A USC presentou as contas do 2018

0

Compostela, 23 de xuño do 2019 – As Contas Anuais da USC correspondentes ao exercicio 2018 obtiveron o pasado venres a aceptación do Consello do Goberno.

As contas anuais se completan co informe sobre a xestión dos recursos económicos do pasado exercicio. Segundo documentación presentada, a Universidade compostelá pecha 2018 cun déficit de 1,14 millóns de euros en termos de contabilidade nacional. Como informou o xerente Javier Ferreira ante o órgano colexiado, o déficit vén determinado polo actual nivel de financiamento que recibe a USC así como por sucesivas medidas adoptadas dende a administración estatal e autonómica, como o incremento retributivo experimentado polo persoal nese exercicio, sen que teña sido cuberto coa correspondente achega económica por parte da administración.

Como se explicou na xuntanza, as cifras sinalan a necesidade dun novo plan de financiamento que asuma a realidade singular da USC, tanto dende o punto de vista da súa infraestrutura, como do seu cadro de persoal ou da súa capacidade no conxunto do sistema investigador galego. O xerente sinalou tamén que a ausencia dun novo plan de financiamento obrigaría a demandar o incremento das contías que os orzamentos autonómicos destinan ao Sistema Universitario Galego.

As Contas Anuais da USC inclúen o balance de situación, a conta de resultado económico patrimonial ou o estado de cambio no patrimonio neto, este último constituído á súa vez polo estado de ingresos e gastos recoñecidos e as operacións con entidades propietarias. Tamén se inclúen a liquidación do orzamento de ingresos e gastos, o resultado de operacións comerciais ou o resultado orzamentario.

Sede.usc.gal

O Consello tratou tamén a modificación do regulamento polo que se implantan medios electrónicos que facilitan o acceso da cidadanía aos servizos públicos da USC e se crean a sede electrónica, o rexistro electrónico e o taboleiro de anuncios. Deste xeito incorpórase ao regulamento o recoñecemento do dominio .gal e, especificamente, os enderezos electrónicos de referencia da sede da USC, que unha vez que se publiquen no DOG serán https://sede.usc.gal ou https://sede.usc.es. Do mesmo xeito, a modificación tamén recolle que calquera destes dous enderezos darán acceso ao Rexistro Electrónico da USC.

Outros temas

O órgano colexiado tratou tamén a participación da USC na Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE), unha asociación sen ánimo de lucro e de ámbito internacional constituída polas universidades e institutos politécnicos de Galicia, Castela-León, Asturias, Cantabria, rexións norte e centro de Portugal. A súa finalidade é contribuír á potenciación e mellora da educación superior a través da cooperación interuniversitaria, o diálogo entre as universidades e os axentes sociais e a cooperación institucional cos gobernos rexionais e estatais.

Outros puntos incluídos na orde do día son os complementos por avaliación de méritos docentes 2018, a reposición de vacantes, comisións de selección de prazas de profesorado, a modificación de memoria de dobres titulacións de grao ou diversos regulamentos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial