Abre o prazo de matrícula na Escola integral de maiores  xestionada pola OVA de Ames

0

Ames, 12 de setembro do 2018 –  Acaba de abrirse o prazo de matrícula na Escola integral de maiores, coordinada pola OVA e dependente da Concellaría de Voluntariado de Ames.

As persoas maiores que queiran participar desta escola de maiores deberán inscribirse chamando ao teléfono 662 377 044 ou acudir ás Casas da Cultura de Bertamiráns ou do Milladoiro. Nas súas clases o alumnado adquirirá e repasará coñecementos como a lectura, a escritura, as contas matemáticas básicas dun xeito dinámico. As clases comezarán a finais do vindeiro mes de outubro e rematarán a finais de xuño.

No Milladoiro o alumnado dividirase en dous grupos, un de iniciación e outro para aquelas persoas que queiran profundar un pouco máis nos seus coñecementos. Os primeiros terán clases os mércores e os venres de 16:30 a 17:30 horas e os segundos, os mesmos días, de 17:30 a 18:30 horas. As clases en Bertamiráns impartiranse os martes e os xoves de 16:30 a 17:30 horas.

Por cada un dos grupos ofrécense 20 prazas. Para reservar unha delas as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 662 377 044, enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal ou solicitalo nos centros socioculturais municipais. Tanto a Casa da Cultura de Bertamiráns como a do Milladoiro teñen un horario de atención ao público de 9:00 a 14:00 horas. O prazo permanecerá aberto ata o mes de xaneiro, sempre e cando haxa prazas dispoñibles.

Baixo o lema “Aprende divertíndote” a Escola integral de maiores ofrece clases para todas aquelas persoas de Ames que non tiveron oportunidade de continuar a súa educación básica. Os dous mestres voluntarios, Antonia Figueiras e Antonio Rodríguez, repasarán co alumnado a lectura e comentario de textos, a escritura ou conceptos matemáticos sinxelos. Ambos teñen experiencia na materia; levan xa moitos anos impartindo estas clases.

A poesía ou a música, un chisco de historia ou xeografía tamén serán temas a tratar nas clases, que se complementarán con charlas ou saídas. O curso rematará cun acto a finais do mes de xuño nun dos centros socioculturais que preparará o propio alumnado, ao que se lle entregará un diploma acreditativo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial