Ames reúnese coas ANPAS para consensuar o reparto de subvencións

0

Nesta xuntanza o concello de Ames tamén acordou os criterios de rotación para nomear os representantes das ANPAS no Consello escolar municipal

Ames, 16 de novembro do 2016.- O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, mantivo unha xuntanza este luns pola tarde coa comunidade educativa para abordar a elaboración da nova convocatoria de axudas dirixidas ás ANPAS de cara ao exercicio 2017. Tamén se estableceron os criterios de rotación para nomear os representantes das ANPAS no Consello escolar municipal. Esta xuntanza enmárcase dentro do plan de diálogo e consenso coa comunidade educativa antes de abordar calquera modificación en materia de educación.

O goberno municipal está traballando para sacar a comezos do vindeiro ano as distintas liñas de subvencións municipais. Dentro desta liña de traballo, este luns, 14 de novembro, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, mantivo unha xuntanza coa comunidade educativa de Ames para abordar a elaboración da nova convocatoria de axudas que está dirixida ás ANPAS municipais. Nesta xuntanza acordouse establecer un período concreto que dea cobertura a todo o curso escolar.

Tamén se falou da posible incorporación de máis conceptos subvencionables para adaptalos á necesidades reais das actividades desenvolvidas pola ANPAs, así como simplificar os criterios de valoración e incorporar uns criterios obxectivos por volume de alumnado de cada centro escolar. Por último, falouse de revisar as esixencias na publicidade institucional de cofinanciamento, de maneira que sempre se faga con carácter posterior á resolución da  concesión da axuda.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, agradece a participación de tódalas ANPAs nesta xuntanza “xa que dende o goberno temos o compromiso de consensuar e abordar calquera modificación en materia educativa cos seus representantes.  Neste caso quixemos facer participe á comunidade educativa na elaboración da nova convocatoria de axudas dirixidas ás ANPAs para que puidese opinar sobre os cambios que se pretenden realizar”.

Consello escolar municipal

En relación á Consello escolar municipal, o regulamento establece que sexan seis os pais ou nais que teñen que nomear as ANPAs para formar parte deste órgano. Debido a que hai once ANPAs municipais propúxose un sistema de rotación anual mantendo o mesmo número de representantes por ciclos escolares (2 ensino infantil, 2 ensino primario e outros 2 de ensino secundario) para que os pais e nais de todas as ANPAs estean representados/as en dito Concello escolar.

Cómpre lembrar que o regulamento do Consello Escolar Municipal de Ames e maila designación dos dez representantes da corporación municipal en dito consello escolar foi aprobado de xeito definitivo no pleno ordinario do mes de setembro. Dito regulamento substituirá ao aprobado no ano 2004, que nunca se chegou a poñer en marcha. O novo regulamento inclúe unha cláusula importante que é a participación de todos os membros da corporación e da comunidade educativa que desexen estar presentes nos plenos deste consello escolar. Este órgano será o principal punto de encontro da comunidade educativa para a toma de decisións no ámbito municipal.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial