A Xunta recibe a documentación histórica sobre o Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia

0

Bisbarra, 23 de xaneiro do 2019 –  A presidenta da ARD Ría de Muros-Noia e alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, entregou ao conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, unha copia do traballo “Recompilación e análise da documentación histórica. Camiño de peregrinación a Santiago de Compostela pola Ría de Muros Noia”.

Trátase dun estudo que evidencia a existencia de testemuñas arqueolóxicas, históricas e documentais suficientes que acreditan a historicidade do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia.

Teresa Villaverde salienta que “o conselleiro recibiu moi positivamente a proposta e recoñeceu o traballo realizado polos nove Concellos implicados, así como o impulso inicial propiciado pola ARD Ría de Muros Noia ao financiar a realización deste estudo histórico”. Villaverde Pais agradeceulle a Román Rodríguez a súa decisión de trasladar canto antes esta documentación á Dirección Xeral de Patrimonio, “pois precisamos do seu informe para manter ese obxectivo que nos marcamos todas as alcaldesas e alcaldes de lograr o recoñecemento desta ruta Xacobea antes da celebración do Xacobeo de 2021”.

Delimitación do trazado

Así mesmo, a presidenta da ARD Ría de Muros Noia transmitiulle ao conselleiro que “xa adxudicamos a asistencia técnica para a delimitación do itinerario cultural a Santiago da Ría de Muros Noia”. Un traballo que conta cun orzamento máximo de licitación de 18.148,79 euros (IVE incluído), cantidade que será achegada polos nove concellos promotores en función dos quilómetros de trazado en cada un deles: Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago.

O obxectivo dos nove concellos é que este itinerario sexa recoñecido primeiro como ruta histórica e, posteriormente, obteña a declaración oficial de Camiño de Santiago. Para iso, xa se ten avanzado na recompilación de diferente documentación histórica, entregada esta mañá ao conselleiro de Cultura e Turismo, e agora afrontarase un traballo de campo intensivo para determinar a delimitación do trazado definitivo e facerlle chegar as conclusións á dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

O traballo “Recompilación e análise da documentación histórica. Camiño de peregrinación a Santiago de Compostela pola Ría de Muros Noia” foi elaborado pola empresa RVR Arquitectos e dirixido polo arquitecto Marcial Rodríguez e o historiador e arqueólogo Mario César Vila. O estudo recompila, expón e ordena toda unha serie de acontecementos e evidencias que avalan a historicidade do Camiño, así como unha completa relación de documentos que verifican o relato. Entre esta documentación figuran a restauración do Portus Apostoli na Carta Fundacional da vila de Noia no ano 1168; a visita, vinte anos antes, da escuadra de Darmounth, con navíos ingleses, franceses e alemáns; as crónicas dos cruzados Arnolfo e Osborne, que dan fe de que dende alí se levou a cabo unha ruta de peregrinaxe a Compostela; ou mesmo unha carta do rei Carlos V, que está no Arquivo da Catedral, no que pide clemencia para uns peregrinos chegados en 1524 a Muros.

Unha documentación á que se engaden tamén elementos arquitectónicos, iconográficos e mesmo viarios relacionados co Camiño. Entre eles figuran a existencia dos hospitais, do templo de advocación a Santa María do Camiño (Muros) ou a porta da Virxe Peregrina (Noia), así como aos numerosos exemplos da iconografía xacobea presentes nestas vilas, que son vestixios construídos que ilustran a existencia deste universo peregrino.  

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial