Ames anima aos cativos a preparar cartas de Nadal en galego

0

Ames, 7 de decembro do 2018 –  O Servizo de Normalización Lingüística de Ames pon en marcha, por cuarto ano consecutivo e en colaboración coa Maxia do Nadal, unha iniciativa para encher de contido as cartas coas que as cativas e os cativos piden os agasallos.

Nesta edición o lema é “Faille máis sitio á lingua”, que anima ás crianzas a utilizar a súa lingua, o galego, no maior número posible de contextos e situacións do seu día a día. Así, os cativos/as poderán compartir as súas vivencias e pensamentos cos magos nunha carta de Nadal da forma que elas ou eles consideren: escribindo, debuxando, pintando, decorando…

Os magos, moi amigos de todas as linguas do mundo, queren compartir coa xente máis miúda a mensaxe de que as máis de 6.000 linguas que existen na Terra contribúen a encher de colorido e diversidade o noso planeta. Polo tanto, pídenlles as nenas e os nenos de Ames que os axuden a practicar e melloraren o seu galego enviándolles unha carta na que expliquen onde e cando usan este idioma. Asemade, anímanos a debuxar onde pensan que podería usarse máis o galego.

Co obxectivo de que lle cheguen todas as cartas aos Reis Magos, os colexios do concello están recibindo xa cadansúa caixa de correo, así como un convite en forma de árbore no que un carrizo lles explica en que consiste a actividade e como poden participar. Ademais, tamén se colocarán caixas de correo na Casa do Concello, nas Casa da Cultura e nas bibliotecas para que toda a veciñanza poida participar.

As cartas poderán depositarse ata o día 3 de xaneiro, incluído. A proposta deixa abertas todas as posibilidades para que, en cada caso, a carta de cada nena e neno estea dirixida aos personaxes que se prefiran (O Apalpador, os Reis Magos, Papá Noel..) ou á propia Maxia do Nadal.

Cartas-resposta con sorpresa incluída

Todas as nenas e nenos que participen e que indiquen o enderezo correctamente recibirán unha carta resposta cun pequeno agasallo de agradecemento, por iso é moi importante que cada carta inclúa os datos completos da nena ou neno: nome e apelidos, idade, enderezo e teléfono de contacto.

Premios para as seis cartas máis interesantes e creativas

Ademais, haberá seis premios para as cartas máis interesantes e creativas e algunha delas ilustrará a programación de Nadal do vindeiro ano. Valorarase a creatividade, a adecuación ao tema proposto e a idade. É fundamental indicar un número de teléfono da familia para que se poida contactar coas nenas e nenos gañadores e convocalos á entrega deses premios, o día 5 de xaneiro da man dos propios Reis Magos de Oriente.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial