Aberto o prazo de inscrición para os obradoiros da Aula de Informática do Milladoiro en Ames

0

Ames, 11 de xaneiro do 2018 – Correo electrónico, busqueda de emprego ou internet para maiores son algúns dos cursos que ao longo do presente ano ofrecerá a Aula de Informática do Milladoiro no concello de Ames

A Aula de Informática comezará o 2018 coa realización dun obradoiro de correo electrónico, que se desenvolverá os días 23, 24 e 25 de xaneiro. O obradoiro, que estará destinado para persoas maiores de 16 anos, contará con dúas quendas: unha de mañá, entre as 10:00h e as 11:30:h, e outra de tarde, entre as 18:00h e as 19:30 horas. Para cada unha das quendas ofértanse 10 prazas. A actividade terá, no total, unha duración de 4,5 horas.

No mes de febreiro, está prevista a realización doutro obradoiro, nesta ocasión acerca da busca de emprego na rede. O obradoiro, que tamén estará dirixido a maiores de 16 anos, contará, asemade, con dúas quendas. A de mañá será de 10:00h a 11:30 horas, mentres que a da tarde desenvolverase entre as 18:00h e as 19:30 horas. Este obradoiro impartirase os días 15, 19, 20 e 21 de febreiro, conformando en total 6 horas de formación. Existen 10 prazas dispoñibles por quenda.

En marzo, pola súa banda, terán lugar unhas xornadas de iniciación á internet para maiores de 18 anos, que se desenvolverán os días 12, 14, 19 e 21 de marzo. Haberá dúas quendas, no mesmo horario que o dos obradoiros, con 10 prazas cada unha. A duración completa desta formación completará as 6 horas.

Tramitación das inscricións

O prazo de inscrición comezou este martes, 9 de xaneiro, e permanecerá aberto ata que se cubran todas as prazas. Para inscribirse, as persoas interesadas poderán achegarse ata a Aula de Informática da Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a xoves, en horario de 16:00h a 20:00 horas, e os venres de 09:30h a 13:30 horas. Do mesmo xeito, tamén é posible inscribirse a través do enderezo de correo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, enviando cuberta e asinada a solicitude de inscrición. As prazas cubriranse por rigorosa orde de presentación de solicitudes, tendo preferencia as persoas que non teñan participado nas mesmas actividades en trimestres anteriores. Para participar, é preciso estar empadroada ou empadroado no Concello de Ames. Os cursos só se realizarán cando haxa un mínimo de sete persoas inscritas.

Aula Aberta

A aula de Informática do Milladoiro mantén un servizo de Aula Aberta para que todas aquelas persoas que o desexen poidan facer tarefas particulares tais como consultar o correo electrónico, facer traballos persoais, ler o xornal, pedir unha cita médica ou buscar información. O horario de acceso da Aula Aberta é de 16:00 a 20:00 horas, de luns a xoves. Os venres, o servizo préstase de mañá, entre as 09:30h e as 13:00 horas. Para poder beneficiarse deste servizo é preciso estar empadroada ou empadroado no Concello de Ames.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies