займ срочно

Ames acolle en decembro o nacemento de Cinema Crianza

0

Ames, 19 de setembro do 2017 – A Deputación da Coruña apoia, a través da liña de festivais, a realización do primeiro festival internacional de cine infantil Cinema Crianza que se celebrará durante os días 15, 16 e 17 de decembro no concello de Ames.

As Casas da Cultura de Milladoiro e Bertamiráns serán as sedes dunha programación diferenciada por rangos de idade e que terá cabida a animación, a ficción e o documental.

Cinema Crianza terá dúas seccións competitivas de curtametraxes e unha programación fóra de concurso. O prazo para a inscrición de pezas audiovisuais remata o 30 de outubro e xa se recibiron arredor dun milleiro de filmes.

Na presentación do devandito festival participaron a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, a coordinadora do festival e socia da cooperativa Urdime, Cristina Fiaño, e mailo director artístico do festival, Marcos Nine.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, destacou “Ames é un concello idóneo para acoller un proxecto pioneiro como é o primeiro festival de cinema infantil. Temos unha potencionalidade enorme no que se refire á produción audiovisual infantil e resúltanos estraño que non se organizase antes un festival deste tipo, que permite poñer en circulación proxeccións que sexan diferentes. O máis importante deste festival é que nos vai permitir formar públicos novos. Este proxecto, a pesar de ser novo, vai a comezar dun xeito moi forte cun programa moi potente. A intención é consolidar este proxecto é facer que Ames sexa un referente neste tipo de contidos audiovisuais”

A selección de filmes farase tendo en conta os valores estéticos e educativos das pezas pero tamén de xeito que se propicie a diversidade técnica, temática e de procedencia da programación global. Detrás desa escolla de títulos estará a sensibilidade e o traballo do cineasta Marcos Nine, director artístico desta primeira edición do festival, e da propia cooperativa Urdime, especializada no desenvolvemento de propostas culturais e con gran experiencia na creación de eventos para o público familiar, e que será a encargada de coordinar este proxecto.

A viaxe da infancia

A temática do festival xirará arredor da viaxe como metáfora para entender a infancia a xeito de etapa de tránsito, desde o que somos cando nacemos ó que nos chegaremos a converter. Cada neno está inmerso nunha travesía á que Cinema Crianza se quere sumar cunha programación que terá como principal argumento as viaxes, tanto as físicas como as emocionais. Viaxes que en todos os casos, por moi dispares que parezan, sempre gardan un elemento en común: ser capaces de cambiarnos.

A coordinadora do festival e socia da cooperativa Urdime, Cristina Fiaño, indicou que “este festival nace co desexo de descubrirlle aos nenos o gusto polo cinema e de formar un público con sensibilidade artística, interese cultural e espíritu crítico ante o consumo audiovisual. Tendo en conta todo iso a nosa vontade é ofrecerlle ao público familiar un festival que estea especialmente pensado para eles. Ademais, cremos que o cinema é unha ferramenta para coñecer a realidade na que vivimos e unha porta aberta cara a interculturalidade, por iso apostamos por que haxa pezas de diferentes partes do mundo”.

O director artístico do festival, Marcos Nine, explicou que “este festival ten dúas partes diferentes. Haberá unha sección competitiva, na que se premiará ás mellores curtametraxes para un público de entre 0 e 3 anos e para o público maior de 3 anos, e outro apartado non competitivo. As proxección van a estar organizadas para tres tramos de idades diferentes: para nenos/as de 0 a 3 anos; para rapaces e rapazas de 4 a 7 anos e para mozos/as de 8 a 12 anos. As pezas proxectadas para o primeiro tramo de idade basearanse nunha transmisión sensorial mediante a cor e a música, as do segundo tramo disporán dun narrador en directo para traducir as pezas que non sexa en fala galega ou castelán, e as pezas do terceiro tramo de idade serán en versión orixinal con subtítulos”.

Seccións competitivas

O prazo para a inscrición de pezas audiovisuais remata o 30 de outubro e xa recibiu arredor dun milleiro de filmes. A inscrición é gratuíta e debe realizarse a través das plataformas habilitadas, ás que pode accederse por medio da páxina web do festival www.cinemacrianza.com. Outra opción e entrar directamente nas plataformas www.filmfreeway.com e www.festhome.com. O concurso está aberto a películas de todas as procedencias, garantindo así a diversidade e o carácter internacional do festival. Dende o pasado 14 de agosto xa se recibiron 1.110 traballos de 90 países diferentes.

Concederanse dous premios ás mellores curtametraxes tanto da categoría “Axóuxeres”, orientada a un público de entre 0 e 3 anos, como da categoría “Buxainas”, na que se poden inscribir pezas dunha duración máxima de 25 minutos pensadas para público maior de 3 anos. Ademais de tres intensas xornadas de cine familiar, Cinema Crianza tamén ofrecerá actividades paralelas coma obradoiros e presentacións que enriquecerán esta edición e que farán de Cinema Crianza unha cita ineludible para o público familiar galego.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies