A Semana da Integración da USC aborda a problemática da muller refuxiada

0

Compostela, 13 de xuño do 2019 – A Semana da Integración que está a celebrar o Servizo de Relacións Exteriores da USC continúa hoxe o seu programa de actividades coa mesa redonda ‘Encontro’ na que participan mulleres que amosarán a situación das solicitantes de asilo e refuxiadas.

A actividade, programada para as 19:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, estará moderada por María do Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC. Contará coa participación de Suelma Beiruk, presidenta do Grupo Parlamentario Saharaui no Parlamento Africano; Fadile Tibisay, encargada da asociación sirio-galega en pro das persoas refuxiadas sirias en Galicia SAWT, e a solicitante de asilo procedente de Venezuela Katherin A. Belgrave.

Exposición

A Semana da Integración comezou onte no Colexio de Fonseca coa  inauguración da mostra ‘Persoas’ de Patricias Muñiz e Gabriel Tizón, que conxuga fotografía e investigación para afondar nas consecuencias dos movementos migratorios involuntarios e as crises humanitarias que se desencadean debido a conflitos bélicos, catástrofes naturais e cambio climático.

 Ciclo de cinema na Sala Numax

O programa de actividades inclúe tamén un ciclo de cinema na Sala Numax cunha escolma de filmes de ficción e documentais sobre a temática transversal da Semana da Integración, con sesión gratuítas, previa retirada de entradas na propia sala.

O venres 14 proxectarase ‘ZUK’, documental do cineasta Unax Blanco, que amosa catro historias que se van entrelazando en diferentes escenarios, de voluntarios de asociacións vascas que traballan para aliviar o sufrimento de persoas refuxiadas.

‘Unha tempada en Francia’, de Mahamat-Saleh Haroun, que se proxectara o mércores 19 de xuño, narra a historia de Abbas, un profesor de francés que fuxiu da guerra na República Centroafricana para comezar unha vida nova en Francia.

Para pechar o ciclo, e coincidindo coa celebración do Día Mundial do Refuxiado, o día 20 de xuño, proxectarase o filme do director finés Aki Kaurismaki, ‘O outro lado da esperanza’, ambientada en Helsinki e que narra a historia do refuxiado sirio Khaled.

Banco de realidade virtual na Concepción Arenal

Ademais, a Cruz Vermella utiliza as novas tecnoloxías e a realidade virtual na iniciativa ‘Red vr Bench’ para achegar a situación das persoas refuxiadas de Siria á sociedade europea a través dun banco que contén dúas gafas de Realidade Virtual 360º e co que se pretende sensibilizar mediante un vídeo gravado no verán de 2018 no Líbano. Esta actividade estará aberta ao público os días 12 e 13 de xuño en horario de 11:00 a 19:00 horas e o 14 de xuño en horario de 11:00 a 18:00 horas.

UNINTEGRA

UNINTEGRA é un proxecto co financiado polo Fondo de Asilo, Migración e Integración (FAMI) da Comisión Europea, coordinado polo Servizo de Relacións Exteriores da USC, que se puxo en marcha a finais do 2017. O principal obxectivo é promover o apoio á integración de persoas refuxiadas proporcionándolles recursos e ferramentas para a súa inclusión e incidindo na sensibilización das comunidades de acollida.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial