Boqueixón, 5 de marzo do 2021 – A Xunta priorizará a reforma do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude no proceso de reforma do Pazo de Quián.
A reforma do CFEA de Boqueixón forma parte da proposta gañadora do concurso de ideas convocado para deseñar o chamado Centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia. O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, explicou que o proxecto se desenvolverá en varias fases e que a primeira delas será para mellorar tanto as instalacións formativas como a residencia de estudantes.
Un proxecto amplo
En concreto, o primeiro premio recaeu no grupo de arquitectos formado por Jorge Salgado, Celso López, Magdalena-Arousa Portela e César Portela, pola súa proposta presentada baixo o lema Buxo. Á hora de outorgarlles o recoñecemento, o xurado tivo en conta que entenden a paisaxe “como proxección da cultura sobre a natureza, que se manifesta na materialización espacial e na reflexión sobre o vínculo entre lugares públicos e espazo natural”. Este anteproxecto propón reservar a mellor terra do predio de Sergude para a agricultura procurando unha distribución lóxica de todos os usos e apostando unicamente por catro grandes edificacións.
A proposta gañadora avoga por comezar conservando e renovando o Pazo de Quián na zona central como espazo lúdico e representativo e por potenciar o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal no norte. No primeiro caso, prevese recuperar peches e xardíns, mellorar a urbanización e xerar un circuíto de auga. No que respecta ao CFEA, proponse mellorar as instalacións do Centro e da parte residencial.
En fases posteriores, proxéctase levantar un edificio sobre a Cruz do Naveiro denominado “O Castro”, unha especie de escaparate das actividades e dos produtos agroalimentarios e forestais integrado coa paisaxe dadas as súas óptimas condicións de miradoiro cara ao Pico Sacro. Deste xeito, estas instalacións conectarán os sectores agrícola, gandeiro e forestal concentrando nunha soa peza o centro temático ou o de promoción gastronómica, pensado para que os cociñeiros da nosa comunidade poidan traballar e poñer en valor os produtos do agro galego. Tamén acollerá o espazo interactivo de promoción, para a organización de mostras e eventos ligados á produción agroalimentaria de calidade.
A maiores, o anteproxecto concibe construír no futuro unha granxa de vacún con todas as razas autóctonas existentes na nosa comunidade, que dispoña de acceso directo aos pastos e dotada con queixería, silos, almacén e taller de maquinaria. Tamén haberá instalacións para os cabalos de Pura Raza Galega, para exemplares de porco celta, para as cabras e ovellas e para as galiñas.
Para o resto de espazos, a proposta gañadora contempla crear posteriormente un parque forestal destinado a resaltar a multifuncionalidade e diversidade dos montes galegos, así como unha zona con cultivos de horta, cereais e viñedos que exalten as producións agroalimentarias galegas distinguidas con selos de calidade. Así mesmo, potenciaranse os pasteiros, enmarcados polos ríos, regatos e a vexetación de ribeira. Por último, melloraranse os accesos e as áreas de estacionamento de vehículos.
Cómpre lembrar que este gañador do primeiro premio do concurso de ideas (dotado con 40.000 euros) poderá ser tamén o adxudicatario do contrato de servizo de redacción do proxecto básico e de execución. Tamén poderá ser o encargado da dirección da obra ulterior, cuxa primeira fase se prevé comezar este ano.