Mandingo troca o cinema de arte e ensaio por unha sobredose de acción nunha xungla asiática e uns ladróns de bancos de gatillo fácil ainda que o rebaixa un pouco cunha mediocre película de suspense que non é tal.

As ofertas fílmicas da semana que hoxe comeza van capitaneadas pola coraxe dunha das heroínas favoritas de todo nerd que se preze. Estou a falar da reaparición de Lara Croft, neste caso na pel da actriz Alicia Vikander, que dende que o grande público a descubrise na notable EX_MACHINA (2014) de Alex Garland, encadea unha máis que loable selección de traballos. É o que se dí, unha actriz cun bo gusto, ben asesorada e cun futuro moi prometedor.

Para a miña sorpresa o TOMB RAIDER (2018) de Roar Uthaug é un filme que aposta tanto pola enxundia emocional dos protagonistas coma unha lograda conxunción nas calidades técnicas. Estamos a ver a refundación dun personaxe icónico no mundo dos videoxogos, que tivo unha boa fortuna no cinema de acción menos esixente. O mellor desta produción é que a Lara de Vikander é unha moza alonxada da cáseque invencibilidade da heroína que interpretara Angelina Jolie.  É unha rapaza que non dubida en fuxir ante un combate en desventaxa, que chimpa e bate no chan con estrépito, que faise dano auténtico. Que treme (pero non dubida) ante situación extremas. Humaniza, en resumo, o personaxe e véxoo coma un grande acerto.

O quinto traballo de Uthaug ten a paciencia de traducir o guión de Geneva R-Dworet e Evan Daugherty, (moi superior co respeto ás medias a que estamos acostumados) nunhas acertadas secuencias, perfectamente encaixadas no bo traballo na produción de Graham King e máis o seu equipo de colaboradores habituais, que teñen o lombo curtido traballando para primeiras espadas coma os Eastwood, Soderbergh, Scorsese, Affleck, Verbinski… e nótase para ben. Subliño a presenza de Noah Hughes, profesional xurdido do mundo do videoxogo (da época da PS2) e vexo na secuencia da fuxida da canteira unha homenaxe os “terceira persoa” coas tácticas de sixilo inclusive. Bo triscadelo o siareiro da saga creada por CORE DESING no 1996.

O esplendor no resultado final debe moito o encaixe da trepidante edición a dúas bandas de Stuart Baird (lembramos os sobresaíntes traballos en filmes tan diferentes coma THE OMEN (1976) ou CASINO ROYALE (2006), por citar só dous) e tamén de Michael Tronick, editor desa xoia menor que foi o MIDNIGHT RUN (1998) de Martin Brest, filme na que a dupla de actores (De Niro-Grodin) asina un memorable e hilarante rexistro.

Pero coma toda superprodución que se prece, as emocións van realzadas por unha B.S.O. idónea ó produto a consumir. O música de Junkie XL (o holandés Tom Holkenberg, compositor da épica do derradeiro e magnífico MAD MAX de Miller ou da irreverente e orixinal DEADPOOL -2016-) é acertada e non sobrecarga coma fai, a menor ocasión que ten, Hans Zimmer, por exemplo.

En resumo case que dúas horas de metraxe que revitalizan a saga con acerto e bo xeito. Merco os argumentos que cóntanme, co final aberto inclusive, e anoto na axenda coma evento futuro, o visionado das novas aventuras que de seguro teremos nun breve prazo. De longo, o mellor filme da franquicia. Non chega ó nivel do WONDER WOMAN (2017) de Patty Jenkins, pero satisfizo a miña esixencia para este tipo de xénero, tradicionalmente moi maltratado desde a liña argumental.

Imos subir un pouco a valoración do seguinte filme xa que confeso que tamén levei unha boa sorpresa na proposta que Christian Gudegast fai na súa ópera prima coma director, DEN OF THIEVES (2018) é un filme dirixido cun pulso firme, e por intres brillante, que entra con honra no subxénero de películas de atracos a bancos. Non tanto pola orixinalidade da trama (está xa -case- todo inventado), senón pola coidada selección de actores que fai John Papsidera. Neste tipo de producións, onde as interpretacións non sempre teñen a relevancia que deberían, agradécese os esforzos por aportar unha certa credibilidade nos personaxes. Non é HAMLET de acordo, pero tampouco estamos ante un filme do mazaroco de Steven Seagal.

O filme bebe directamente doutros títulos de acción (o tiroteo final, lévame ó HEAT (1995) de Michael Mann), quere ter un colofón ó estilo do INSIDE MAN (2006) de Spike Lee (pero tampouco é para botar foguetes, ningún dos dous filmes, de certo), plantexa unhas motivacións dos protagonistas similares pero de máis fácil dixestión ós vistos no filme de Ben Affleck THE TOWN (2010); pero se teño que destacar un filme que racha ca pana neste asunto é a magnífica terceira entrega da saga DIE HARD, que dirixira no 1995 o grande John McTiernan, cumio do cinema espectáculo e que a franquicia OCEAN´S do Soderbergh tenta emular sen moito tino.

E a sinopse?.

“Big Nick” O´Brien (o cada vez máis encasillado actor Gerard Butler) é un tenente de policía que lidera un grupo de delitos especiais na violenta cidade de Los Ángeles (o coguionista Paul Scheuring, formado no mundo dos videoxogos, recrea unhas barriadas propias dos arrabaldes do GRAND THEFT AUTO). O noso oficial é un tipo moi chungo que non dubida en quebrala la Lei para conseguir ó éxito nas súas misións. Coma él dí a un confidente “non te preocupes por os teus compinches. Preocúpate polo que te poidamos facer nós. Nós somos os malos tipos”. E sonche rabudos de verdade. Pola outra banda, están un disciplinado grupo de atracadores, antiguos marines, cunha equipación que xa quixeran para sí os SWAT e unha ética do traballo na que diferencian entre civís e tropa de asalto. Temos que admiralos, por iso?. A verdade e que aínda que rouban ós bancos, non son dignos de eloxio. Son moi profesionais, que diría ó Pazos de AIRBAG (1997) (¡grande Manquiña!), pero tampouco doan os cartos os máis necesitados. Estes ladróns van liderados por Ray Merrimen, interpretado polo canadiense Pablo Schreiber, moi coñecido polo seu rol na sorprendente serie AMERICAN GODS (2017) e que posúe unha singular faciana que lembra a un famoso futbolista. Botade un ollo e xa me contaredes…

No transcurso do visionado do filme (que vai coma un tiro a pesar dos 140 minutos de metraxe, que inicialmente coidábamos coma excesivos), van sucedéndose os feitos cun lixeiro engano, que non chega a ópera bufa pero que tampouco toma por papanatas os espectadores.

Nas calidades técnicas non teño moita queixa, cumpren con acerto na maioría dos departamentos e de feito, destaco o perfecto traballo na edición de David Cox, o colaborador habitual nestes menesteres, do Clint Eastwood. Boa man.

Postos a mellorar, sería o desenlace final no atasco de tráfico. Véxoo moi pouco, non crible (pode acontecer), pero nada orixinal. Unha mágoa que empobrece a valoración final, que ben puidera ter cualificación de notable moi alto, pero que chega raspadiño, o sete sobre dez. Ainda así, é unha película moi superior a media e para disfrutar nun domingo, non necesariamente, cunha resaca do tamaño de Nebraska.

E para rematar á viaxe fílmica de hoxe, unha lixeira decepción na adaptación cinematográfica do best-seller SPINNING MAN, a pesar de ter na suá adaptación ó guión o moi celebrado co-escritor desa xoia da PIXAR que é COCO (2017), Matthew Aldrich.

Con máis pinta de filme concebido para a pequena pantalla, tanto na anémica produción de Stan Wertlieb,( baqueteado nos orzamentos menores -pero cunha honrosa excepción coma é a moi recomendable IMPERIUM (2016)-, coma o resto dos departamentos técnicos, que nútrense do audiovisual televisivo e que sendo xeneroso os califico coma discretos, o filme apoiase no traballo dos actores para salvala película da queima.

E por ahí e por onde pode ir a defensa do filme. É Guy Pearce un actor otrora chamado a xestas maiores (sego apraudindo a súa interpretación en L.A. CONFIDENTIAL -1997-) pero que nesta película perde o pulso coa sua parella na historia, a boa actriz Minnie Driver, que mantense en activo a pesar do estigma co grande Hollywood ten coas actrices que pasan dos trinta e poucos anos. Pola outra banda, Pierce Brosnan, despois dalgunha que outra labazada, está a reconducir a súa carreira cunha certa dignidade. Ben é verdade que non é Laurence Olivier, pero tampouco é unha parodia de si mesmo, dado o alongado que pode ser a sombra do axente 007.

A trama, supostamente enmarcámola no xénero policial-suspense, pero conforme van pasando os minutos, vemos que vai máis cara ó drama de matrimonios con pecados por expiar, que de posibles investigacións de desaparicións de rapazas. Mestura un pouco de cuestións filosóficas sobre o concepto de “verdade” e engade unhas pingas do LOLITA de Nabokov (nin por asomo chega a adaptación que fixera Kubrick) e temos un cóctel sen alcohol, non moi saboroso.

Prescindible.

Non quero rematar esta crónica sen destacar que o colectivo KINO, aterriza en Compostela o vindeiro venres 20 de abril (e esperemos que sexa para quedarse) para propoñer unhas xornadas de colaboración multidisciplinar no ámbito do audiovisual; tanto na producción coma na exhibición. Aínda que neste xornal farán un coidado artigo sobre KINO, déixovos a modo de adianto a seu enlace na rede: www.kinogalicia.com

¡Vémonos nos cinemas!

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial