Ames a 30 Km/h.

0

Ames, 10 de setembro do 2020 – O concello de Ames presentou a II Semana Europea da Mobilidade que terá como eixe central a campaña de redución de velocidade “A 30 Ames é máis!”.

Trátase dunha campaña de sensibilización sobre a importancia da velocidade a 30 km/h no interior das zonas urbanas de Ames. O obxectivo é informar á veciñanza de que en varias das rúas interiores dos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro vaise a reducir a velocidade dos vehículos a 30 quilómetros por hora.  

Ames a 30 Km/h.O alcalde de Ames, José Miñones, dixo na presentación que “agardamos que esta segunda Semana Europea da Mobilidade sexa todo un éxito, sobre todo de cara á concienciación da veciñanza amesá de que é necesario apostar por unha mobilidade sustentable. De aí, a presentación tamén hoxe da campaña “A 30 Ames é máis”. Trátase dun paso importante que se poida comezar coa campaña de redución de velocidade para que Ames sexa un concello máis humanizado con rúas peonís e que o vehículo pase a un segundo plano dentro do interior dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro”.

Programación

A programación organizada desde a Concellaría de Mobilidade comezará o próximo 16 e durará ata o día 22. A primeira das actividades de esta semana será a charla  “Querémoste seguro”, dirixida aos maiores de Ames. Será impartida pola Policía Local Cristina Ferreira, ás 18.30 horas, no local social do Club de xubilados do Milladoiro Para participar nesta actividade non é preciso inscribirse previamente. Entre as persoas que asistan repartiranse chalecos reflectantes e folletos informativos con diferentes recomendacións de seguridade viaria.

Marcha ciclista nocturna

A programación continúa o venres 18 de setembro, ás 22.00 horas, cunha marcha ciclista nocturna que comezará dende a praza do Concello, en Bertamiráns. Farase un percorrido de 8 quilómetros con boa iluminación e fácil percorrido, pensado para que nela poida participar toda a familia. Para participar nesta actividade é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeams.gal. Ofértanse un máximo de 75 prazas para participar neste actividade. A cada participante entregaráselle de agasallo unha camiseta.

O percorrido partirá da praza do Concello, para a continuación pasar pola rúa Alcalde Lorenzo, estrada DP-0205, urbanización do Agro do Muíño, Ribeira de Maguxe, rúa Revolteada, rúa Tras do Muíño, estrada DP-0205, Bertamiráns, rúa Entrerríos, estrada de Lapido, avenida da Maía, camiño do Lodeiro, rúa Cómaro, rúa Camiño Novo, avenida José Luis Azcárraga, Travesía da Peregrina, rúa Rueiro, Travesía do Rueiro, avenida da Maía, rúa Alcalde Lorenzo, ata chegar de novo á praza do Concello.

Ames a 30 Km/h.Para previr aglomeracións no punto de saída e chegada, debido á pandemia da Covid-19, establecéronse tres zonas de espera na praza do Concello, que estarán diferenciadas en tres cores: azul, amarelo e verde. Ás persoas inscritas asignaráselle unha cor que corresponderá coa zona de espera á que teñen que acceder mentres agardan a saída. En cada zona poderán acceder como máximo 25 persoas, sempre coa máscara posta. Ademais, haberá persoal de Protección Civil nos puntos de acceso de cada zona con xel hidroalcólico para que os/as participantes boten nas súas mans antes de acceder. 

Actividades e xogos populares en bici

A programación continúa o sábado, 19 de setembro, con actividades e xogos populares en bicicleta, que están dirixidos aos nenos e nenas de 4 aos 12 anos. Estas actividades realizaranse no aparcamento da rúa Palmeiras, no Milladoiro. Cada neno e nenas que participen deberán levar a súa propia bicicleta, casco e máscara. Tamén haberá persoal de Protección Civil con xel hidroalcólico para que cada persoa participante desinfecte as mans e se cumpran as normas de hixiene para previr a Covid-19. Para participar nesta actividade é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeams.gal.   

Andaina pola senda O Milladoiro – Bertamiráns

Por último, o domingo 20 de setembro, desenvolverase unha andaina saudable pola senda verde que conecta as localidades de Bertamiráns e do Milladoiro a partir das 10:00 horas. A saída será dende a Igrexa nova do Milladoiro e haberá servizo de autobús á ida, dende a praza do Concello en Bertamiráns, ás 9:30 horas, e á volta dende O Milladoiro.

Os/as participantes terán que percorrer arredor de sete quilómetros nos que poderán gozar de paraxes de singular beleza, lugares de interese histórico local, núcleos de poboación tradicionais e elementos de carácter etnográfico e relixioso. Para participar desta andaina é preciso inscribirse. Para esta actividade ofértanse 50 prazas. Faranse dous grupos de 25 persoas. Nos vindeiros días proporcionarase máis información sobre o sistema de inscrición nesta actividade.

A Semana Europea da Mobilidade (SEM) é unha iniciativa anual da Comisión Europea, que nace no ano 2002, buscando unha mobilidade urbana sostible, e como xeito de instar ás cidades e pobos europeos a dedicar unha semana a esta cuestión. A semana 2020 foi presentada no salón de plenos do Concello de Ames coa presenza do alcalde de Ames, Jose Miñones, da concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, e do inspector da Policía Local de Ames, José Antonio Rodríguez.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial