Ames celebra o 25 a XIII Gala do Deporte

0

Ames, 19 de xaneiro do 2019 –  A Concellaría de Deportes de Ames celebra o vindeiro venres, 25 de xaneiro, a súa décimo terceira Gala do Deporte, o evento que anualmente homenaxea ás máis destacadas e destacados deportistas do concello, así como as entidades deportivas.

A Gala do Deporte contará con actuacións en directo e demostracións da Escola Deportiva de ximnasia rítmica, e  será presentada polos xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera. O evento terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir das 20:30 horas.

As categorías destes premios, que procuran pór en valor o deporte amesán, son oito: mellor deportista masculino, mellor deportista feminina, deportista ou equipo máis destacado dun club, promesa masculina, promesa feminina, mellor club, recoñecemento especial e o premio especial do público.

Un total de oito categorías para premiar o deporte amesan

Na categoría de deportista masculino máis destacado de Ames están nominados o xogador de baloncesto Pablo Hernández Montenegro, que no 2018 acadou o cuarto lugar na American Midwest Conference da NAIA;  o xogador de squash Borja Golá, campión de Europa por segunda vez e campión de España por decimo sexta; e Guillermo Carracedo,campión galego de copa e circuíto de paddle surf, campión de España de circuíto e subcampión da copa. No tocante á deportista feminina máis destacada, as candidatas son a xogadora de tenis Celia Montero, subcampioa júnior individual e subcampioa dobres mixtos absolutos; a patinadora Nadia Iglesias, que se alzou como campioa de España júnior e subcampioa de Europa júnior; e a xogadora de baloncesto Blanca Millán, campioa da conferencia Este da Liga Universitaria Americana e mellor xogadora da final.

No tocante ao deportista/equipo máis destacada/o dun club de Ames, optan ao premio o equipo masculino de Superliga 2 de voleibol do CV Bruxas polo seu primeiro ano de competición na división de prata nacional, a segunda categoría máis alta a nivel nacional, onde quedou en novena posicións dun total de once equipos; o equipo feminino do primeiro equipo do FC Meigas, que no 2018 conseguiu o ascenso a máxima categoría galega; Gabriel Martínez, do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, campión de España de pista en K-1 200 metros e de K-2 200 metros na categoría júnior; e Daniel Mato, campión de España e campión galego na categoría cadete en lanzamento de xabalina.

Por outra banda, na categoría de promesa masculina máis destacada de Ames, os candidatos son o nadador Samuel Míguez, campión galego de 100 e 200 metros braza; Daniel Carinena, bronce no campionato de España individual infantil de tríatlons, campión galego infantil de pista cuberta en 60m e en lanzamento de disco, e subcampión en 80m; o xogador de squash Arón Astray, que acadou o terceiro posto no campionato de España sub-19 e o subcampionato coa sub-17, así como o campionato galego en ambas categorías no campionato de España de Seleccións Autonómicas; Alejandro Cereijo, terceiro no campionato galego sub10 de xadrez, campión premundial sub10, 4º español do mundial sub10 e oitavo español no ranking ELO Fide 1669; e David Rico, campión galego en kata alevín masculino e en kata por equipos alevín mixto. No referente á promesa feminina máis destacada, optan ao premio a xadrecista Nerea Cereijo, campioa galega feminina sub10, campioa premundial feminino sub10, 3ª española do mundial feminino sub10 e primeira española no ranking ELO Fide 1669; Alicia Lariño, patinadora da categoría benxamín nacional, campioa do Trofeo Deputación da Coruña, subcampioa do Trofeo Xunta de Galicia; e Malena Pellegrino, que no 2018 pasou a formar parte da plantilla do primeiro equipo sénior autonómica, converténdose na xogadora máis nova en competir nesta categoría, aínda que compite tamén en cadete autonómica.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial