займ срочно

Na derradeira semana deste verán do 18, convidamos aos nosos lectores a análise feita polo crítico máis fala-barato que podedes atopar na actualidade cunha crónica que vai dende a irreverente serie de animación PARADISE PD, o primeiro proxecto cinematográfico do novo estudio xaponés Ponoc e a homenaxe trivial para cunha grandes actrices na sinxela BOOK CLUB.

A primeira das tres estreas que achegan as pantallas (grandes e pequenas) compostelás que hoxe toca escribir delas é a primeira longametraxe de Studio Ponoc, MARY TO MASO NO HANA (2017) de Hiromasa Yonebashi, que adapta a novela de Mary Stewart THE LITTLE BROOMSTICK. Conto de meigas naíf que describe unha moi pouco orixinal historia dunha rapaza que descubre os seus talentos para as artes máxicas (con vasoira voadora incluída) e que sen querelo nin bebelo, ten que resolver unha situación excepcional para a que non semella estar inicialmente preparada.

Yonebashi, debuxante forxado no Estudo Ghibli do xenial Hayao Miyazaki, debuta na dirección cun produto que na súa estética lembra sen reparo nin rubor aos filmes da veterana produtora nipoa. Nada que obxectar xa que o trazo de liña que a responsable de obras mestras coma TONARI NO TOTORO (1988) ou MONONOKE-HIME (1997) segue sendo unha ledicia visual, aínda que nos fondos de pantalla, ben que se podían mellorar.

E na trama argumental onde veñen os maiores reparos. Non aporta nada novo ou sorprendente ao visto nos filmes da que é en exceso debedora (ou simplemente “inspírase” seica dabondo). As dúas sorpresas argumentais non son tal e os xiros na trama totalmente previsibles. Lembra, coma decepción, ao GAKE NO UE NO PONYO (2008) obra moi menor de Miyazaki, que exclúe intencionadamente do seu gozo ao público maior dos dez anos.

Non é unha mala produción entendendo coma tal a suma de tódalas calidades artísticas e técnicas, vese sen problemas, cun bo ritmo narrativo, unha edición que axuda e unha fotografía aquí si que moi destacable de Toshihiko Kojima (iluminador desa pequena xoia costumista que é a NARAYAMA BUSHIKO (1983) do Imamura máis interesante), pero o filme non da para moito máis que un leve entretemento que polos niveis que agardábamos previo visionado déixanos coma cando metémoslle ó dente a unha lagosta do Caribe, a nós, que somos do Fogar do Breogán.

Se estades pensando en levar aos vosos cativos ao cinema, lembrade que se teñen dobres díxitos na idade, vanvos ollar cunha cara de “pero se isto é para nenos pequenos!, non ves que eu xa son maior?”. Alertados estades, logo non me digades que non volo dixen.

Coma curiosidade, Miyazaki desexou boa sorte aos  responsables da película aínda que dixo que el non iría a vela. Unha “sutil” labazada e aviso aos navegantes que deixan o seno protector do estudo Ghibli. Ou non, que de protocolos sociais e regras de cumprimento xaponés tampouco vou tan sobrado. Ao mellor é a maneira cortés de dicirlles aos ex-pupilos “boa sorte, colle as chaves do auto e esnaquízate contra a poste de alumeado”.

E trocando de xénero, agora falamos da conxunción astral que moi de cando en vez (por desgraza, soen ser as excepcións no grande Hollywood) temos a oportunidade de desfrutar nunha sala de cine e contar as numerosas e grandes presenzas de actores xa veteranos que na maioría das veces son lendas vivas do cinema estadounidense. Falamos, claro, desa honra que Erin Simms e Bill Holderman fan a ese póker de actrices da categoría de Diane Keaton, Jane Fonda, Candice Bergen e Mary Steenburgen. Case nada, donas e cabaleiros…

BOOK CLUB é a ópera prima na dirección de Holderman, afeito a producir os derradeiros traballos de Robert Redford (os máis salientables, cando menos) e que non nos namora no resultado final. De feito se aceptamos a liviá trama no argumento damos por plausible as situacións un tanto forzadas, moi de conto de noivas rosas, unicornios alados, da procura da felicidade máis de anuncio do Nadal, cos familiares esaxeradamente preocupados pola sorte dos seus maiores. Vale, se é esa a proposta aceptámolo xogo, pero home!, que ía moitas máis “chances” por explotar.

As catro protagonistas reúnense tódolos meses, dende fai décadas,  no seu propio club de lectura para propoñer un título de cada xuntanza. Mulleres maduras que seguen a desfrutar da compaña e apoio que teñen entre elas, probablemente arquetipos das wasp da costa este neoiorquinas que cunha certa excepticidade acollen a lectura do libro CINCUENTA SOMBRAS DE GREY (de verdade?. Das centenares de miles de novelas que publícanse nos EE.UU. non poden atopar outra mellor?), pero vai por Zeus!, remata por atrapalas coma os colexiais na súa primeira bocanada de crack.

O filme é unha comedia amable para lucimento interpretativo das actrices desfrutando dos diálogos e das réplicas (a montaxe, por intres de querer axudar a tales propósitos nótase no exceso e poñemos un “precisa mellorar” a Priscilla Nedd, responsable anodina da ñoña PRETTY WOMAN (1990) e da facilmente dixerible DOC HOLLYWOOD do ano seguinte). Xa sabedes que, xeralmente,  a mellor montaxe é a que non decatamos nunha primeira revisión e se queremos facer unha apoloxía das tesoiras e pegamentos mellor chamade a Thelma Schoonmaker e deixádevos de lerias.

A película podería chegar a cotas maiores asumindo máis riscos nas historias que contan, pero o medo dos guionistas poida que fora o de espantar o target principal da audiencia. Imos contar unha historia afastada dos dramas que se podan asociar a esas idades. Non vaiamos pola senda desas producións coma as notables pero non acomodaticias TERMS OF ENDEARMENT (1983) ou STEEL MAGNOLIAS (1989) e naveguemos pola senda queda e sen fochancas ao estilo de SCENES FROM A MALL (1991) ou THE FIRST WIVES CLUB (1993). Triunfos interpretativos femininos, pero sen a pementa que bota un Woody Allen e si que con exceso do azucre dunha Nora Ephron nas súas horas máis baixas.

Entón, ¿que facemos co filme?. ¿Goceino?. Psi, pero pola culpa de ver o grande mérito na selección dos actores (debilidade nerd por Craig T. Nelson e Richard Dreyfuss) e por que Diane Keaton e unha das nosas musas de sempre e da igual o que faga ou fale. É marabillosa.

Pódese ver se aturades o exceso de cancións (entre elas, algunhas xoias do pop e rock) que sobresaturan as esceas, innecesarias e empalagosas, desvirtuando a máis que aceptable composición que Peter Nashel  fai na B.S.O. con chiscadelos a alta comedia californiana de finais dos Cincuenta e principios dos Sesenta, cando a virxinal esposa Doris Day servíalle a torrada o seu viril marido Rock Hudson intres previos a collelo coche e arrincar para o seu traballo soñado.

E como peche escatolóxico inadecuado a todas luces, destacamos a serie animada de televisión PARADISE PD de Roger Black e Waco O´Guin, a, polo de agora, derradeira produción con aspiracións a transgredir os fogares ben pensantes e de xente de ben que colgan nos seus salóns, con orgullo e satisfacción, os seus diplomas da Universidad Rey Juan Carlos.

Nunha pequena vila do profundo middle-east estadounidense, paraíso de hillbillies, rednecks e white-trash, amantes do “America First” trumpariano, o xefe da policía Randall Crawford e o seu equipo non sempre son os primeiros na procura de auxilio pero si que son os peores no intre da resposta. Baixo a presión da alcaldesa e ex-dona do xefe, teñen que loitar contra o tráfico de drogas cunha escaseza de medios que fan que os axentes da T.I.A, Mortadelo e Filemón semellen axentes do MI6. Sorte que teñen a unha Dirty Harry que pode con todo e un cadelo antidrogas adicto a todas elas…

Dende que no 1989, Matt Groening (non só el, certo) metera nos salóns das casas a unha disfuncional familia amarela de crase media, moitas series tentaron con máis ou menos éxito emular a longa e magnífica traxectoria da punta de lanza da cadea Fox, THE SIMPSONS.  A maioría delas, apostaron por un selo diferenciador case sempre tentando dar unha nova volta de torca nas historias que narrar. Máis bizarras coma SOUTH PARK ou máis incorrectas coma FAMILY GUY, pero sempre tomando coma referencia o condimento base da familia de Springfield. Series moi divertidas, irreverentes ata as cachas, pero que non conseguen dar un chimpo de calidade na súa orixinalidade a excepción da magnífica RICK AND MORTY.

Pois ben, PARADISE PD non é unha excepción e nada novo propón tanto na súa trama principal coma no desenrolo dos seus personaxes. Consigue manter un certo interese por que os episodios non son conclusivos e enganchan cos seguintes capítulos. Coma a oferta televisiva neste xénero é abafadora, os guionistas métenlle máis sal e picante a enchente para sorprender aos televidentes. Non mellora a calidade do prato a degustar; só fai máis explícito as escenas de inxesta de drogas, sexo e violencia. E aceptámolas coma fast food de consumir tras unha noite de troula, pero non coma delicatessen digna de réplica nas cociñas dos amigos.

¿Recomendámola?. Si, por que a primeira tempada son dez episodios que non chegan a media hora cada un, que podedes ver dunha tacada a espera de logros maiores; ou tamén podedes ler algún libro de Ursula K. Le Guin, por exemplo.

E por hoxe, chegou. Vémonos nos cinemas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies