займ срочно

Esta semana celebrarase o Maker Faire Galicia

0

Compostela, 28 de xuño do 2019 – A Cidade da Cultura acollerá do 3 ao 7 de xullo unha nova edición da feira de creación Maker Faire Galicia.

A quinta edición do Maker Faire a consolidará como a máis importante da península ibérica, por número de creadores e de expositores. A feira pasa de 3 a 5 xornadas, con 3 días específicos para público profesional e 2 abertos a todos os públicos.

As xornadas profesionais da Maker Faire Galicia terán lugar o 3, 4 e 5 de xullo no edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia. O obxectivo destas xornadas é achegar ás empresas o potencial que ofrece o ecosistema maker e xerar novas sinerxias entre as dúas comunidades. Ao igual que na edición anterior, a feira volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e do Concello de Santiago a través do programa Compostela Móvese.

Durante os tres días haberá charlas e mesas redondas onde se tratarán temas tan de actualidade como a robótica, a ciberseguridade, o Open Data, a enerxía, a mobilidade ou a intelixencia artificial. Serán, en total, tres temáticas por día, segundo explicou na presentación Ruben Beiroa, membro da organización. Acudirán tamén con empresas como Iberdrola, Repsol, Cellnex ou Siemens; e con empresas galegas de recoñecido prestixio como Finsa, Plexus, Televés, Kaleido ou Alén Space, “que contarán cunha zona de stands e presentarán os seus proxectos”, sinalou Beiroa.

Na xornada do venres desvelaranse os 3 mellores proxectos makers profesionais, que competirán por ese primeiro posto ante un xurado de expertos. Finalmente rematará cun xantar networking no que se fomentará o intercambio de opinións entre os asistentes e os relatores. As xornadas organízanse en colaboración con APD, a Xunta de Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Círculo Financieiro de Galicia e se enmarcan dentro do Proxecto Capacita Directivos.

Xornadas Abertas

As xornadas abertas a todos os públicos celebraranse os días 6 e 7 de xullo. Durante toda a fin de semana no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, de 10 da mañá a 8 da tarde, nenos, adultos e maiores poderán gozar de numerosas charlas e actividades para todos os gustos.

Entre os relatores destaca a figura de Soledad Ayuso, unha avoa maker que imprime todo o que se imaxina en 3D, desmitificando a idade como un factor limitante para convertese en maker. Seguindo coa parte tecnolóxica tamén poderemos desfrutar das charlas autoorganizadas sobre tecnoloxía que xestionan desde Compostela Tech e na parte máis científica os rapaces e rapazas de UDC Big Bang falarán sobre o 150 aniversario da táboa periódica.

No tocante ás actividades e obradoiros que se desenvolverán durante a feira hai variedade para tódolos gustos: pilotaxe de drons, creación de microscopios caseiros, mistura de papiroflexia e electrónica, arduino, programación… Un dos máis chamativos é o obradoiro de creación de próteses en 3D que despois se repartirán entre as persoas que máis as necesiten ó longo de todo o mundo.

E outra das actividades con maior participación será a Hebocon, unha competición de robots absurdos que na pasada edición captou a atención de pequenos e maiores e na que este ano animamos a todos a participar e axudarnos a convertela na maior Hebocon de España.

Seguindo coa construción de robots e misturándoo coa temática deste ano, que é a volta á orixe, ao rural galego, teremos obradoiros de construción de galiñas robóticas ou pitabots, coas que faremos concursos e espectáculos audiovisuais. Seguindo a temática do rural participará o artista galego Yoseba MP, autor dos murais de máis de 15 metros que podemos ver por toda Galicia, nos que retrata a mulleres do rural galego con super poderes.

Ademais os asistentes poderán visitar os stands de todos os expositores e expositoras makers que virán á feira. Entre eles poderá ver o de Bruno Moya, finalista na pasada edición, que virá para presentar a evolución do seu proxecto Glassear. Ou o equipo As Acacias Bot, composto por 10 alumnas de ESO, que conseguiron o terceiro premio na Final Internacional First Lego Plan Ceibal.

Segundo explicou Yolanda Iglesias, o obxectivo deste ano é converter a Maker Faire na feira máis importante de España, “e precisamos que a xente participe”. Respecto ás anteriores edicións, confirmou que consolidaron este evento como o número un a nivel nacional, e un dos máis potentes a nivel europeo, posicionandose entre as cinco primeiras feiras para creadores e innovadores.

A entrada é gratuita para menores de 14 e maiores de 65 anos, para o resto terá un custe de 5€ os dous días da feira.

O alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, presentou en rolda de prensa o evento acompañado pola xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel, Vázquez Reboredo, e os organizadores Yolanda Iglesias e Rubén Beiroa.

Para o rexedor, é importante “e fainos unha norme ilusión que actividades deste tipo se desenvolvan en Santiago”, porque, “o futuro de Santiago e o futuro de Galicia vai depender da conexión entre os emprendedores e as novas tecnoloxías. Innovadores e creadores son as claves do éxito”. O importante, dixo, é que eventos como o Maker Faire sirvan para que “os xóvenes, e os non tan xóvenes, innoven e emprendan. Diso depende o futuro, o traballo, o crecemento da cidade e a ampliación do noso tecido económico”, engadiu Sánchez Bugallo.

A directora-xerente da Cidade da Cultura explicou que a colaboración co Maker Faire faise a través do Centro de Emprendemento, enfocado principalmente a proxectos culturais e proxectos tecnolóxicos, que desde a súa creacion xa albergou a máis de 600 emprendedores. Para Ana Isabel Vázquez Maker Faire é “un deses eventos claves no que os emprendedores poden amosar a súa creatividade, o seu traballo e o mesmo tempo compartir ideas”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies