Ames, 16 de agosto do 2018 – Ames ven de presentar un estudo que analiza os consumos de instalacións públicas de Bertamiráns e Milladoiro e propón medidas para unha eficiencia enerxética.
A auditoría realizada está enmarcada dentro da estratexia DUSI Impulsa Ames. Analizáronse os consumos de 18 edificios e deseñouse unha estratexia individualizada para cada un deles. Das cifras recollidas dedúcese un consumo anual de arredor de 560.000 kw/hora que se traducen en 95.000 euros de consumo anual só de electricidade, aos que habería que engadir preto de 38.000 euros en combustible. Os principais consumos realízanse en iluminación e climatizacións, se ben tamén teñen incidencia o uso de gas natural e gasóleo en calefaccións e consumo de auga quente. As principais medidas de eficiencia enerxética plantexadas pasan polo cambio a luminarias LED (nos edificios que o requiran por consumo) a incorporación de aerotermias eficientes e a instalación de enerxías renovables, unhas medidas que suporían un aforro enerxético de 55.800 euros anuais.
O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “con esta auditoría queremos empezar a deseñar todos os investimentos que están contemplados dentro do plan para 2018, así como os futuros de 2019 nos diferentes edificios públicos. Serviunos para detallar xa non só os consumos actuais, senón tamén, e sobre todo, as propostas para reducir eses consumos. Agora toca adaptar os datos en función das subvencións que haxa. Ao longo de agosto e setembro deseñaremos a planificación e comezaremos a facer as contratacións directas para elaborar no último trimestre deste ano o que tiñamos deseñado dentro do plan “Impulsa Ames” dentro dos orzamentos”.