A remodelación da praia de Testal en Noia estará rematada antes do verán

0

Noia, 18 de xaneiro do 2019 –  O alcalde de Noia, Santiago Freire, e o xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, visitaron a contorna da praia do Testal, onde está previsto executar un proxecto de reordenación ambiental do litoral noiés.

O proxecto para Testal, encargado pola Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar por 375.039,21 euros a Tragsa, ten un prazo de execución de cinco meses. As melloras incluirán a instalación dunha pasarela peonil de 766 metros entre a praia do Testal e a lonxa, dúas sendas en zahorra e a habilitación de dúas áreas para o aparcamento de vehículos.

Santiago Freire e Rafael Eimil estiveron acompañados polos concelleiros noieses Ángela Neri e Juan Ramón González, así como por enxeñeiros de camiños da Demarcación de Costas e da empresa adxudicataria, que comprobaron sobre o terreo as actuacións que se van executar na zona.

O alcalde amosou a súa satisfacción xa que “é unha obra onde levou moito tempo conseguir as autorizacións, que requiriu moitas xestións tanto en Madrid con na Coruña, pero que agora ve a luz e estou convencido de que suporá unha gran satisfacción para os veciños e veciñas de Noia, como tamén o fará o proxecto de mellora da fachada marítima, que espero que ao longo dos próximos meses se poda comezar a adxudicar e iniciar. Isto demostra que as xestións realizadas dende o Concello ao longo de tanto tempo comezan a ver os seus froitos”.

Reordenación ambiental

O proxecto de reordenación ambiental do litoral no Testal contempla unha pasarela elevada en plástico reciclado e dun ancho mínimo de 1,5 metros que “ademais de mellorar a seguridade dos peóns, tamén impedirá que se fagan estacionamentos sobre o areal”, explica Freire Abeijón.  Así mesmo, o alcalde noiés salienta que “tamén se creará unha senda en zahorra por debaixo do viaduto, que é un demanda de moitas persoas que practican deporte, ou simplemente camiñan pola contorna, e que así terán un percorrido cuberto por onde adestrar ou camiñar”. Unha senda que se sumará a outra que unirá a zona da praia ata a lonxa, seguindo nesta ocasión o trazado do litoral, non o da estrada. Ambas sendas terán un ancho de 2 metros e estarán feitas en zahorra, con bordillo en madeira.

A actuación tamén contempla a habilitación de dúas zonas para o estacionamento seguro de vehículos: unha a carón da pista polideportiva do Testal e outra en ambas marxes do vial de acceso á lonxa do Testal, a prolongación da DP-5706 (de titularidade compartida pola Deputación da Coruña e Portos de Galicia). “Isto vai a supoñer unha comodidade para os mariscadores e mariscadoras que acudan ao Testal, pois van poder estacionar en condicións de seguridade e sen risco de seren multados”, puntualizou o alcalde noiés.

Complemento das obras

Esta actuación que acometerá Costas complementarase cun proxecto de mellora do acceso peonil á praia do Testal, aprobado polo Concello de Noia o pasado mes de decembro e incluído no POS+2019. Un proxecto orzamentado en 202.192,28 euros e que “inclúe a mellora do acceso peonil á praia e tamén da zona de estacionamento no porto e na praia”, apunta o alcalde de Noia, quen indica que “con estas dúas actuacións conseguiremos que unha contorna que hai anos estaba degradada, que era un vertedoiro e que supuxo unha importante actuación de rexeneración, acabe sendo unha paraxe acolledora, a un paso de Noia e a carón da lonxa e o porto do Testal”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial