Ames, Brión e Santiago solicitan os obradoiros de emprego Co-Labora e CreAs

0

Bisbarra, 17 de xullo do 2018 – Ames, Brión e Santiago veñen de solicitar dous obradoiros de emprego para formar a 35 alumnos en tarefas relacionadas coa urbanización e a repoboación forestal.

Estes obradoiros levan as denominacións Co-Labora e CreAs. No primeiro deles preténdese formar a 15 alumnos menores de 30 anos, na especialidade de labores de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e outros. No segundo  formaríase a 20 alumnos na especialidade de repoboación forestais e tratamentos silvícolas, pavimentos e albanelería de urbanización.

Co-Labora

Este obradoiro está dirixido a 15 futuros traballadores que terían que completar un total de 400 horas de formación (360 teóricas e 40 de prácticas), dende 1 de setembro de 2018 ata o 28 de febreiro de 2019. Para a impartición de dito obradoiro haberá que contar tamén co persoal directivo, docente e de apoio (director/a, persoal docente e persoal administrativo). A práctica laboral realizaríase en obras e actuacións que pretenden a mellora da accesibilidade en zonas urbanas dos concellos de Ames e Brión, actuando sobre todo en zonas de pasos de peóns en Brión e en dúas das prazas máis transitadas de Bertamiráns, no concello de Ames. Deste xeito, preténdese mellorar o acceso á praza da Maía, na entrada desde a Travesa da Peregrina, facilitando o acceso tanto a peóns como a vehículos de emerxencias, en caso necesario, ou aos vehículos particulares que teñen a entrada ao garaxe por esta praza. Tamén se melloraría a accesibilidade na Travesa da Peregrina. Asemade, actuaríase na urbanización Agro Novo, situada na parroquia dos Ánxeles, en Brión, para mellorar a accesibilidade en dous pasos de peóns da urbanización e a creación dun paso novo para poder acceder á beirarrúa nunha zona onde non existe dito acceso. Para a posta en marcha deste obradoiro de emprego solicitouse unha axuda á Consellería de Economía, Emprego e Industria, da Xunta de Galicia, por valor de 144.621 euros. Os Concellos promotores achegarían 39.957,24 euros (Ames 27.864,38 euros e Brión 12.092,86 euros) ata completar un orzamento total de 184.578,24 euros.

 CreAs

Por outra banda, os Concellos de Ames e Santiago de Compostela solicitaron unha subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria para o obradoiro de emprego CreAs, que contempla a formación de 20 persoas na especialidade de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, pavimentos e albanelería de urbanización. Este obradoiro tería unha duración de 9 meses, dende o 1 de setembro de 2018 ata o 31 de maio de 2019. Para a impartición de dito obradoiro habería que contar tamén co persoal directivo, docente e de apoio (director/a, persoal docente e persoal administrativo). A práctica laboral permitiría realizar en Ames a apertura de mantemento de vías forestais, mentres que en Santiago de Compostela realizaríanse traballos de urbanización e mellora medioambiental no Polígono do Tambre e a repoboación forestal e melloras silvícolas en Pedra Castro. Deste xeito, acordouse solicitar unha subvención de 287.937 euros, en base á convocatoria de subvencións para os obradoiros de emprego duais, así como comprometer o financiamento da parte do proxecto que non sexa subvencionada por importe de 69.860 euros (Ames poría 9.860 euros e Santiago 60.000 euros). O orzamento total do proxecto é de 357.797 euros.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial