Comezamos a Primavera cun ímpeto renovado polas horas de Sol que estamos gozando na semana e que festexamos cunhas propostas de lecer ampla e variada. A gañadora do Oscar a Mellor Curta Documental, a serie da que todo o mundo fala dende o pasado finde e tres estreas na grande pantalla, cunha desigual valoración que vemos xa, sen mais dilación.

E esta primeira crítica de primavera comeza coa magnífica PERIOD. END OF SENTENCE (2018) da irano-estadounidense Rayka Zehtabchi que traslada cunha enorme pericia a iniciativa do hindú Arunachalam Muruganantham que ideou unha máquina que fabrica toallas hixiénicas de baixo custo para que as mulleres poidan usalas durante a súa menstruación. Iso que tan usual semella por estas latitudes, convertese nunha auténtica travesía polo deserto no caso da maioría de femias que soportan ignominias, ignorancias e machismos ultraxantes por parte de familiares, amigos e descoñecidos. Coma di o propio Muruganantham, “a menstruación é o maior tabú do meu país”.

O acerto da cineasta é presentarnos a realidade case medieval coa que teñen que convivir as mulleres na India, Estado-Continente onde os contrastes son radicais. Sendo unha grande potencia na tecnoloxía informática e no I+D+I, arrastra a lacra das tradicións máis nefastas que por estes lugares uns simios disfrazados de humanos tentan reinstaurar.

No caso do país asiático, o descoñecemento, o silencio cómplice, a baixada de ollos cara o chan cando a directora pregunta as nenas sobre o tema, as risas nerviosas… Todo semella sacado doutro tempo onde o home xulgaba “impura” a muller para acudir os templos, rezalos libros sacros (non só na India, senón tamén noutras nacións con outras relixións monoteístas) ou acudir as escolas… Inimaxinable aos ollos dun “occidental”.

A película presenta a mulleres emprendedoras que desexan trocar a sociedade na que sofren. A menstruación é un tema case descoñecido no mundo masculino pero tamén no universo feminino vai unha nula explicación as cativas do proceso biolóxico por parte das súas nais (por que a elas tampouco dixéronlle nada). O proxecto de Muruganantham, www.thepadproject.org, conta cunhas heroínas de nomes propios, persoas comúns que ensinan a elaborar estas compresas, o seu uso e de non ter que avergoñarse nin ocultarse baixo unhas lamentables condicións hixiénicas.

É un relato que bateu a miña conciencia cunha insospeitada virulencia; que pola sinxela maneira no que está filmado, gaña credibilidade coma cinema verité dunha grande enxunlla emotiva. É un documental case feito coa cámara na man, cunha edición intencionadamente amateur pero notable, coma tamén os seus coidados encadres. Vai cine de calidade nestes 26 minutos de metraxe. Simpatizamos cunha das protagonistas cando di que o seu sono é ser policía para ter unha independencia económica e non ter que casar, e tamén para darlle unha patada no cu a todo aquel que se meta con ela.

PERIOD. END OF SENTENCE é unha imprescindible historia de visión áxil que debería ser obrigatoria nas escolas e nalgúns foros mediáticos de cavernícolas (a cabalo ou non). Gañou con moito mérito galardóns nos festivais onde competiu e, aínda que Zentabchi cando recolleu o Oscar dixo aquilo de “non podo crer que unha película que fala da menstruación levara este premio”, nos batémolas nosas mans ata o vermello incandescente.

¡Século XXI e que aínda teñamos que contemplar estas realidades!. Tedes que vela película por que sabiamente a cineasta non cae na traxedia fácil, senón na esperanza dun futuro mellor, contado cunha naturalidade dunha honestidade intimista brutal. Non aforro eloxios. Brillante.

E para recuperar as pulsacións, unha trapallada que de cando na vez a este humilde contacontos gústalle catar sen moito máis remordemento que pasar hora e media de encefalograma fílmico plano. As famosas películas de “non pensar” ideais nesas tardes de resacas cognitivas do tamaño do ego da maioría dos candidatos políticos que por acá ou acolá proliferan nos dous derradeiros anos, sexan axentes laranxas ou nostálxicos de tempos escuros. Digo eu que se tantas gañas teñen de volver protagonizar as grisáceas novas, que fuxan cara Mordor, que por alí teñen sitio dabondo. Pero o dito, falemos do noso.

E “o noso” é o cine de calquera xénero ou calidade. Xantamos de todo e non facemos de inicio noxos preconcibidos. Mandingo é cinéfago e lévao cunha honra propia do nerd que vai dentro da carcasa exterior. O que acontece é que hai que ter peito para aturar na totalidade o filme HOLMES AND WATSON (2018), produto dirixido polo guionista Etan Cohen. Escritor que no 2003 Ben Stiller adaptou o seu texto para a irregular TROPIC THUNDER, filme que tentaba saírse da comedia máis previsible nunha película que xogaba cunha irreverencia de termo morno.

Algo bo ten o filme e é a moi coidada produción que recrea a época na que viviu Holmes, os seus compañeiros de troula, os seus inimigos e as adicións fármaco-opiáceas inclusive. Confeso que piquei co tráiler do filme hai un tempo atrás e aínda que non agardaba moito mérito na historia que contan é peor do imaxinado. Mea culpa, recoñezo; pero se sodes de películas onde priman os gags de humor groso con chiscadelas a actualidade política internacional e pouco esmero nas calidades interpretativas, pois… ¡pois tampouco machiños!, que non dá nin para media neurona despistada. Non podo recomendala por que algún lector sospeita da miña identidade e non vaia ser que leve unha malleira calquera noite despois de saír do Teatro Chinés a iso das doce badaladas.

Mirade se é mellorable o traballo de Cohen, que a compañía Sony, despois das pésimas críticas que levou das exhibicións-sorpresa nos distintos cinemas que proxectouse, tentou “empaquetala” a Netflix (que merca todo o que lle poñan diante) e a canle de streaming dixo aquelo de: “Ola Sony, ¿sabes contar?”. “Si”, respondeu. “Pois non contes comigo”.

O dito, baixo vosa responsabilidade. E xa que falamos de parellas, imos cunha das que merecen moita a pena. Falamos da agardada estrea de STAN & OLLIE (2018) biopic crepuscular da famosa parella de actores que tivo cotas de popularidade excepcionais ata case finais da década dos Trinta do pasado século e que rivalizaban co mesmo Chaplin, xenio eterno da Sétima Arte.

O británico Jeff Pope adapta con moito éxito a novela do escritor “A. J.” Marriot, LAUREL AND HARDY- THE BRITISH TOURS, compilación das representacións teatrais e venturas acontecidas pola cómica dupla na súa derradeira xira profesional. Do bo facer de Pope non dubidabamos xa que sona ben gañada ten dende a seu escrito para o filme PHILOMENA (2013), cunha candidatura para o Oscar dese ano (gañouno John Ridley por 12 YEARS OF SLAVE, nunha decisión cando menos cuestionable).

O que non sabíamos era das virtudes profesionais do escocés Jon S. Baird, que non prodígase moito coma director, pero que asina unha pequena xoia de “cine dentro do cine”, cunha fermosa e sutil historia de amizade e lealdade de tempos xa esquecidos. STAN & OLLIE é un canto laudatorio que pasa de puntillas polos trapos sucios que todo grupo artístico ten ao longo da súa carreira profesional, pero que non os rexeita na totalidade. Non vai cara o sensacionalismo máis amarelo, propio dos taboleiros xornalísticos da pérfida Albión. Percorre máis, na rendida homenaxe cara dous caracteres irrepetibles que influíron tanto nos debuxos animados “slapstick” coma nas futuras agrupacións cómicas, chámense The Three Stooges, Abbot e Costello, Jerry Lewis e Dean Martin, Monty Python ou ese humor xudeu estadounidense baseado no gag visual dos Setenta da man dos Mel Brooks, Dom DeLuise ou das bufonadas da primeira etapa fílmica do grande Woody Allen.

Película ambientada case sempre nos locais orixinais, cunha moi coidada produción de John Paul Kelly, que xa acadara cumios máximos para o BLOODY SUNDAY (2002) de Greengrass e cunha formidable labor do equipo de maquillaxe de Barbara Taylor, responsable do excepcional resultado gozado na GUARDIANS OF THE GALAXY (2014), do indultado para  a causa James Gunn.

Pero todo isto non abondaría senón fora pola apoteose vista no traballo feito por eses dous colosos coma son Steve Coogan e John C. Reilly. Actores que mimetízanse nos roles, que dan unha excepcional lección de rexistros, cunhas multitude de estratos interpretativos, que fan aquelo tan difícil para un actor coma é actuar coa ollada; sorte final e triunfal, dignos herdeiros dos gregos Esquilo e Aristófanes.  Memorables e quedo curto na miña rendida pleitesía.

Non dubidedes acudir a fume de carozo ao cine máis próximo para gozar ata o paroxismo deste fermosísimo conto de amor ao Cine, da eterna complicidade convertida nunha irmandade incorruptible nesta sentida comedia, delicada, fermosa ata fartar. Sutil, grácil, moi na liña (pero superior) ao gozado na delicada FILM STARS DON´T DIE IN LIVERPOOL (2017) de Paul McGuigan, película que xa comentáramos na crítica do pasado 28 de maio do 2018.

Seguro que xa o sabedes, pero por que na dobraxe ao castelán, “o Gordo e o Fraco” falaban cun marcado acento estranxeiro?. Pois por que eles mesmos (ao principio do sonoro) facían as dobraxes no idioma cervantino (tamén ao francés, italiano e xermano). Logo, tras a súa popularidade, os actores de dobraxe españois seguiron imitando eses acentos. Unha curiosidade, coma peche da crítica deste capricho titulado STAN & OLLIE.

E trala defensa sen rendición posible do filme de Baird, toca descubrir unha serie que está na boca de tódolos amantes do xénero da Fantasía e da Ciencia Ficción. Case con seguridade, chegará aos primeiros postos na lista que facemos no decembro das mellores producións audiovisuais. Refírome a LOVE, DEATH & ROBOTS (2019- ), apoloxía diversa na súa imaxinería, xurdida da mente sempre inqueda de Tim Miller, profesional ao que temos simpatía por ser culpable desa transgresión fílmica que foi o DEADPOOL de vai tres anos.

Coa axuda na produción de David Fincher (non só el), presenta dezaoito micro-relatos que aínda que non son excepcionalmente orixinais (outros tocaron no pasado este concepto: THE TWILIGHT ZONE (1959-61), HEAVY METAL (1981), CREEPSHOW (1982), MAX HEDROOM (1987-88), THE TREEHOUSE OF HORROR EPISODES (1989- ) da serie THE SIMPSONS, ANIMATRIX (2003)…) son un auténtico despregue cromático que conxuga diferentes técnicas de deseño, rodaxe, edicións; semellante ao vórtice artístico da sorprendente SPIDER-MAN: INTO THE SPIDER-VERSE (2018), proposta invencible da animación contemporánea que bateu con merecemento a magnífica INCREDIBLES 2 da poderosa Pixar.

Apoiados nos escritos con persoeiros de certa calidade literaria coma os novelistas de xénero John Scalzi ou Alastair Reynolds, a maioría das historias levan moi boa nota coma entretemento puro, evasión efémera que alcanza cotas relevantes en tres ou catro dos seus episodios e que ningún baixa do 5 sobre 10.

Por unha vez e ogallá que serva coma precedente, a popular canle de streaming logra unha vitoria merecida e que non doe recoñecer coma de moito mérito. Ese é o camiño se quere mantelo pulso as canles actuais ou futuras coma a esnaquizante Amazon ou a asoballadora Disney.

E para rematar, que xa van sendo horas, deixo intencionadamente para o epílogo, o filme para rapaces (e maiores) THE KID WHO WOULD BE KING (2019) dirixido por Joe Cornish e que tamén asina o guión orixinal. E por certo Cornish profesional cunha certa afinidade polo cinema para nenos, responsable de dous elaborados e coidados contos gozados na THE ADVENTURES OF TINTIN (2011) do Spielberg máis curioso e para a homenaxe sincera do cinema fantástico dos Cincuenta na ANT-MAN (2015) de Peyton Reed; e autor tamén desa curiosidade metade terror, metade Ciencia-Ficción que foi ATTACK THE BLOCK (2011) onde un novo John Boyega batía coas portas e paredes antes de facelo parvo na nefasta terceira Triloxía de Star Wars.

Alex, un neno de bo corazón e cunha elevade integrade moral, atopa a mítica espada Excalibur. Lendaria arma que tamén procura Morgana, malévola parente do rei Artur, que ten un plan para gobernar a Vella Inglaterra coincidindo cun eclipse solar que vai acontecer en catro días.

A pesar que a sombra de THE LORD OF THE RINGS (2001) e as súas continuacións son máis que notorias, a película narra a eterna pugna entre o ben e o mal propia das lendas dos pobo da Europa do Norte, adaptada cara uns padais máis actuais e cun claro obxectivo no seu público: a rapazada pre-adolescente. A fortuna do filme radica que trata cun respecto encomiable aos novos, cuns acertados mensaxes de integración cultural e sen renunciar as pingas na épica e na comedia intelixente da que soen facer gala os británicos, coma xa gozáramos na excepcional EXCALIBUR (1981) de John Boorman e que trinta oito anos despois segue sendo a mellor película endexamais feita do mito artúrico ou na hilarante MONTY PYTHON AND THE HOLY GRAIL (1975).

Recoméndoa coma pasatempo de calidade para os vosos fillos e que transmite uns valores por desgraza, ausentes na vida pública actual. Podemos discutir se o novo Merlin é na realidade un oculto Dr. Who, pero tamén temos a impagable ocasión de gozar coa presencia de Patrick Stewart que coa súa magnífica dicción acerta dicirlle o heroe Alex unha sentenza anti-Brexit que podemos e debemos facer nosa, cara o vindeiro 28 de abril: “A Land is as good as its leaders”

“Unha Terra é tan boa coma os seus líderes”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial