A Xunta investirá máis de 300.000 euros en restaurar Carboeiro

0

Silleda, 30 de agosto do 2018 – O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou un investimento superior aos 360.000 euros para acometer obras de restauración no mosteiro de Carboeiro, en Silleda.

A Consellería asinará un convenio de colaboración cos propietarios do ben para poder licitar os traballos canto antes. As accións incluídas no proxecto básico e de execución para Carboeiro contemplan a limpeza e reparación da cuberta da igrexa, a limpeza das fachadas en xeral, a mellora das fiestras das torres para evitar a entrada de auga na cripta, a reparación e consolidación de muros en mal estado e a rehabilitación da cuberta da antiga casa monacal, na que tamén se solucionarán os problemas de humidade. A maiores, limparanse as pinturas da ábsida. O prazo de execución das obras, segundo fixa o proxecto, é de 4,5 meses.

Este proxecto de rehabilitación enmárcase no programa de actuacións destinado á conservación e posta en valor de inmobles declarados BIC vinculados coas rutas do Camiño de Santiago. Dentro dos informes realizados ao abeiro deste programa, o do mosteiro de Carboeiro mostrou a necesidade de realizar unha actuación de reparación e restauración do mesmo. Tal e como destacou Román Rodríguez, estes traballos axudarán a mellorar o estado e conservación futura deste ben, do que destacou o seu valor arquitectónico e patrimonial, que o coloca como un recurso cultural e turístico de referencia non só para o concello de Silleda, senón para toda a comarca de Deza e para Galicia. Na visita ao mosteiro acompañaron o conselleiro o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña; e mais a directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua.

Amplo estudo sobre o mosteiro

A maiores destas accións, búscase promover unha actuación integral no ben que teña continuidade no tempo. Para iso será preciso realizar un completo estudo sobre o seu estado de conservación, elaborando unha ampla diagnose e propoñendo as actuacións necesarias, así como a súa orde de prioridades e urxencia. Así mesmo, e coa base destes estudos, propoñeranse outros máis específicos e unha ordenación de usos existentes, así como de novos usos, viables e compatibles cos valores do monumento. En definitiva, o obxectivo é facilitar a súa xestión e mantemento futuro, ao mesmo tempo que se incrementa o interese e satisfacción do visitante nun dos bens máis senlleiros da comarca de Deza.

Románico con influencias góticas

O mosteiro de Carboeiro é un dos monumentos medievais mais salientables de Galicia, tanto pola súa arquitectura como polas súas características de implantación no territorio, construído nun promontorio escarpado rodeado polo río Deza e ao carón do camiño que conducía a Merza e Santiago. As orixes do mosteiro remóntanse ao século X, sendo fundado polos condes de Deza, e desde 1931 ten a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de Monumento.  A igrexa é de estilo románico con influencias góticas e clara relación coa arquitectura santiaguesa da época representada polo Mestre Mateo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial