займ срочно

O Pleno de Ames aproba a actualización da Relación de Postos de Traballo

0

Ames, 2 de xaneiro do 2017 – O pleno ordinario de decembro foi extenso pola gran cantidade de temas que se trataron. Os acordos máis importantes aos que se chegaron foron a resolución de alegacións e maila aprobación definitiva da actualización da Relación de Postos de Traballo, a adxudicación da licitación da xestión do servizo público do Ciclo integral da auga e a aprobación da Conta Xeral de 2015.

No pleno tomou posesión do cargo de concelleiro Enrique Costas, que pasa a formar parte do grupo municipal de Ames Novo, e deuse conta da renuncia da acta de concelleiro de Alberto Piñeiro, do grupo municipal popular, por motivos profesionais. No lugar de Alberto entrará na corporación municipal, María de la Encarnación Santiago Hermo.

A corporación municipal aprobou por maioría absoluta no pleno ordinario celebrado este xoves, 29 de decembro, a resolución de alegacións e a segunda modificación puntual da Relación e Postos de Traballo (RPT), aprobada inicialmente na sesión plenaria do 30 de xuño de 2016. Este punto saíu adiante con 10 votos a favor, pertencentes aos membros do goberno municipal e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os 4 edís de Ames Novo abstivéronse para posibilitar dita aprobación, e os concelleiros/as de Pacto por Ames e do grupo municipal popular votaron en contra.

Cómpre lembrar que o pasado 14 de decembro celebrouse un pleno extraordinario onde xa se debateu este tema, pero finalmente quedou encima da mesa ante a proposta presentada polo concelleiro non adscrito, Javier López, que foi apoiada polo propio concelleiro non adscrito e polos edís dos grupos municipais de Ames Novo, Partido Poupar e Pacto por Ames. Ante esta circunstancia o goberno municipal convocou a Mesa Xeral de Negociación o pasado 20 de decembro, onde os delegados sindicais, que representan ao persoal municipal, ratificaron o acordo ao que se chegou co goberno na Mesa Xeral de Negociación anterior, celebrada o pasado 11 de novembro de 2016.

Ese mesmo día, o 20 de decembro, o grupo municipal Ames Novo, meteu por rexistro unha proposta na que manifestaba a súa vontade de absterse, posibilitando a aprobación da RPT, no caso de que se suprimise o posto de Secretaría adxunta e se crease un posto de técnico de Secretaría do subgrupo A1, ligado a Recursos Humanos, tal e como se recolle na acta da Mesa Xeral de Negociación do 11 de novembro de 2016. Deste xeito, co obxectivo de desbloquear a situación e aprobar a modificación da RPT o goberno municipal presentou unha nova proposta na que se suprimiu o posto de Secretaría adxunta e creouse un novo posto de técnico de Secretaría, que asuma tamén funcións en materia de Recursos Humanos, e pertencente ao subgrupo profesional A1.

Outro dos temas que se aprobaron, neste caso por unanimidade, foi a aprobación da Conta Xeral de 2015, na que se reflicte a estabilidade orzamentaria do Concello de Ames no ano 2015, cun resultado orzamentario que arroxa un superávit de 1.788.937,81 euros e cun remanente de tesourería positivo por importe de 3.313.357,53 euros. Segundo o goberno municipal estes indicadores sinalan que se está a realizar unha xestión eficiente e eficaz, que permite ampliar os servizos e dar resposta ás demandas da veciñanza e ás novas necesidades que van xurdindo.

Asuntos plenarios relacionados con obras municipais

Por outra banda, o Pleno aprobou por unanimidade a declaración de especial interese das obras de ampliación do CEIP Agro do Muíño, para aplicarlle unha bonificación do 95% no imposto de construcións, instalacións e obras, de acordo coa normativa actual que rexe no Concello de Ames. Dita obra terá por obxecto atender o importante aumento de alumnado na etapa de educación infantil. A ampliación supón a creación de 3 novas aulas para 25 alumnos de infantil cada unha delas e con cadanseu aseo incorporado. Así mesmo, a obra inclúe os espazos comúns pertinentes e a rampla de acceso, configurando un novo volume cunha superficie útil total de 243,75 m2 que se suma á do edificio xa existente, reproducindo as súas mesmas pautas arquitectónicas.

Outro dos puntos aprobados por unanimidade foi o proxecto reformado da obra de reparación de interiores en Pegariños e outro, que está incluída no Plan de Aforro e Investimento 2015 da Deputación da Coruña. Este proxecto foi adxudicado en Xunta de Goberno Local no pasado mes de maio, pero unha vez replanteada a obra, no momento de escavar a gabia para colocar a tubería que se recollía no proxecto, comprobouse que en parte da traza (82 metros) estaban colocadas tuberías de saneamento e abastecemento que é necesario manter porque están dando servizo a vivendas do núcleo de Pegariños. Debido a iso é preciso diminuír o diámetro de ditas tuberías ata os 250 milímetros nos 82 metros indicados, de xeito que se poida continuar coa rede prevista. Esta variación permite engadir 190 metros máis de tubería (por ser esta máis económica), o cal supón un incremento no servizo de recollida de pluviais en 90 metros. Agás o referido anteriormente, o resto do proxecto, así como o presuposto non sofren variacións.

Por último, no que se refire a temas relacionados con obras, aprobouse por unanimidade a corrección de erros que hai que realizar no proxecto de ampliación do pavillón do Milladoiro, para o que se lle solicitou unha subvención á Deputación da Coruña. No pasado pleno ordinario de novembro a corporación municipal aprobou por unanimidade o proxecto técnico da obra de ampliación do pavillón municipal de deportes do Milladoiro. Este proxecto recolle a ampliación en 180 metros cadrados do pavillón do Milladoiro co obxectivo de executar unha nova sala-ximnasio, que ten un custe de 81.831,02 euros.

Sistema de recadación da Deputación

Outro dos asuntos aprobados por maioría absoluta foi o acordo adoptado para reclamarlle á Deputación provincial da Coruña, a través dun proceso contencioso-administrativo, a execución das competencias que ten delegadas en materia de recadación en período executivo de tributos, prezos públicos e calquera outro ingreso de dereito público de carácter non periódico ou de periodicidade inferior a un ano, tal e como se recolle no acordo adoptado no pleno do 25 de outubro de 2012.

A pesar desta circunstancia o ente provincial non está exercendo dita competencia e polo tanto non está cobrando a executiva destes tributos o que está xerando un prexuízo para o Concello de Ames, pois deixa de recadar uns dereitos que lle corresponden sendo responsabilidade da Deputación facelo, xa que ten delegada dita competencia. Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros/as do goberno municipal, de Ames Novo, do Partido Popular, e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os edís de Pacto por Ames abstivéronse.

A continuación, aprobouse por unanimidade a revogación parcial da delegación de competencias en materia tributaria efectuada polo Concello mediante acordo plenario de 25 de outubro de 2012 na Deputación da Coruña. Este acordo adoptouse co obxectivo de que a partir do mes de xaneiro de 2017 os tributos pendentes de recadar en período executivo non prescriban.

O Pleno tamén aprobou por unanimidade a adxudicación da licitación da xestión do servizo público do Ciclo integral da auga do Concello de Ames. No pleno celebrado o 24 de novembro acordouse a clasificación de ofertas da licitación da xestión deste servizo municipal. No acordo requiríase ao licitador clasificado en primeiro lugar, Espina y Delfín, SL, para que no prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da notificación do acordo, presentase a documentación que se lle relaciona para, de ser o caso, proceder á correspondente adxudicación. Unha vez presentada a documentación solicitada o Pleno procedeu a adxudicar este servizo á empresa Espina y Delfín, S.L.

Apartado de mocións

O grupo municipal de Pacto por Ames presentou unha moción por vía de urxencia para a concesión dunha subvención nominativa a asociación de persoas xordas de Santiago de Compostela. O Pleno aprobou por unanimidade que se estude a contía e a fórmula que se podería utilizar para axudar economicamente á Asociación de persoas xordas de Santiago de Compostela, declarada de utilidade pública.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies