Ames aprobou en pleno as demandas da policía local

0

Ames, 30 de abril do 2019 – O Pleno de Ames aprobou finalmente os cambios na relación de Postos de Traballo que afectan de xeito directo, e resolven, o conflito aberto coa Policía Local.

A reforma consiste nunha nova valoración e adecuación do complemento de destino dos postos da Policía Local e o restablecemento das retribucións minoradas no complemento específico do persoal da Policía Local, que foi obxecto de reclasificación profesional ao abeiro do disposto na disposición transitoria primeira da Lei 4/2007, de Coordinación de policías locais de Galicia. Os diferentes grupos municipais mostraron a satisfacción pola resolución destes dous temas que estaban enquistados dende hai tempo. Por parte da Alcaldía fíxose un repaso de todas as negociacións mantidas coa Policía Local, a través do Consello Galego de Relacións Laborais, para chegar a un acordo no restablecemento das retribucións minoradas no complemento específico, e dos acordos adoptados cos representantes sindicais na Mesa Xeral de Negociación.

A nova valoración e adecuación do complemento de destino dos postos da Policía Local foi aprobada  en Mesa Xeral de Negociación, xunto á nova valoración do complemento de destino dos postos do grupo B, xa aplicada en 2018. Dita adecuación conleva un incremento de nivel co conseguinte incremento retributivo. Por outra banda, co restablecemento das retribucións minoradas no complemento específico restablécese a percepción da totalidade de dito complemento específico que, segundo a RPT vixente, corresponda aos postos efectivamente ocupados e desempeñados.

O pago de dito restablecemento das retribucións minoradas materializarase de forma gradual, segundo o acordado ao efecto pola Mexa Xeral de Negociación. Acordouse un criterio de aplicación plurianual, a tres anos, que comezaría no presente exercicio e a razón dunha recuperación porcentual mínima (agás mellora posible e previamente acordada pola Mesa Xeral) do 34%, 33% e 33%, respectivamente. Todo iso sen prexuízo das variacións ou modificacións que, por aplicación das previsións legais aplicables en cada momento, puideran resultar pertinentes. Ambos puntos saíron adiante co voto a favor de 15 concelleiros/as e a abstención de 4 edís.

Plan de Subvencións

O Pleno aprobou a terceira modificación do Plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames. Dito plan foi aprobado no pleno de maio de 2017. Agora foi preciso facer unha modificación co obxectivo de incluír as novas liñas de axudas que se recollen no Orzamento de 2019. Así, inclúese unha liña de achegas de 60.000 euros dirixida as entidades e clubs deportivos, para actividades de escolas deportivas, fomentando a práctica deportiva entre os máis novos; e unha axuda de 17.000 euros destinada ao fomento dos servizos de protección civil desenvoltos pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ames. Tamén se recollen modificacións nalgunha liñas de axudas xa existentes dentro de dito plan. Este punto foi aprobado co voto a favor dos membros do goberno municipal e do grupo Ames Novo, mentres que os/as edís do Partido Popular e de Pacto por Ames abstivéronse.     

Plan de estabilización do emprego temporal

Por outra banda, neste pleno aprobouse por unanimidade o Plan de estabilización do emprego temporal no Concello de Ames. Dito Plan de estabilización foi elaborado e consensuado entre a representación sindical e o goberno municipal nas múltiples reunións mantidas pola Comisión de estabilización.

Este plan, que foi aprobado en Mesa Xeral de Negociación o pasado 10 de abril, foi elaborado ao abeiro do previsto no Acordo para a Estabilización do Emprego Temporal no Concello de Ames, que foi aprobado no Pleno ordinario de xaneiro de 2019, coa finalidade do fomento da estabilidade no emprego público municipal e a consecución dos obxectivos legais de redución da temporalidade. O presente Plan de estabilización resultará aplicable ao conxunto do emprego público municipal, con independencia de que as prazas que se convoquen, en execución do mesmo, sexan de persoal laboral ou funcionario.

O desenvolvemento dos procesos selectivos de estabilización materializarase a través da respectivas convocatorias e bases específicas reguladoras, que deberán adecuarse aos criterios fixados neste Plan, así como no Acordo para a Estabilización, e cumprir, en todo caso, cos principios de libre concorrencia, igualdade, mérito, capacidade e publicidade; e antes da súa aprobación pola Alcaldía serán obxecto de tratamento e negociación no seo da Comisión Paritaria de seguimento.

Prórroga do Ciclo integral da auga

Un dos temas que máis debate creou foi a aprobación da primeira prórroga, polo prazo de 1 ano, do contrato de xestión do servizo público do ciclo Integral da Auga do Concello de Ames, asinado con Espina & Delfín SL. Dito debate xirou arredor dunha posible municipalización deste servizo. Algo que defenderon dende o grupo municipal de Ames Novo, mentres que por parte de Pacto por Ames e o grupo municipal popular non o ven factible. Dende o goberno o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos indicou que o próximo goberno deberá analizar se é factible unha municipalización deste servizo ou incluso mancomunalo cos concellos de Teo e Brión.

Este punto foi aprobado co voto a favor dos membros do goberno e dos concelleiros/as de Pacto por Ames e do grupo municipal popular, mentres que os/as edís de Ames Novo abstivéronse.  Con esta primeira prórroga o contrato estenderá a súa vixencia ata o 15 de xuño de 2020. Durante o primeiro ano de prórroga deberán realizarse as actuacións de mantemento correctivo propias do ano de prórroga e as non executadas durante o período de duración inicial. Dito contrato poderíase prorrogar outro ano máis ata xuño de 2021.

Asociación do Camiño da Ría de Muros – Noia

O Pleno aprobou ademais, por unanimidade, a constitución da Asociación do Camiño da Ría de Muros – Noia, así como a aprobación dos seus estatutos e a designación do alcalde, da concelleira de Turismo e da técnica municipal do departamento de Turismo, como representantes municipais. Cómpre lembrar que no pleno do 25 de outubro de 2018 o Pleno aprobou o convenio de colaboración nos traballos de delimitación do Camiño a Santiago da Ría Muros – Noia.

Polo tanto, trátase agora de constituír unha asociación que estará integrada polos concellos de Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago de Compostela. Nun futuro poderán integrarse os concellos polos que transcorra o percorrido do Camiño Ría de Muros – Noia. A finalidade, polo tanto, da asociación é a promoción da ruta xacobea coñecida como Camiño Ría de Muros – Noia.

Mellora da atención sanitaria urxente no transporte sanitario

Por último, e tamén por unanimidade, aprobouse unha proposta na que se solicita unha mellora da atención sanitaria urxente no transporte sanitario no Concello de Ames. Deste xeito, reclámaselle á Consellería de Sanidade a reorganización dos recursos RTSU do 061 de Galicia e que o Concello de Ames poida contar cunha Unidade Soporte Vital Básico (USVA).

Ademais, solicitáselle á Consellería de Sanidade realizar un estudo serio e rigoroso sobre a atención urxente, contrastando o número de urxencias atendidas, urxencias trasladadas ao CHUS, tempos de resposta, tempos de asistencia, tempos de traslado ao CHUS, etc. para que se analice a conveniencia de dispoñer dunha Unidade de Soporte Vital Básico (USVA) no Concello de Ames.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial