Actividades polo Día das Letras Galegas

0

Bisbarra, 14 de maio do 2019 – Aínda quedan días pero xa podemos ir avanzando algúns dos actos do Día das Letras Galegas. A maiores están as actividades de Vagalumes en A Estrada onde Fraguas tivo unha especial incidencia.

Queremos Galego

A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 700 entidades, organizou para o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, unha ducia de mobilizacións nas principais cidades e vilas do país para esixir “liberdade, igualdade e xustiza para o galego”. Baixo o lema “Máis que nunca, Queremos Galego”, o colectivo quere recordar a importancia que os servizos municiais de normalización lingüística, as empresas concesionaras ou a formación do funcionariado seguen a ter para a defensa da lingua en todas as comarcas, en todos os concellos. En Compostela, a cita é ás 12h do mediodía na Alameda.

“Máis que nunca, queremos galego”, recolle o manifesto deste 17 de maio, “porque a situación do galego é crítica mais a situación pode mellorar se se comeza por recoñecer o dereito a ser lingua visíbel, audíbel, e practicábel sempre, a respirar libremente en todos os espazos; porque o 22,7% das persoas de 4 a 15 anos non saben falar galego; porque existen límites de todo tipo, tamén legais, para empregalo con normalidade; porque o goberno galego non só non exerce o seu deber estatutario de defender a lingua, senón que actúa en contra, en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os medios de comunicación; e porque hai unha nova ofensiva xudicial e política contra o galego como a recente sentenza do Tribunal Supremo contra a ordenanza de normalización lingüística do Concello de Lugo”.

“Máis que nunca, queremos galego”, continúa, “para defender a liberdade, a democracia e a xustiza en Galiza; para que exista a posibilidade de vida normal en galego; para que non se vulneren os nosos dereitos lingüísticos que son dereitos humanos; para que xuízas, fiscais ou avogadas entendan e empreguen o galego”.  “Máis que nunca, queremos galego”, conclúe, “porque sen lingua non hai desenvolvemento social e económico, non hai liberdade posíbel, non hai igualdade, non hai xustiza. E sen liberdade, sen igualdade, sen xustiza non hai democracia”.

“A situación do galego non é irreversíbel, pódese modificar garantindo os tres principios: liberdade, igualdade e xustiza”, recorda o manifesto que se escoitará o vindeiro venres en Compostela e nas principais vilas e cidades de Galiza.

Museo do Pobo Galegp

Organizada pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas e o Museo do Pobo Galego hoxe inaugurase a  exposición conmemorativa sobre a biografía e a obra do personaxe. Ambas as institucións, que son depositarias do seu legado intelectual, traballan conxuntamente por manter e difundir o labor docente e científico de don Antonio, exercido durante décadas e a través de varias xeracións, até constituír unha referencia para a cultura galega que se concreta, ademais de nas súas numerosas publicacións, no traballo a prol do Seminario de Estudios Galegos, o Instituto Padre Sarmiento, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega. A exposición que agora se inaugura consta de dúas seccións, unha de contido biográfico que presenta un itinerario ao longo da vida de Antonio Fraguas, con especial atención á súa traxectoria como galeguista, membro activo das institucións máis destacadas da cultura do país ao longo de oito décadas fecundas, e outra na que se presentan as diferentes vertentes nas que exerceu o seu traballo intelectual: arqueoloxía, xeografía, historia e arte, etnografía e divulgación.

Bisbarra

Comezamos en Boqueixón no que a programación céntrase este xoves no auditorio do CPIP Antonio Orza Couto coa entrega de galardóns do VI Certame de Relato Curto Xosé Neira Vilas. Serán un total de nove as rapazas e rapaces vencedores (3 por cada categoría) e repartiranse ata 750 euros en premios. As citas deportivas virán da man de dúas actividades que se celebrarán o propio Día das Letras Galegas. A primeira será a saída da VI Carreira Camiño das Letras que, un ano máis, dará comezo no Pico Sacro ás 10.00 horas.  Xa pola tarde, ás 18.30 horas ofrecerase a Andaina das Letras. Unha proposta que mestura sendeirismo con literatura, xa que se percorrerá un tramo da Ruta dos Pescadores e, ademais, ofreceranse outras actividades como as Palabras vivas: poesía teatralizada e a lectura de relatos premiados no certame Xosé Neira Vilas.

Pasamos A Baña que centra as actividades das Letras Galegas en mañá mércores. Maiores e pequenos daranse cita no centro social e da terceira idade para recuperar e recoller cantigas da zona para manter a tradición. Dende o Servizo de Normalización Lingüística recordan que Antonio Fraguas caracterizouse por tecer unha rede de persoas para recoller patrimonio inmaterial de distintos puntos de Galicia. “É a mellor forma de manter viva a nosa cultura e tradicións”, asegura Carmen Pereiro, responsable do servizo na Baña. Ademais, o Club de Regheifas de Barcala, que creou o ano pasado Olalla Liñares, tamén se dará cita na Baña para regueifar e recuperar coplas tradicionais da comarca.

Negreira prepara para este mércores no Auditorio do Centro Sociocultural as oito da tarde a entrega de Premios de Contos e Pintura Infantil  e a clausura da Escola Municipal de Pandeireta. O xoves no mesmo espazo e as doce e media do mediodía Malasombra Teatro presenta “A historia de Galicia” a alumnos/as do I.E.S. Xulián Magariños. Xa o venres 17 no Auditorio terá lugar, as nove da noite, o espectáculo folclórico “Raigame”. As actividades rematan o sábado 18 as sete da tarde coa actuación da Banda do Ateneo e Ultreia.

Melide acolle distintas actividades esta semana para os cativos de primaria, teñen lugar as dez e media da mañá na Casa de Cultura. Ao marxe diso Xaquín Vázquez, técnico de normalización lingüística do Concello de Melide, será o condutor dun programa especial de radio que se emitirá na emisora local o xoves pola mañá dende ás 11.30h. No referente ás exposicións haberá dúas. A primeira leva por nome Antonio Fraguas 1905-1999 e poderá visitarse nos baixos da casa do concello do 16 ao 31 de maio. A segunda das exposicións estará instalada na casa da cultura de Melide do 18 ao 25 de maio e chámase Territorio Acoutado, de Olga Patiño e Carlos Lorenzo.

Compostela

A rede de Centros Cívicos acolle ao longo de todo o mes numerosas actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas, son máis de 30 actividades, todas de balde, e nas que toma protagonismo a figura de Antonio Fraguas. O programa Maio, mes das Letras inclúe este xoves o xogo “Letras Galegas. Amor polo noso”. No centro de Fontiñas tamén se vai desenvolver ao longo desta semana unha actividade dirixida ás familias, en colaboración coa asociación Micos do Barrio, para a realización dunha creación artística ao redor da figura dos gatos na literatura galega e das oito colonias do barrio das Fontiñas. Mentres, no Centro Cívico de Santa Marta haberá actividades hoxe, co xogo “Brincando coas letras”; o xoves, co obradoiro “Pequenos descubridores”; e o venres, cun obradoiro para pequenos lectores ao redor da figura do autor homenaxeado. En Santa Marta, vaise desenvolver un concurso ata o 31 de maio, baixo o título “Recoméndame… en galego”. En canto ao Centro Cívico da Trisca, hoxe está prevista unha actividade para coñecer o papel da muller na música tradicional, e máis en concreto na gaita, e mañá vaise desenvolver un obradoiro para a realización de broches con material de refugallo. Xa o xoves 16, realizarase un xogo de pistas para atopar a Antón Fraguas. Por último, dende mañá ata o xoves, os nenos e nenas participarán na elaboración dun mural xigante no centro da Trisca.

Obradoiros de escrita creativa

No programa tamén se inclúen obradoiros de escrita creativa ao longo desta semana. Mañá mércores será no Centro Cívico de Vite, coa actividade “Grafiviteando con Antón Fraguas”. No mesmo centro, o sábado 18 haberá un obradoiro de escrita creativa dirixido a público infantil. Ese mesmo día, en Fontiñas, haberá un obradoiro de escrita creativa para persoas adultas, dirixido por J. Manuel Bello Sánchez. O mesmo autor dirixirá outro obradoiro para adultos, o xoves, no Centro Cívico de Santa Marta.

Visitas guiadas e mapa das palabras

Dende a rede de Centros Cívicos tamén se vai celebrar o mes das Letras con visitas guiadas aos museos e exposicións da cidade, que precisarán de inscrición previa nos propios centros. Están previstas saídas á Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, ao Museo do Pobo Galego e ao Museo das Peregrinacións. Por último estase a elaborar un mapa coas palabras galegas máis fermosas no Centro Cívico de Santa Marta.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial