Ames, Brión, Padrón e Santiago traballan na sinalización da Ruta Rosaliana

0

Bisbarra, 4 de decembro do 2018 – Os concellos da Ruta Rosaliana, Ames, Brión, Padrón e Santiago, reuníronse o pasado venres para avanzar no proxecto de sinalización como medida de impulso do roteiro.

Na reunión abordouse a creación dunha páxina web propia, a elaboración dun plan turístico de sinalización, da previsión de actividades e eventos para 2019 e de avanzar no expediente de solicitude para declarar a Ruta Rosaliana como ben de interese cultural. Nesta xuntanza tamén participaron técnicos das empresas Galicia Es+ e Girod.

Durante o encontro, os representantes dos catro concellos falaron de elaborar un plan turístico de sinalización, no que se incorporen as novas tecnoloxías da información coa incorporación do novo sistema Beacon, para dar información personalizada a través dos dispositivos móbiles. Por outra banda, traballouse na previsión de actividades e eventos de cara o ano 2019 e continuouse avanzando no expediente para facer a solicitude de declaración da ruta Rosaliana como ben de interese cultural, na categoría de guía cultural, ante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. 

Itinerario circular

A iniciativa “As Pegadas de Rosalía” foi presentada polos concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago o pasado mes de xaneiro na Feira Internacional de Turismo (Fitur), co obxectivo de achegar a vida de Rosalía a toda a poboación. Ao longo desta ruta cultural, baseada no percorrido deseñado polo intelectual Avelino Abuín de Tembra, poden visitarse os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro.

Trátase dun itinerario circular que parte da praza de Vigo, en Santiago de Compostela, e chega ao Panteón de Galegos Ilustres, despois de percorrer lugares vinculados á vida de Rosalía de Castro como San Xoán de Ortoño, a igrexa de Bastavales, en Brión, ou a colexiata de Iria Flavia, en Padrón. No pasado mes de maio realizouse unha visita guiada pola Ruta Rosaliana na que se visitaron os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial