A Semana Verde recibiu máis de 100.000 visitantes

0

Silleda, 11 de xuño do 2018 – A 41ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia remaou converténdose na mellor dende fai décadas, tanto polo apoio dos sectores presentes e a implicación de grandes empresas como pola enorme afluencia, a cal se estima que superou moi amplamente os 100.000 visitantes.

As visitas a esta edición da Semana Verde foi moi notable durante as dúas primeiras xornadas, as máis centradas na vertente de negocio, chegando na fin de semana a abarrotar tanto os pavillóns como outras zonas do recinto, como o paseo central ou o ring hípico. Unha espectacular asistencia que fixo que algunhas actividades se viran desbordadas coa participación rexistrada o sábado e o domingo.

Esta 41ª edición da feira contou coa presenza de 710 expositores directos, un 11,4% máis que en 2017, cando foran 637. Unhas cifras nas que destacou un incremento de empresas estranxeiras, cun 54% máis, entre as que sobresaíron as portuguesas, cun 61% máis. Así mesmo, reflexaron unha considerable participación de empresas doutras Comunidades, un 49%, o que supuxo o principio dunha presenza crecente que continuará con entidades coas que xa se manteñen xestións de cara a 2019. En canto á superficie neta, ascendeu a 17.812 metros cadrados, un 14,5% máis que en 2017, cando foran 15.552 metros cadrados. Respecto ao espazo ocupado por expositores e actividades, ampliouse nun 14%, de 77.930 a 89.173 metros cadrados.

A feira destacou pola súa diversidade e polo apoio de grandes empresas privadas como Abanca, que vén de renovar o seu acordo coa Fundación Semana Verde, Vegalsa-Eroski, Gadis, Carrefour, El Corte Inglés, Decathlon, Stihl e, por primeira vez este ano, Ikea e MediaMarkt. Entidades que respaldaron o certame pero que tamén fixeron un gran esforzo para promocionar tanto a súa gran exposición como o seu intenso programa, con 200 actividades distintas.

Certames paralelos e 200 actividades

O 22º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, converteuse nunha plataforma de negocio e escaparate tanto para a distribución como para produtos de calidade, artesáns, gourmet e innovadores. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), acolleron durante os dous primeiros días do certame máis de 1.400 reunións entre 127 empresas e 25 importadores e distribuidores de 14 países.

Na súa área expositiva destacou Alinova, unha área con cerca de 90 innovacións como bombóns de morcilla, xelatina de queimada ou un aceite colleitado baixo a lúa chea. No seu programa incluíronse numerosas catas e show cookings, ademais de talleres, actividades didácticas ou o IV Encontro Gastroblogger.

Turexpo Galicia e Festur, as cales se celebran conxuntamente co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contaron coa presenza de distinto tipo de empresas do sector e 35 concellos que promocionaron 45 festas de interese turístico das catro provincias. Na súa vertente profesional incluíuse o II Encontro de Bloggers de Turismo e destacou a Bolsa de Contratación Turística, a cal propiciou máis de 2.500 reunións de negocio entre 124 empresas e 44 turoperadors de 12 países. Entre as propostas para o público xeral tiveron protagonismo as degustación e exhibicións de distintas festas de interese turístico presentes en Festur.

As actividades caninas e ecuestres foron moi numerosas, podendo desfrutar no caso das primeiras de exhibicións de dog frisbee e cans de raza Rottweiler, de probas oficiais de Agility, unha exhibición do Tercio Norte de Infantería de Marina ou diversas propostas do Can de Palleiro. Nas ecuestres destacaron o VI Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C de cabalos árabes e tamén exhibicións de horseball e propostas co Cabalo de Pura Raza Galega, como un morfolóxico ou demostracións de ferraxe a lume.

A área de gandería tamén ofreceu un completo programa centrado nas razas autóctonas galegas en perigo de extinción, as cales celebraron varios concursos morfolóxicos e o I Concurso Nacional de Manexadores de Porco Celta. Ademais houbo unha exposición da raza Rubia Galega e outra de bois das razas Minhota, Alistana-Sanabresa, Maronesa e Barroça.

O programa completouse con outras actividades de gran interese, como espectáculos de motor, unha exposición de dinosauros animatronics que acadou un enorme éxito de público, a xuntanza anual do programa radiofónico Pensando en Ti ou xornadas como o XXII Monográfico de Gando Porcino e a Xornada Internacional do Proxecto Sudoe Agrosmartcoop.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies