizadas pretenden transmitir “mediante as representacións que proxectan, un modelo de infancia, de primeira adolescencia e da súa educación consoante cos ideais dominantes entre a clase hexemónica burguesa, tentando cumprir un labor de reprodución social baixo modelos identitarios que trasladan nocións de xénero, clase social e de identidade nacional”.

O traballo pon en valor o labor dos medios de comunicación na construción do imaxinario colectivo da sociedade de comezos do século XX, neste caso tomando en consideración o contexto xeográfico de emisión e identificando os anhelos e desexos de parte da poboación para coa súa descendencia. Uxía Bolaño baseou o seu estudo na análise de variados textos e imaxes “nun conxunto significativo e relevante de revistas culturais e prensa gráfica galega, publicada tanto na Galiza territorial como na ‘outra Galiza’ presente en América debido ao amplo fenómeno migratorio, así como madrileña entre 1915 e 1936”.

Os medios estudados

A investigadora escolle os medios de comunicación obxecto de estudo conforme criterios de significación e relevancia. Entre eles, atópanse Céltiga (Bos Aires), Eco de Galicia (A Habana), Marineda (A Coruña), Vida Gallega (Vigo), La Esfera (Madrid) e Blanco y Negro (Madrid). Esta mostra permite “observar, coñecer, valorar e comparar as representacións construídas e difundidas polos sectores burgueses –con diversas manifestacións ideolóxicas- que tanto nos contextos galegos como naqueles outros madrileños, educaban a súa descendencia, achegando un mellor coñecemento e comprensión da vida social e dos horizontes desexados por parte deste segmentos sociais”.

As olladas identificadas

Entre os puntos de vista identificados nos medios de comunicación “prevalecen olladas que, con matices, representan a infancia ou a primeira adolescencia dende unha perspectiva que denominamos ‘tradicional e antropolóxica-relixiosa’” se ben, como especifica a doutora Bolaño “son múltiples as diferenzas existentes entre as diversas revistas, tamén condicionadas polos respectivos contextos socioculturais nos que se desenvolven”. Pon como exemplo os casos de La Esfera, publicación na que sobresaen as miradas con corte naturalista, e Céltiga, onde prevalecerían as nocións vinculadas ao modelo ‘sociolóxico-político’.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies